Ecoloxistas en acción | nota de prensa

180 organizacións denuncian as subvencións europeas á mina de San Finx

Denuncian que a filial do Grupo Sacyr baleirou de xeito ilegal plantas inundadas da mina para realizar estudos de mineralización a cargo de fondos europeos

180 organizacións denuncian as subvencións europeas á mina de San Finx
Regato das Pesqueiras de cor naranxa augas a baixo da mina
Regato das Pesqueiras de cor naranxa augas a baixo da mina

Ecoloxistas en Acción prepara accións legais ante a pretensión de Augas de Galicia de conceder autorización de vertidos a pesar de todas as irregularidades.

As principais organizacións ambientais europeas xunto con numerosos colectivos locais e nacionais, incluíndo a Ecoloxistas en Acción e outras entidades galegas, veñen de lanzar un manifesto denunciando o crecente apoio das institucións da Unión Europea á minaría destrutiva e contaminante en Europa, baixo a escusa da chamada transición verde.

A declaración conxunta advirte sobre como as empresas mineiras e os seus accionistas se están beneficiando de subvencións públicas da UE que se canalizan cara proxectos de investigación de dubidoso beneficio público e control sobre os seus impactos e autorizacións ambientais.

Entre os exemplos de financiación da UE para proxectos mineiros que non foron sometidos a unha avaliación de impacto ambiental destacan o caso da mina San Finx, en Lousame, que recibiu financiación dos programas europeos Horizon 2020 e EIT Raw Materials, que permitiu, entre outros gastos, pagar o salario do propio director facultativo da explotación.

Tungsten San Finx S.L., filial de Valoriza Minería, mantivo baleirada por achique forzado a 5ª planta desta mina de volframio e estaño durante varios anos, de modo a utilizar esta zona paras as probas de ambos os dous proxectos europeos, a pesar de non ter autorización de vertidos da Xunta. Esta actuación implicou vertidos constantes con altas concentracións de metais pesados ao río contiguo, que flúe cara a ría de Muros-Noia e o espazo da Rede Natura 2000 Esteiro do Tambre, situados a tan só 7 km de distancia.

Ecoloxistas en Acción denuncia non só que Augas de Galicia nunca teña sancionado á empresa mineira, se non que pretenda aínda conceder autorización de vertido nun procedemento iniciado en 2016 e que estivo cheo de irregularidades e falsidades desde o inicio. A entidade ecoloxista personouse no procedemento e prepara accións legais ante a posibilidade de que Augas de Galicia autorice os vertidos nos próximos meses.

180 organizacións denuncian as subvencións europeas á mina de San Finx