Acampa pola paz e o dereito a refuxio

Confirmada a presenza en AcampaCoruña 2020 da activista congoleña Julienne Lusenge

O seu labor como xornalista no leste do seu país cando estoupou a guerra civil, en 1998, permitiulle asomarse á barbarie. Lusenge é directora do Fondo de Mulleres Congoleñas e foi premiada coa Lexión de Honra Francesa pola súa defensa dos dereitos humanos.
Confirmada a presenza en AcampaCoruña 2020 da activista congoleña Julienne Lusenge
Acampa_2018_151-400x284
Acampa_2018_151-400x284

A Coruña, 11 de marzo de 2020.- Primeira confirmación e o listón moi alto.  AcampaCoruña 2020 (11,12 e 13 de xuño) contará coa presenza da activista  congoleña de Dereitos Humanos  Julienne  Lusenge, directora do Fondo de Mulleres  Congoleñas e cofundadora e presidenta de Solidariedade Feminina para a Paz e o Desenvolvemento Integrado. O seu traballo en defensa das mulleres vítimas de violencia sexual en tempos de guerra foi compensado co Premio Internacional de Dereitos da Muller 2018, outorgado por 25 organizacións de Dereitos Humanos no Cume de Xenebra para os Dereitos Humanos e a Democracia, e polo Premio  Ginetta Sagán 2016 que outorga Amnistía Internacional. Así mesmo, recibiu o Premio de Dereitos Humanos da Embaixada de Francia e foi nomeada Caballero da Lexión de Honra polo Goberno francés.

O seu labor como xornalista no leste do seu país cando estoupou a guerra civil, en 1998, permitiulle asomarse á barbarie. A súa emisora dedicábase a informar sobre saúde e dereitos humanos nas aldeas máis remotas e foi entrevistando a mulleres cando comezou a coñecer as cada vez máis frecuentes e sistemáticas agresións sexuais que estas sufrían. Diante da desmesura dese horror ela e outros 22 activistas comezaron a chamar a atención das organizacións internacionais que traballaban no país, incluída a ONU. En paralelo, Lusenge apoiaba ás vítimas nas súas denuncias fronte a xustiza co obxectivo de poder sentar aos seus agresores no banquiño dos tribunais.  En 2007 fundou o  FFC, Fondo para as Mulleres Congoleñas, co fin de obter fondos e achegar a doantes internacionais ás iniciativas locais desas mulleres.

A súa actividade e o seu compromiso multiplícanse. É socia, para o seu país, dun novo proxecto con Media  Matters  for  Women, unha organización sen fins de lucro cuxo obxectivo principal é pechar a fenda dixital para mulleres e nenas illadas en comunidades pobres e remotas de África que carecen de acceso a información sobre os seus dereitos e están en risco pola violencia de xénero e a profundización da pobreza. Tamén é membro do comité asesor da Campaña internacional para deter a violación e a violencia de xénero en zonas de conflito e ocupa a vicepresidencia da liga Internacional de Mulleres para a Paz e a Liberdade ( WILPF).

Os días 11, 12 e 13 de xuño o centro da cidade da Coruña volverá ser un espazo de denuncia da situación das persoas refuxiadas e  migrantes e as causas que as empuxan a fuxir dos seus fogares e países. Unha chamada de atención hoxe máis necesaria que nunca diante do que está a pasar nas fronteiras europeas. Haberá exposicións fotográficas en todas as salas municipais, presenza de activistas de recoñecido prestixio e todo tipo de actividades paralelas para visibilizar o tema da edición, o espolio de recursos. Como cada ano, todas estas actividades virarán ao redor dun escenario simbólico, instalado nos céntricos Xardíns de Méndez Núñez, que reproducirá as condicións nas que viven aqueles que acaban tendo que fuxir en busca dunha vida mellor e un chan en paz.

Confirmada a presenza en AcampaCoruña 2020 da activista congoleña Julienne Lusenge