Entrevista ó alcalde de Lesbos

"O verdadeiro problema que temos en Grecia é a UE; nunca tivo plan nin estratexia para os refuxiados"

Spyros Galinos, alcalde da municipalidade de Lesbos, é unha figura controvertida na illa. Fillo dun heroe da resistencia grega contra a ocupación nazi, desenvolveu numerosos cargos políticos de carácter local até que en 2009 saíu elixido como membro do Parlamento grego polo partido de centro-dereita Nova Democracia. Posteriormente, en 2014 presentouse á alcaldía da municipalidade de Lesbos nas listas do partido conservador Gregos Independentes e gañou as eleccións proclamándose rexedor.

"O verdadeiro problema que temos en Grecia é a UE; nunca tivo plan nin estratexia para os refuxiados"
Spyros Galinos, alcalde de Lesbos, no seu despacho
© Miguelanxo Lar / María Rúa | Praza Pública
Spyros Galinos, alcalde de Lesbos, no seu despacho © Miguelanxo Lar / María Rúa | Praza Pública

Fonte: Praza Pública | Enviados especiais: Miguelanxo Lar / María Rúa | 01/09/2016

Na actualidade, son poucas as persoas que conseguen situalo baixo unha etiqueta política. As directrices do partido no que se integra distan bastante das medidas que Galinos desenvolveu ao longo do último ano na illa de Lesbos para asistir os milleiros de refuxiadas que foron chegando. Baixo presións que, din, recibe por ambos lados do arco político, nin a propia esquerda da illa ten claro o que opinar del. Sexa como for, o seu compromiso por atender debidamente ás refuxiadas non é posto en dúbida por case ninguén, e incluso hai veciñas que o acusan de “facer máis caso ás persoas desprazadas que ás propias locais”.    

Como foi para unha illa de menos de 100.000 habitantes convivir cos miles de persoas refuxiadas que chagaban a diario?

Creo que a xente de Lesbos respondeu á chamada da historia. Foron momentos históricos os que tivemos que vivir e por suposto, as circunstancias foron moi difíciles pero finalmente conseguimos responder dunha maneira eficiente.

Como se sente un alcalde cando, de súpeto, ten que abordar a xestión dun fluxo masivo de persoas desprazadas dunha maneira eficaz?

Foi moi difícil pero creo que respondemos eficientemente a esta crise humanitaria. É moi importante prestarlle axuda ás refuxiadas e migrantes que chegan a Lesbos. Iso fixemos e penso que o mesmo debera facer a UE. Desafortunadamente, dende aquí as cousas que podemos facer por elas son limitadas porque os nosos recursos tamén o son. Neste punto os nosos recursos están case esgotados, así que outros países deberan asumir as responsabilidades que teñen con elas tamén.

A situación da illa mudou. Pasou de ser un lugar de tránsito polo que accedían as persoas refuxiadas ao continente grego para se converter nun lugar de acollida. Neste contexto, que medidas está desenvolvendo a municipalidade nestes momentos?

O verdadeiro problema que temos é a UE. Dende o inicio da crise das refuxiadas nunca houbo un plan ou unha estratexia. Pola contra, nós temos propostas e iniciativas que lle enviamos ao presidente da Comisión Europea. En primeiro lugar, as refuxiadas e migrantes deben ser pre-rexistradas en Turquía para despois ser trasladadas aos países europeos garantindo a súa seguridade. Desta maneira poderiamos xestionar esta crise. Creo que a UE non pode deixar a Grecia completamente soa xestionando esta situación. O resultado real do acordo entre a UE e Turquía é que 60.000 refuxiadas están bloqueadas no noso país nestes momentos. Só Grecia se está responsabilizando destas persoas e o noso sistema xa non é capaz de absorber máis refuxiadas. Por esa razón, a UE debía implementar a nosa iniciativa. Pre-rexistro en Turquía e recolocación segura nos países da Unión Europea. A refuxiadas teñen este dereito como solicitantes de asilo.

Que comportamento está tendo a UE con Grecia?

Os mecanismos burocráticos da UE non permiten tomar decisións rápidas. Os países membros da UE erran ao interpretar o que significa o proceso de integración europea. É completamente irracional buscar só os beneficios de participar na UE pero non apoiar solucións cando hai unha crise comunitaria que nos afecta a todas como esta. É unha necesidade urxente para a UE construír pontes cos países e non deixar a Italia ou Grecia sós para amañar a situación. Incluso aínda querendo demostrar toda a nosa solidariedade coas refuxiadas, mesmo se a nosa ética non nos permite ignorar a situación, os recursos son realmente limitados e agora mesmo non estamos en situación de axudar moitas máis refuxiadas.

O acordo entre a UE e Turquía esta no punto de mira nos últimos tempos. É posible que nun futuro próximo poida romper e iso implicaría unha chegada masiva de refuxiadas novamente ás costas de Lesbos. Como asume dende o consistorio esta posibilidade?

A UE está cometendo dous erros. En primeiro lugar, a UE debería intervir sobre as causas reais que están forzando esta xente a migrar. É dicir, estabilizar a situación nos países de orixe. Isto resolvería o problema. En segundo lugar, creo que é irracional estar firmando acordos cando non se van cumprir. Se UE asina un acordo cun terceiro país, este acordo debería ter carácter obrigatorio para as dúas partes. É difícil preguntarlle a Grecia que pasará se este acordo racha porque é evidente que o noso Estado non poderá soster a situación. Non hai plan B. O acordo, pola súa natureza, debe ser cumprido polas partes integrantes. Grecia agora sofre as consecuencias das políticas erradas que foron tomadas pola UE. Se Turquía non cumpre isto vai ser entendido como unha ameaza de guerra  indirecta en Grecia. Se o primeiro ministro turco ameaza dicindo que vai encher Grecia con refuxiadas, nós só podemos protexer o noso país, sempre que a UE nos deixe completamente sós.

Como está afectando a vaga de refuxiadas á illa?

Non é correcto avaliar unha crise humanitaria en función dos seus custos ou beneficios económicos. Dende o principio sempre tiven claro que non podes poñer ao mesmo nivel as vidas humanas e os custos económicos. Ao mesmo tempo, claro que hai un custo a día de hoxe pero non se pode comparar coas vidas humanas. Estou enfadado polo ameazante dilema sobre o que me fan escoller. Algo así como a arma que teño que elixir para matarme a min mesmo. Eu vou loitar e apoiar a comunidade local, mais tamén ás refuxiadas e migrantes. Realmente quero que a UE implemente as políticas correctas e faga uso dos valores cos que un día se fundou.

O campamento de refuxiadas de Kara Tepe, na illa de Lesbos e de propiedade municipal, está considerado un dos campamentos de maior calidade de todo Grecia. Como se conseguiu esta situación?

O noso obxectivo principal foi sinxelo. Simplemente apostamos por crear condicións de vida digna para os seres humanos. Así foi como Kara Tepe chegou a ser un dos mellores centros de aloxamento para persoas refuxiadas.

"O verdadeiro problema que temos en Grecia é a UE; nunca tivo plan nin estratexia para os refuxiados"