Dereitos das persoas migrantes

Baixou a presión, máis seguimos sen escapatoria

 

Cheikh Fayé, inmigrante senegalés e veciño do Agra do Orzán, fai un relato dos problemas dos vendedores ambulantes na Coruña ao fío das últimas informacións sobre as multas do Concello a varios manteiros, algún senegalés, pero tamén doutras nacionalidades. Cheikh conta experiencias doutros inmigrantes e tamén a súa propia ao pouco tempo de chegar.

 

Baixou a presión, máis seguimos sen escapatoria
Un vendedor ambulante co seu carro de paraugas nunha rúa do centro da Coruña este venres
Un vendedor ambulante co seu carro de paraugas nunha rúa do centro da Coruña este venres

Meu amigo Lamine chegou a España en 1986 e desde entón dedícase á venda ambulante. Nunca tivo problemas graves coa policía porque ten os papeis en regra. Pero hai uns meses recibiu dúas multas por vender os seus paraugas e bolsos na rúa Real. Asustouse cando viu que nunha delas lle reclamaban 4.000 euros. Semanas despois chegoulle outra carta do Concello. “Dicíanme que as multas foran anuladas. Para estar máis certo, levei a carta xunto dunha traballadora social e ela confirmoume que a multa estaba anulada”, conta Lamine.

 

A denuncia partira dun policía da Local. Segundo explica Lamine, “a finais do 2016 un policía colleunos os datos a min e a máis xente. Isto sucedeu durante varios días. Non só unha vez”. O Concello deu trámite á sanción administrativa e informou a meu amigo, que vive nun piso con outros compatriotas. Lamine ten a familia no Senegal. É polígamo, ten dúas mulleres e cinco fillos e traballa para mantelos a todos. Normalmente vende na Coruña pero no verán tamén viaxa a moitas festas da contorna. Lamine paga menos de cen euros pola súa parte do alugueiro do piso o que lle permitiu algunha vez aforrar para comprar un coche e levalo ao Senegal. Foi da Coruña até súa casa nun Renault 19, repartiu os paquetes que outros senegaleses lle enviaban as súas familias e vendeu o coche.

 

SE COBRAS A RENDA SOCIAL NON PODES ESTAR NA RÚA

 

A semana pasada, o BNG da Coruña denunciou que houbera 15 sancións a persoas estranxeiras por “venda ambulante non autorizada” na cidade. Entrenós recolleu esta información. O BNG di que o Concello se comprometera a impulsar un plan para que os manteiros tiveran unha “alternativa laboral” ou conseguiran “a normalización da súa actividade”. Hai vendedores ambulantes que teñen papeis, pero outros non. Tamén pasa que hai quen percibe a renda social municipal e non pode vender na rúa. A renda dá para os gastos, pero non dá para aforrar e atender ás familias no Senegal. Lamine conta que cando el fora multado “o policía dixéranos que ían sancionar a quen estivera alí e ao mesmo tempo estivera cobrando a renda social do Concello, pero que aos que non tiveramos a renda, non nos pasaría nada”.

 

Segundo me contan outros compatriotas, as multas non só se producen na rúa Real. Tamén pasa na rúa Barcelona. Inda que aquí as multas que lles caen son menores. Moitas veces son de 100 euros e, pagando en prazo, redúcese á metade. Tamén sei que non só os senegaleses son obxecto de identificacións e denuncias. As veces pásalles aos latinoamericanos que tamén venden nas rúas. E moito máis aos romaneses.

 

PUNTOS DE VENDA NA CIDADE

 

Na cidade hai moitos puntos de venda ambulante “non autorizada”. Están as rúas do centro, a rúa Barcelona e a feira dos martes e dous sábados cada mes nos Mallos, que son as máis frecuentadas polos senegaleses. Os romaneses e os latinoamericanos venden tamén nos mesmos sitios. E tamén hai venda nos bares, nas discotecas e nas zonas de copas polas noites. Nos Mallos e na rúa Barcelona hai menos problemas que na rúa Real. E os problemas coa policía polas noites tamén son menores. Houbo anos malos non hai moito cando a policía acostumaba a parar xente pola noite para identificalos porque andaban na venda ambulante.

 

No 2004, durante as festas do Nadal, cando apenas me defendía para falar e andaba na venda ambulante na rúa Real confiscáronme a mercancía. Era un bolso moi grande. Estaba cheo de calcetíns, bragas, puchos. Uns policías locais tiraron as cousas do bolso na manta e deixáronme sen nada. Lembro que saíra ás carreiras cando uns axentes de paisano detiveron ao compañeiro que estaba a meu lado. Pero metinme nunha rúa que estaba pechada por un coche da policía. Eu non tiña papeis e case nin sabía falar. Perdino todo.

 

A Lamine, a última vez que o identificaron, non chegaron a confiscarlle as mercancías. Sei que comprou outro coche cos aforros e está pensando en volver facer a viaxe.

 

UN PESADELO

 

As multas son un pesadelo para os inmigrantes. Estamos pasando por unha situación moi dura con esta crise económica na que levamos tanto tempo. É difícil pagar o alugueiro e as facturas da auga e da luz. As multas complícannos moito máis a vida porque sempre temos que mandar cartos á familia no Senegal.

 

A realidade é que a presión da policía baixou. Pero as multas serán sempre unha carga dificilmente soportable. Hai que buscar solucións. Pero o problema non son os papeis para regularizar a venda, o problema é que a venda é baixa e os vendedores ambulantes teñen hoxe dificultades para tirar un beneficio mínimo. É dicir, non pasa só cos irregulares. Tamén lles sucede aos regulares. Baixou a presión, é certo. Pero a venda ambulante segue sen unha saída clara. E no caso dos ilegais, cada vez é máis estreita.

 

 

 

Cheik Fayé é autor do blogue SENEGALIZA  e do libro SER MODOU MODOU 

 

Baixou a presión, máis seguimos sen escapatoria