Falamos con Diana Varela, de Medula Editorial

Diana Varela: "Medulia Editorial é unha proposta de compromiso e coherencia co noso País e con nós mesmos"

Diana Varela Puñal é a directora, xunto con Xulio López Valcárcel, de MEDULIA EDITORIAL, ubicada na emblemática zona coruñesa dos Mallos. Un dos barrios que acolleu algunha das industrias máis sobranceiras da Coruña, como no seu día foi a coñecida fábrica de zapatos de Ángel Senra e que agora lle dá nome a rúa peonil.
Diana Varela: "Medulia Editorial é unha proposta de compromiso e coherencia co noso País e con nós mesmos"
Diana Varela Puñal
Diana Varela Puñal

Nacida en Corme-Porto, Costa da Morte, trasladouse ós catorce anos á Coruña, onde exerce na actualidade como avogada. Algúns dos seus poemas viron á luz na revista Xistral de Lugo, no Anuario Brigantino, Ferrol Xurídico, no xornal o Correo Gallego…  Colaborou no diario Galicia Hoxe coa súa sección semanal “Cartas boca arriba”.

Despois de gañar o Premio Díaz Xácome, de Mondoñedo, obtivo no ano 2006, polo seu poemario “Fíos”, o Premio Uxío Novoneyra das Pontes de García Rodríguez. “Fíos” foi editado por Espiral Maior no ano 2008, a mesma editorial que publicou, en decembro de 2010 o seu segundo libro, Animal Abismo.

No ano 2011 sae a luz o poemario infantil ilustrado, “As trovas de Midas”, publicado por Galebook.  En decembro de 2012 gañou o premio Estornela de Teatro, coa súa obra “Arlequino Viceversa” (editorial Embora).

Levou a escea dúas pezas de teatro: “Lúa de Mel”, publicada na editorial Laiovento, dentro do libro colectivo Banqueiros, e “A morte é a túa voz ausente” (editorial Pigmalión).

En xullo de 2015, publica “Fin de Festa” a súa primeira novela, editada por Laiovento.

En febreiro de 2016, “Midas, Leo e o Paraugas” (Medulia Editorial), unha obra de teatro para nenos. 

En xaneiro de 2017, “Ouvre la Lucarne”, unha selección de poemas en galego e francés (Medulia Editorial).

No ano 2018 aparece o que ata agora é o seu último poemario, “Non amor”, e no 2019 publica “Diario dunha aborixe galega”, un libro de ensaio editado por edicións Laiovento.

No 2020 resulta gañadora do Premio Neira Vilas de Novela, coa súa obra “A Conxura”, que será publicada próximamente na editorial ferrolana Embora.

Como xurdiu Medulia e en que ano?

MEDULIA é unha editorial privada e independente que pretende, como obxectivo primordial, a promoción, difusión e dignificación da cultura galega, en diálogo co resto de culturas peninsulares e universais. O proxecto editorial naceu no ano 2014 e foi no 2017 cando nos instalamos no local ubicado na rúa Menéndez Pidal, cun coidadoso deseño feito polo enxeñeiro tamén cormelán, Alexandro Varela.

Cal é o motivo de ubicar a editorial nos Mallos?

A zona dos Mallos é un barrio coruñés emblemático na Coruña Industrial, onde estaba unha das fábricas máis destacadas de Galicia e mesmo de Europa, como foi a fábrica de zapatos de Ángel Senra, que chegou a confeccionar as botas dos soldados durante a I Guerra Mundial. A súa proximidade cos xulgados (os directores de Medulia son profesionais do Dereito) fai tamén viable compatibilizar ambas profesións.

Editan libros só en galego?:

MEDULIA ofrece unha asistencia integral, tanto literaria como xurídica, a calquera autor/a que nos confíe os seus manuscritos desde o momento da entrega ata a publicación, con independencia do seu lugar de procedencia ou idioma. De feito, temos obras publicadas en galego, castelán, francés e mesmo traducións do catalán, do gaélico ou do inglés.

Despois de publicados os libros, continuamos apoiando o seu desenvolvemento e promoción para dotar a cada obra da maior visibilidade e transcendencia posibles. Para o cal o escaparate da rúa Menéndez Pidal é un un punto de referencia.

Tal propósito require varios pasos. O primeiro atinxe ao asesoramento: Con frecuencia, os libros chegan “sen rematar”, isto é, sen o necesario axuste e precisión que permita entregalos sen máis á imprenta. MEDULIA encárgase da análise e corrección dos textos, vendo e solucionando posibles eivas: reiteracións, cacofonías, redundancias, erros lingüísticos e ortográficos, incoherencias argumentais, duplicidades temáticas…, axeitando a estrutura e a montaxe para obter un acabado o máis perfecto posible, tanto nos contidos como na expresión gramatical e estilística.

