Medio ambiente

Nace EcoCanle, un novo magacín para informar da actualidade ecoloxista en Galiza

Presentación do programa EcoCanle, un programa en formato audiovisual que poderá verse online a través de YouTube.
Nace EcoCanle, un novo magacín para informar da actualidade ecoloxista en Galiza
EcoCanle int
EcoCanle

Hoxe mércores 3 ás 10h realizarase o lanzamento do programa 0 con entrevistas a Antón Lois de Amigos da Terra, Manoel Santos de Greenpeace Galicia e Ana Varela de Petón do Lobo, reportaxes sobre as desfeitas das canteiras de Budiño e sobre a contaminación na comarca da Limia e unha sección fixa sobre a caza: Informe cinexético con Alberto Rivero voceiro de ANC.

Trátase dunha ferramenta comunicativa dinámica ao servizo dos movementos ecoloxistas galegos, aberta e plural, na que terán cabida diferentes temáticas no ámbito do ecoloxismo. Nestes tempos de emerxencia climática e agresións á nosa Terra faise necesario visibilizar estas problemáticas dando a voz a persoas do ámbito do ecoloxismo e das plataformas que loitan contra a depredación de Galiza.

O obxetivo da iniciativa é servir de eco das mobilizacións e denuncias, poñer o micro e a cámara a conflitos medioambientais, recollendo toda a diversidade que caracteriza ao movemento ecoloxista galego. 

Unha proposta aberta á cidadanía en xeral e ao ecoloxismo organizado en particular, ás sociedades ambientalistas e colectivos defensores da natureza, divulgadoras e educadoras medioambientais, plataformas veciñais, colectivos ecofeministas, colectivos en defensa do monte comunal, do territorio e das nosas rías, ríos e lagoas. Nacemos coa vocación de poñernos ao seu servizo e contribuir a tecer rede e a sementar conciencia verde na nosa Terra.

 

Comentarios
Nace EcoCanle, un novo magacín para informar da actualidade ecoloxista en Galiza