CGT | nota de prensa

Prazas de Navantia: outro mes perdido

O comité de empresa e a dirección de Navantia-Ferrol chegaron a un acordo o 4 de xaneiro sobre as convocatorias de prazas pendentes, que foi asinado o día 10 por CCOO, CIG, MAS e UGT. O único sindicato que non o asinou foi a CGT.
Prazas de Navantia: outro mes perdido

A CGT rexeitou o acordo por transformar 32 prazas de operarios e empregados (24 sénior e 8 júnior) en 32 prazas universitarias, o cal é unha violación do reparto previsto entre os diferentes tipos de prazas.

Ademais, o acordo era inconcreto: non definía as profesións a convocar.

Onte fixo un mes da sinatura do acordo. As profesións seguen sen estar definidas.

Como é posible que un mes despois Navantia siga a dicir que non sabe que profesións vai convocar? Alguén se pode crer isto? Isto é unha tomadura de pelo. Os feitos demostran que a empresa quere seguir atrasando a convocatoria.

Xa está ben! A CGT esixe que Navantia faga públicas inmediatamente as profesións e o número de prazas para cada unha delas. Hai centos de persoas esperando que merecen un respecto.

Ademais tamén esiximos a simplificación dos temarios das prazas de operarios júnior e a comunicación pública dos mesmos. Ningunha das dúas cousas debe esperar a que saia a convocatoria oficial das prazas pendentes.

Pero a empresa non é a única responsable desta situación. Os sindicatos asinantes tamén teñen unha parte da responsabilidade.

Mentres as convocatorias anteriores foron negociadas pola Comisión de Formación do comité (na que participa a CGT), esta convocatoria foi negociada pola Comisión de Produtividade (na que a CGT está vetada polos outros sindicatos).

A Comisión de Produtividade usurpou as funcións da Comisión de Formación para meterse a negociar o que non lle correspondía (o reparto das prazas por tipo de convocatoria) e deixou sen negociar o que si lle correspondía (o reparto das prazas por profesións).

Que profesións son as 2 prazas de operario sénior para a área de Armada Española de Carenas? Que profesión é a praza de empregado sénior para a área de Sistemas de Calidade?

Non se sabe, pero non o saben os que asinaron o acordo! Algún di agora que aclaralo é cousa da Comisión de Formación!

Non estaríamos así se outros sindicatos, en vez de asinar acordos chapuceiros, mantivesen fronte a empresa a actitude firme e reivindicativa que mantén a CGT.

Prazas de Navantia: outro mes perdido