A segunda fase refírese a elaboración dun exemplar tipo e ás perspectivas de distribución:  MEDULIA encárgase de todo o proceso de impresión (maquetado, pre-impresión, formato, ilustracións da capa e do interior, ton e gramaxe do papel, etc), da presentación de exemplares nas principais librarías do país e da promoción nos medios. En todo este proceso, MEDULIA escoita e acolle as opinións do autor/a, que se encarga de corrixir as probas recibindo un “exemplar tipo” en todo semellante ao que vai ver a luz, para que exprese a súa conformidade antes de proceder á edición definitiva.  

Que tipo de literatura editan?

As coleccións veñen únicamente determinadas polo xénero:  Medulia Poesía, Medulia Ensaio, Medulia Narrativa, Medulia Teatro…, con carácter unitario, sen outra consideración que non sexa un almagre, un carimbo propio que permita identificar e distinguir os libros de MEDULIA dos de outras editoriais.

De feito, o nome MEDULIA, ten diversas connotacións. A primeira de Resistencia Activa, en defensa do propio pero respectando e valorando o alleo. En segundo lugar, alude ao Monte Medulio, pero feminizándoo, co cal amosamos  unha evidente  toma de  postura  conceptual  e ideolóxica. Medulia é tamén, por afinidade fonética, Médula, isto é centro, nó, esencia…, unha proposta de compromiso e coherencia co noso País e con nós mesmos.

Que libros destacan dos que teñen publicado?

Unha das obras que máis nos enorgullecen son as “Leccións de poesía para nenas e nenos inquietos”, do prestixioso escritor Luis García Montero, traducido ó galego polo profesor e estudioso Luciano Rodríguez. Asemade, “Fisterras Atlánticas”, un volume que recompila algunhas das voces máis sobranceiras da poesía irlandesa e galega, coordinado polos profesores Antonio Raúl de Toro Santos e Miguel Giráldez, expertos en literatura a ambos lados do Atlántico.

Que libros teñen agora en proxecto editar?

Un dos proxectos que máis ilusión nos fai é a tradución ó galego dos “Vinte poemas de amor e unha canción desesperada”, de Pablo Neruda. Xa chegamos a un acordo coa Fundación que, desde Chile, a terra natal do poeta, xestiona os dereitos para poder levalo a termo.

Publican libros de escritoras e escritores coruñeses?

Si, por suposto. Publicamos a varias escritoras e escritores da Coruña, pero neste caso queremos destacar o poemario do veciño Fuco Paz Souto (“Versos que recenden a mar”), con imaxes fermosísimas feitas por JCriss fotógrafo, tamén dos Mallos.

É un libro ó que lle temos especial agarimo pois saiu en pleno confinamento domiciliario, e malia todas as dificultades que tivemos, logramos sacalo adiante, tamén como símbolo de que a vida continúa e da ilusión que poñemos en cada proxecto.

Cada día lese menos?

En Medulia non o vemos así. Durante esta crise sanitaria demostrouse que a cultura en xeral e a lectura en particular, é unha forma de ocio accesible para todo o mundo, moi económica (os libros non se gastan!) e que mellora a calidade de vida: a xente que lé é máis culta, ten máis capacidade crítica e analítica, e por riba fomenta un tipo de ocio que non ten máis que ventaxas: aínda pechados na casa podemos viaxar ata a fin do mundo cun libro nas mans! Ou estudar e aprender un idioma a través dos libros. Son factores que moitas e moitos levamos reivindicando desde sempre, pero que só cando acontece unha crise de tal calibre como a de hogano, se poñen de manifesto de maneira pública. As persoas que len habitualmente é raro que se “aburran”, porque como todo está nos libros, sempre se pode recurrir a eles. 

Penso que todas e todos podemos aprender desta situación tan terrible que nos está tocando vivir, para mellorar aspectos da nosa vida. E integrar a lectura como unha rutina diaria a nivel familiar, que poden practicar desde a nena ou o neno da casa, ata as persoas maiores (mesmo lendo todos xuntos, ou uns ós outros), debe ser unha forma de ocio e de entretenemento que nos enriquece e nos fai mellores persoas. Non hai nada máis perigoso que a xente embrutecida, que fala de todo, opina de todo, sen ter lido e reflexionado “cabalmente” sobre nada. Ler é a mellor vacina contra iso!

Diana Varela: "Medulia Editorial é unha proposta de compromiso e coherencia co noso País e con nós mesmos"