BNG | nota de prensa

O BNG loitará por un lago das Encrobas libre de turbinas hidráulicas

O portavoz do BNG de Cerceda, Alberte Sánchez Regueiro, púxose detrás dos óculos de Gabriel García Márquez para calificar como “crónica dunha morte anunciada” o proxecto de instalación dunha infraestrutura de enerxía hidraúlica na frontal do lago artificial das Encrobas, creado sobre os terreos do que no seu día foi unha mina de lignito pardo a ceo aberto que abasteceu durante varios anos á central térmica de Fenosa.

O BNG loitará por un lago das Encrobas libre de turbinas hidráulicas

“Crónica dunha morte, ou dun calote, ou dun engano, ou dunha estafa anunciada – enfatizou Sánchez Regueiro – porque o tan anunciado macroespazo de lecer que había de revertir no pobo de Cerceda e servir como base para poder ofertar unha ampla oferta deportiva e de lecer que servise ademáis de estímulo económico para o noso concello é en realidade un decorado de cartón pedra, bastante cutre, que sirve de escenario para a rodaxe dunha película que, curiosamente, non queren que vexamos: a do negocio inmisericorde cos nosos recursos naturais, sen a máis mínima reversión social e económica para Cerceda”.

Asi, en opinión de Sánchez Regueiro “culminase co aproveitamento da enerxía hidraúlica un negocio que comezou co proxecto de aproveitar para consumo humano a auga do embalse, incorporándoa ao circuito de Emalcsa. O razonamento sempre é o mesmo, hai unha megaurbe metropolitana que ten unhas necesidades insaciábeis de recursos básicos, sexa a auga sexa a electricidade, e a nós tócanos ofrecelos a cambio de practicamente nada”.

“En opinión do BNG a afectación do salto eléctrico repercute negativamente no entorno, agravando o seu impacto visual e territorial polas liñas de transporte da enerxía, lesionando a imaxe idílica dunha contorna natural para o ocio, o deporte e disfrute da cidadanía. Todo fogos de artifico que se convirten en pólvora mollada ao bater contra a realidade de que a día de hoxe, moitos dos terreos anexos ao lago seguen a estar vedados ao uso cidadán, cercenando de raíz moita da potencialidade que esta paraxe podería ofrecer”, destacou Sánchez Regueiro.

O BNG loitará por un lago das Encrobas libre de turbinas hidráulicas