Porto seguro xa!

Acampa chama á participación na concentración de apoio os barcos de rescate

Os promotores da concentración condenan a postura do Goberno español e do resto dos países europeos fronte a esta emerxencia humanitaria e reclaman que cumpran coas obrigacións que lles impón o dereito internacional

No que vai de ano, máis de 840 persoas perderon a vida no Mediterráneo, segundo a Organización Internacional das Migracións

Acampa chama á participación na concentración de apoio os barcos de rescate
2019_08_14-01
2019_08_14-01

A Coruña, 13 de agosto de 2019.- As organizacións que integran a rede Acampa pola paz e o Dereito a Refuxio chaman á participación mañá mércores, día 14, á concentración de apoio os barcos de Open Arms, SOS Mediterranée e Médicos Sin Fronteras, fondeados xa hai máis dunha semana en augas italianas, acadando permiso para desembarcar nun porto seguro ás máis de 500 persoas rescatadas que levan a bordo. O acto de protesta, unha iniciativa do Foro Galego da Inmigración, será diante da Subdelegación do Goberno da Coruña, ás 20 horas.  

Os convocantes queren expresar a súa condena á postura do Goberno español e do resto dos países europeos fronte a esta emerxencia humanitaria. Recordan que, no que vai de ano, máis de 840 persoas perderon a vida no Mediterráneo, segundo a Organización Internacional das Migracións.

Os gobernos que deberían dar unha resposta a esta situación como son Italia, Malta e España,  remarcan os  promotores, “están a incumprir vergoñentamente coas obrigacións que lles impón o dereito internacional ao negar un porto seguro a persoas que poderían sufrir tortura se son devoltas a Libia e que están esgotadas e necesitan protección e coidados”. Recordan que as embarcacións permanecen atrapadas sen destino no Mediterráneo porque ningún deses tres países move ficha. En Italia, os barcos están ameazados con multas de ata un millón de euros e ca retención da embarcación, Malta négase a dar autorización e España desenténdese dun barco con bandeira española,  o Open Arms. “Estes gobernos non respectan o dereito internacional”, insisten.

Consideran “inhumana e degradante a espera no mar” que están vivindo os náufragos  e  denuncian especialmente que o Goberno español non medie para lograr o refuxio inmediato destas persoas, “converténdose en cómplice da política criminal de Salvini”.

Na concentración de mañá, Acampa pola paz e o Dereito a Refuxio súmase ás reivindicacións dos convocantes fronte “a inhumana política migratoria da Unión Europea que xera monstruosidades todos os días”. Entre esas reivindicacións están a esixencia  de vías de acceso seguras para as persoas solicitantes de asilo e que se cumpra a Lei do mar e se leve a porto seguro ás persoas que naufragan. 

Os convocantes reivindican tamén que Europa cumpra co Dereito de Asilo e reforme o sistema de Dublín, que obriga solicitalo no país polo que se entra á Unión Europea.

El acto de protesta, promovido por el Foro Galego da Inmigración, será mañana miércoles, a las 20 horas, delante de la Subdelegación del Gobierno de A Coruña

Acampa chama á participación na concentración de apoio os barcos de rescate