Ecoloxistas en Acción | nota de prensa

Denuncian un lustro de escuridade na xestión dos fondos europeos para a protección da natureza

A Consellería de Medio Ambiente e Transparencia rexeita ofrecer información concreta da cantidade exacta e dos proxectos concretos nos cinco anos de estudo (2016-2020) para o informe de Ecoloxistas en Acción sobre a xestión da Xunta de Galicia das axudas europeas á conservación da natureza.

Denuncian un lustro de escuridade na xestión dos fondos europeos para a protección da natureza
FondosEuropeos
FondosEuropeos

Ecoloxistas en Acción mostra a súa “perplexidade” pola falta de transparencia do Goberno galego e denuncian que se “desvíen” fondos a accións “que pouco ou nada teñen que ver co patrimonio natural”, entre elas algunha dedicada á caza.

Desde hai sete anos está vixente o Programa Operativo Feder, da Unión Europea, que se alongou ata o 2020. Dentro das súas liñas estratéxicas estaba plasmado o de conservación do ambiente a través de axudas que cubrían, nalgúns casos, ata o 80% das accións propostas por Concellos, entidades de distinto tipo e particulares. A Xunta convocou estas axudas de xeito periódico pero nin sequera no Diario Oficial de Galicia (DOG) queda reflectido o obxecto de todas estas cantidades orzamentarias entre os anos de estudo deste traballo: 2016-2020. A Consellería de Medio Ambiente e o Portal de Transparencia da Xunta non ofrecen información concreta das cantidades exactas nin dos proxectos específicos a xornalistas acreditados, escudándose, no caso do departamento que dirixe Ánxeles Vázquez, en que son varios os organismos internos que xestionan as axudas.

Nestes anos tamén se aprobou a nova Lei de Patrimonio Natural tras 18 anos da anterior normativa e o seu paso polo Parlamento de Galicia suscitou un forte debate no que todas as forzas da oposición criticaron as políticas de protección da natureza do Goberno galego. Pero se o eixo temático europeo do Programa Operativo Feder no que se plasma este tipo de actuacións tiña un orzamento de 152 millóns, no mes de febreiro deste ano 2021 a Xunta propón destinar 122 millóns de euros dos fondos Next Generation da Unión Europea, creados tras a pandemia de Covid-19, a desenvolver dez “proxectos de conservación de espazos naturais protexidos”.

Entidades ecoloxistas criticaron nos últimos anos o papel da Unión Europea na conservación da natureza e, na comunidade autónoma, as políticas da Xunta. Tras un acordo no Parlamento da UE para frear a destrución da biodiversidade, os expertos galegos aseguran que non se cumpre en Galicia que o 30% do territorio sexan áreas naturais.

Dende Ecoloxistas en Acción Galiza denuncian a imposibilidade de atopar “nin orzamentos nin cantidades exactas” dos fondos europeos que utiliza a Xunta anualmente pero, sobre todo, censuran que “non sabemos a que se destinaron” ao detalle. A situación de “perplexidade” é completa, comentan os seus representantes, porque existe un “desvío” de fondos a cuestións como “amañar camiños ou potenciar o turismo” que, destacan, “pouco ou nada teñen que ver co patrimonio natural”.

A entidade apunta como necesidades “urxentes” o freo das verteduras ás augas ou o tratamento de ecosistemas “sensibles” como as brañas que, din, están descoidadas. A política forestal ou a referida ao lixo son outros dos temas nos que a Xunta debería investir os cartos que chegan de Europa, engaden os ecoloxistas galegos, así como na biodiversidade e poñen como exemplo a “pouca preocupación” na conservación de sementes autóctonas. “Non se está protexendo o material xenético das nosas especies forestais, froiteiras...”, explican. O resultado das pescudas para realizar o informe lles causa “gran incerteza” e “preocupación” pola falta de transparencia da Xunta.

Comentarios
Denuncian un lustro de escuridade na xestión dos fondos europeos para a protección da natureza