Stop Eólicos Negueira | nota de prensa

A veciñanza de Negueira mobilízase para frear o proxecto eólico de Valvaler

 Constitúese a plataforma “Stop Eólicos Negueira” para impedir que se constrúa o parque eólico de Valvaler que afectaría a numerosos espazos da Rede Natura 2000 en Negueira de Muñiz.
A veciñanza de Negueira mobilízase para frear o proxecto eólico de Valvaler
IMG_5730
Foto de Zaida Villanueva García

Grazas á colaboración de centos de veciñas e veciños, colectivos sociais e entidades ecoloxistas a plataforma presentou preto dun milleiro de alegacións ao Principado de Asturias para paralizar este proxecto tan lesivo para o medio ambiente.

O Proxecto do Parque Eólico Valvaler está localizado nos concellos de Ibias e Allande, na zona do Alto de Valvaler, Penedo dos Valíos e Busbeirón que, aínda que están en Asturias, fan fronteira directa co concello de Negueira de Muñiz, en Galiza. Pretenden construír 14 aeroxeradores que, xunto co tendido eléctrico para a canalización de enerxía, esténdense pola Paisaxe Protexida Sierra de Carondio e Valledor, afectando gravemente a Hábitats de Interese Comunitario e especies protexidas como o Oso Pardo, o Urogallo Cantábrico, o morcego Nóctulo Grande ou o Peto Mediano. Pero, ademais, non ten en conta a afectación e lexislación no territorio galego. É tal a falta de precisión do proxecto que confunde o Concello lucense de Negueira de Muñiz, tamén espazo protexido, cunha parroquia asturiana.

As instalacións proxectadas afectarían numerosos espazos da Rede Natura 2000, sendo os máis próximos as Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA) de Fuentes del Narcea, Degaña e Ibias, a ZEPA de Muniellos, as Zonas Especiais de Conservación (ZEC) de Río del Oro e Negueira, que se encontran dentro da área de influencia de 5 km das futuras instalacións. De feito a máis próxima é a ZEC de Negueira que se localiza a só 49 m do aeroxerador V-09. Por outra banda, resulta chamativo que se obvia por completo o Plan de Recuperación do Oso Pardo aplicable na zona.

No propio proxecto faise referencia á fraxilidade da paisaxe que se vería afectada e recoñécese que a construción do parque eólico levará asociado un risco de erosión debido ó movemento de terras e que, paralelamente a presenza da liña de alta tensión e o funcionamento dos aeroxeradores aumentarán o risco de incendio. Tamén se mencionan efectos directos e indirectos sobre fauna, vexetación, e contaminación acústica e visual, entre outros.

Os desmontes necesarios para a súa montaxe desfarían por completo varias montañas, xa que os accesos non poden superar o 7% de desnivel, cando os existentes son superiores ó 14% e son varios metros máis estreitos do necesario. Polo tanto, a perda da cuberta vexetal sería alarmante e afectaría ó hábitat de especies protexidas como oso pardo, lobo, pita de monte, peto mediano, voitre leonado, falcón peregrino, aguia real, nóctulo grande, etc., e flora como sobreira, freixo de folla estreita e acivro. A maiores das mortes por colisión, a fragmentación do territorio que supón, comporta a problemática da deriva xenética, “efecto illa”, e extinción de ditas especies xa de por si ameazadas. Ademais, tamén tería efectos nocivos sobre a saúde debido ó ruído e ós campos electromagnéticos que se orixinan, e producirá cambios drásticos no clima da zona dependendo da orientación dos aeroxeneradores, interferencias na rede de comunicacións,  contaminación lumínica nocturna e gran impacto socioeconómico (despoboación e desvaloración turística).

Por outra banda, o proxecto afectaría a patrimonio cultural que se atopa a menos de 10km dos aeroxeradores, incluíndo unha longa lista (Castro-Collada, Explotación de Villalaín, Petroglifos de Pena Colmea, Conjunto del Pozo de las Mujeres Muertas, Torre del Valledor, etc.) na que non aparecen enumerados os bens localizados en Negueira. Tamén, a liña de alta tensión proposta sobrevoa o Camiño de Santiago en tres puntos.

Finalmente, arguméntase un envellecemento da poboación que non se corresponde coa tendencia que se está a vivir no Concello de Negueira. Esta tendencia oposta pon de manifesto a especial valoración do medio natural e sensibilidade cara unha economía sostible que ten a poboación de Negueira e que posibilita que a mocidade poida vivir no medio rural sen poñer en perigo o futuro das xeracións vindeiras.

Listaxe de entidades que apoian a plataforma “Stop Eólicos Negueira”:

  • Amigos da Terra

  • Asamblea Moza d'Asturies

  • ASÍ NON

  • Asociación A Volta Grande do Courel

  • Asociación Asturiana d'Amigos de la Naturaleza

  • Asociación CORRIPA

  • Asociación Cultural Casa Queipo

  • Asociación de Estudios Ornitológicos del Bierzo "Tyto Alba"

  • Asociación Española para la Conservación y Estudio de los Murciélagos (SECEMU)

  • Asociación Galega de Apicultura (AGA)

  • Asociación Herpetológica Española – AHE

  •  Asociación Monte Galego

  • Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (ADEGA)

  • Asociación Xuvenil Mezá

  • Club de Montañismo Montaña de Trevinca

  • Concello de Negueira de Muñiz

  • Consejería de Administración Autonómica, Medio Ambiente y Cambio Climático, Principado de Asturias

  • Consellería de Medio Ambiente, Territorio y Vivienda, Xunta de Galicia

  • CRYOSANABRIA

  • Ecoloxistas en Acción Galiza

  • ENXEÑEIRXS sen FRONTEIRAS

  • Fundación MATRIX

  • Fundación Oso Pardo - FOP

  • GEOTRUPES

  • LLOBU, Ecoturismo y Medio Ambiente

  • Medioambiente En Asturias (MAEA)

  • Morcegos de Galicia

  • Patrimonio dos Ancares

  • Plataforma Becerreá

  • Plataforma para la defensa de la Cordillera Cantábrica

  • Plataforma Salvemos O Iribio

  • Rede ContraMINAción

  • Rede de Decrecemento

  • Rede Galega por Un Rural Vivo

  • Rural Sostible

  • SEO/BirdLife

  • Sindicato Labrego Galego

  • Sociedade galega de ornitoloxía

  • Varios montes veciñais en man común da contorna

  • WWF

  • Xente do Rural

Comentarios
A veciñanza de Negueira mobilízase para frear o proxecto eólico de Valvaler