Salvemos Cabana | nota de prensa

Salvemos Cabana presenta alegacións aos parques eólicos mariños San Brandán e San Cibrao

A asociación considera como un desatino o plan industrial de Iberdrola nunha das áreas costeiro-marítimas de maior valor ambiental de Galicia, desenvolto en dous proxectos que poderían afectar a numerosas áreas protexidas a nivel europeo pola Rede Natura 2000, especies en perigo de extinción e mesmo ao recurso das comunidades pesqueiras das zonas afectadas das que directa e indirectamente viven miles de familias. 
Salvemos Cabana presenta alegacións aos parques eólicos mariños San Brandán e San Cibrao
Parque eólico marino
Parque eólico marino
16 de xullo de 2021.- Os parques eólicos mariños San Brandán (490 MW) e San Cibrao (490 MW) son unha nova mostra da megalomanía enerxética despregada sen rubor polas grandes corporacións, pois entre ambos proxectos pretenden instalar 70 aeroxeradores -cada uno de 14 MW de potencia- montados sobre plataformas flotantes, cunha altura de núcleo de 138 metros sobre o nivel do mar e un diámetro de rotor de 230, o que determina unha altura en punta de pa que supera o cuarto de quilómetro (253 metros), o que equivale a 4,6 veces a altura da Torre de Hércules da Coruña. A área prevista de ocupación sería igualmente demencial, con 108,7 km2 no primeiro caso e 127 km2 no segundo, o que supón un total duns 235 km2 (23.500 hectáreas) de ámbito marino.

O nivel de afectación potencial de ambos proxectos sobre os espacios protexidos non ten precedentes na historia recente de Galicia, pois no caso do parque eólico San Brandán contémplase sobre a ZEPA (Zona de Especial Protección para as Aves) do Espazo marino Punta de Candelaria-Ría de Ortigueira- Estaca de Bares (código ES0000495), a ZEPA/ZEC (Zona Especial de Conservación) Costa da Mariña Occidental (código ES0000372), a ZEC Ortigueira-Mera (código ES11100001) e a ZEC Costa Ártabra (código ES1110002). No referente ao parque eólico San Cibrao, albíscase tamén o posible impacto sobre as dúas primeiras áreas protexidas integradas na Rede Natura 2000.

Ademáis existe un risco real de impacto sobre especies de cetáceos protexidas presentes na zona mariña afectada coma o delfín común (Delphinus delphis), mular (Tursiops truncatus) e listado (Stenella coeruleoalba), a toniña común (Phocena phoncena), o roncual común (Balaenoptera physalus) e o cachalote (Physeter catodon), amén doutras especies como a tartaruga boba (Caretta caretta) e a lamprea (Petromyzon marinus), que está presente na ría de Ortigueira.

A realidade para os mamíferos mariños é que o son subacuático producido na implantación e explotación de parques eólicos neste medio pode carrexar numerosos efectos negativos incluíndo lesións, perda temporal o permanente de audición, cambios comportamentais e stress. Ademáis, estudos realizados en instalacións nórdicas que se reflicten no proxecto europeo Pharos4MPAs e un recente informe da Unión Internacional para a Conservación da Naturaza (IUCN) sinalan que todas as fases de desenvolvemento deste tipo de proxectos conlevan barreiras físicas e fragmentación do hábitat, variación nas súas rutas migratorias e risco de colisión de aves, mamíferos e tartarugas mariñas coas instalacións.

Este tipo de proxectos enerxéticos tamén conlevan outros problemas ambientais alen da contaminación acústica que levan implícita polas vibracións xeradas na góndola e nas pas dos aeroxeradores, como a contaminación por metais pesados ou produtos químicos procedentes do mantemento, o dano dos fondos mariños polas anclas e o tendido de cables, a destrución ou modificación significativa de hábitats e o impacto negativo dos campos electromagnéticos sobre a biodiversidade, factor que pode resultar problemático para o recurso pesqueiro e as comunidades que viven del.

Este problema vese acrecentado no caso de parques eólicos mariños coma os de San Brandán e San Cibrao, cuxo inmenso volume de xeración de enerxía eléctrica, cercano aos 1.000 MW, teñen que evacuar a terra mediante cables de alta tensión, o que implica unha serie de problemáticas engadidas en paisaxes costeiras únicas, pois nas súas distintas variantes a empresa plantexa o impacto potencial sobre algunhas das mellores praias das zonas afectadas como Repibelo, Sabón, Esteiro, Portocelo e Limosa.

En ambos proxectos faise referencia ademáis a que unha parte do trazado atópase dentro da Important Bird Area (IBA) "Punta Candelaria- Ría de Ortigueira-Estaca de Bares", unha das áreas importantes para a conservación de aves máis destacadas da península ibérica que se atopa dentro do maior corredor migratorio de Europa, elixida por máis dun millón de exemplares de medio centenar de especies nas súas viaxes de invernada.

Doutra banda, ubícanse dentro da área de presenza potencial en base á zonificación establecida por ambos parques eólicos en áreas emparadas polos plans de recuperación de especies en perigo de extinción coma o da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L. subsp. lusitánica Steinbacher) e a píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.).

IMPACTO NEGATIVO SOBRE A ACTIVIDADE TURÍSTICA

Finalmente, está o impacto de ambos parques eólicos sobre a actividade turística ao estar situados en dúas zonas do litoral galego nas que a espectacular paisaxe costeiro-marítima é un factor clave tanto para a poboación local como para as ducias de miles de turistas que cada ano visitan os seus enclaves porque o contacto co mar é sinónimo de saúde, permite a realización de múltiples actividades de carácter recreativo e constitúe en sí mesmo un patrimonio natural e cultural insubstituíble ao que Galicia (e a súa poboación) nin debe nin pode renunciar. Non hai que olvidar que por exemplo o parque eólico San Brandán, que afecta a nada menos de 26 miradoiros, será visible dende un dos máis míticos da Costa da Morte, o do cabo de Santo Hadrián, en Malpica de Bergantiños.

Salvemos Cabana presenta alegacións aos parques eólicos mariños San Brandán e San Cibrao