MEDIO AMBIENTE

Non é país para koalas

Ecoloxistas en Acción Coruña presenta a Helena Martínez – Cabrera (activista do grupo local) dinamizando: "Non é país para koalas" este sábado 18.

Non é país para koalas
Non é país para koalas
Non é país para koalas

Dentro do programa de MICROFALADOIROS ABERTOS PARA A FORMACIÓN E DEBATE SOCIAL, este sábado 18 de xaneiro ás 19:00 horas no Centro Cívico da Cidade Vella, Helena Martínez botará unha ollada dende a ecoloxía social ao estado do monte en Galicia

En Galicia a superficie total na que o eucalipto está presente pasa xa segundo datos oficias do 13%. A última edición dispoñible do Inventario Forestal, principal ferramenta estatística do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente e destinada a documentar a evolución das masas arboradas do Estado, fala tamén de que por primeira vez na historia un 51,2% da superficie arborada galega correspondía a masas de piñeiro ou eucalipto.

A homoxeneización da paisaxe só se entende asociada ao proceso de desagrarización tardía pero abrupta de Galicia e ás plantacións industriais que se viñeron impulsando polo Estado dende a ditadura de Primo de Rivera, xerando unha importantísima conflitividade social no rural. A velocidade deste proceso tería dificultado o establecemento dun modelo territorial para Galicia a medio e longo prazo, entre os que o monte é parte fundamental.

O espallamento de especies de medra rápida supuxo un cambio radical das relacións das persoas co monte, pero como se explica hoxe a aceptación xeneralizada da eucaliptización e que pistas nos dá para transicionar cara un modelo de xestión forestal e do rural non extrativista?

Veremos que a plantación de especies de medra rápida é entendida como un modelo con data de caducidade para as persoas propietarias, mais tamén como o único xeito de seguir traballando a terra dada a falta de usos alternativos e que requerirían hoxe da creación de incentivos por parte da administración e dunha maior organización da sociedade civil do rural, gravemente afectada polo binomio despoboamento e envellecemento. É tamén entendida como un xeito de establecer unha continuidade coas xeracións pasadas, e como un treito identitario das persoas do rural, fronte ás urbanitas.

SEGUIMOS FALANDO SOBRE ISTO O VINDEIRO DÍA 18?

Comentarios
Non é país para koalas