Acampa pola paz e o dereito a refuxio

A exposición Espolio, protagonista do IV Encontro Internacional de Acampa pola Paz, documentará na rúa o roubo de recursos, terras e futuro a moitas comunidades

A mostra poderase visitar tamén de maneira virtual a través da web da Rede Acampa ou da plataforma www.peopleartfactory.com 

Coma na anterior edición, na que reclamou o recoñecemento da categoría de refuxiado por cambio climático, a rede Acampa pola Paz e o Dereito a  Refuxio suma agora outra esixencia, a protección e o recoñecemento internacional do Dereito a Refuxio por Espolio

A exposición Espolio, protagonista do IV Encontro Internacional de Acampa pola Paz, documentará na rúa o roubo de recursos, terras e futuro a moitas comunidades
IMAGENES CON COPYRIGHT4
IMAGENES CON COPYRIGHT4

A Coruña, 10 de novembro de 2020.- Un ano máis, os xardíns coruñeses de Méndez Núñez serán sede do Encontro Internacional Acampa pola paz e o  Dereito a  Refuxio. A aparición do COVID-19, que obrigou en xuño a aprazar a cuarta edición desta cita, esixe agora igualmente adecuar o programa da mesma ás limitacións impostas pola pandemia. Por iso, o núcleo central da proposta será unha exposición urbana a gran formato sobre os distintos escenarios do Espolio. Desde pasado mañá xoves, día en que se inaugura a mostra, e ata o 14 de decembro, todos os que ata alí se acheguen poderán  asomarse aos principais escenarios do espolio. Algúns afastados e outros non tanto. Pero todos baixo un denominador común, o abuso duns poucos, dun sistema capitalista cobizoso sobre os recursos e sobre os seus propietarios naturais.  

En cumprimento da normativa de protección fronte ao virus COVID-19 e para garantir a seguridade dos visitantes, os responsables de infraestruturas da rede Acampa planificaron un circuíto de entrada e saída perfectamente delimitado para que o público poida manter a distancia de seguridade en todo o percorrido pola mostra. 

Ao longo da mesma, asaltarannos escenas da escravitude do século XXI fotografadas por Judith Prat nas minas de coltán da República Democrática do Congo. As apreciadas terras raras, vitais para a produción tecnolóxica de uso masivo nos países desenvolvidos, converteron o país nun escenario de guerra e morte. A súa riqueza, lonxe de reportar beneficios aos seus habitantes, decimou aldeas e sementou de asasinatos cruentos a súa xeografía e a súa memoria. Poderemos tamén sumarnos á viaxe ao abandono á que nos conduce Luis de Vega, no que fotografía o presente do pobo saharauí, esquilmado en todos os seus recursos (fosfatos, area, pesca, hidrocarburos…) por Rabat e esquecido por España, por Europa e pola ONU.  

Plano exposición Espolio

Sen saír do continente africano, o fotoperiodista nixeriano  Akintunde  Akinleye convídanos a reflexionar sobre como as grandes petroleiras estadounidenses extraen o ouro negro das súas terras ancestrais, no delta do Níxer, un negocio de millóns de dólares do que só se benefician sociedades estranxeiras e as elites locais. 

Os escenarios americanos de espolio levarannos a Arxentina, Brasil e Colombia. O fotoperiodista Pablo Ernesto Piovano préstanos a súa mirada sobre o dano xerado polo agronegocio nas comunidades arxentinas que habitan na contorna destas explotacións, documentando a enfermidade, o sufrimento e a morte que veu causando o uso do herbicida glifosato durante décadas. E Javier Corso enfrontaranos á dura realidade das explotacións mineiras de  xade en Colombia, con imaxes da mina de  Muzo, capital mundial da esmeralda.  

A realidade da Amazonía e o espolio en todo Brasil chega da man do fotógrafo documental Víctor  Moriyama, da fotoperiodista Clara Belchior e dunha mostra colectiva organizada polo CIMI (Conselho  Indigenista  Missionário).  Moriyama repasa o tráxico 2019 no pulmón do mundo. Os grupos que operan a talla e a minería ilegais, ou a produción de soia e a gandería intensivas, crecéronse desde que  Bolsonaro está no poder. Os conflitos agrarios e as mortes de activistas ambientais e indíxenas hanse exacerbado. O pasado ano detectáronse máis de 80.000 puntos de incendio na  Amazonía brasileira, provocando unha crise climática mundial. A chegada do virus COVID-19 supón, ademais, unha arma de guerra do poder económico contra as comunidades indíxenas defensoras do seu territorio, máis vulnerables que calquera outro colectivo. Clara  Belchior e a mostra colectiva do CIMI, con fotografías de Guilherme Cavalli,  Tiago  Miotto e Christian Braga, enfróntannos á loita indíxena e mostran a dignidade e fortaleza desas comunidades mobilizándose en defensa da terra que habitan e que interpretan non como propiedade senón como legado. 

A exposición ten tamén espazo para espolios moi próximos. En Europa. En España. En Galicia, concretamente. Acampa pola Paz e o  Dereito a  Refuxio quere tamén reflexionar sobre a perversión do sistema capitalista que está a desbaratar o potencial industrial da comunidade galega nestes días. As plantas de Alcoa están tocadas de morte. E por causas do todo alleas á súa produtividade ou á calidade do seu produto. A loita dos seus traballadores estes últimos anos asoma nos xardíns da man das fotógrafas V. Casteleiro e Sandra García Rey. 

Destacar que esta exposición urbana poderá tamén visitarse, de maneira virtual, a través da web de Acampa www.redeacampa.org ou da plataforma www.peopleartfactory.com 

O día 26, encontro virtual sobre Espolio en Guatemala 

O programa desta cuarta edición de Acampa pola Paz e o  Dereito a  Refuxio tamén inclúe un encontro en liña organizado en colaboración coa OCV (Oficina de Cooperación e Voluntariado) da  Universidade da Coruña e a ONG Ecos do Sur. A charla, que terá lugar o 26 de novembro ás 19.30 horas (hora de Galicia) e 12.30 horas (hora guatemalteca) contará coa participación do avogado e notario de Guatemala Juan Carlos  Peláez  Villalobos e o responsable de Incidencia Política e Campañas na CONGDE e coordinador da campaña “Pobreza Cero” Pablo Martínez Osés. A charla estará moderada polo escritor e músico Xurxo Souto. A realidade de Guatemala, coas comunidades indíxenas perseguidas na súa defensa do territorio fronte ao espolio ten moito que ver co noso país. Non en balde, son varias as empresas “marca España” que han desecado os seus ríos coa construción de minicentrais hidroeléctricas, deixando a estes pobos sen hábitat e sen recursos de supervivencia.   

Acampa pola Paz e o  Dereito a  Refuxio, rede nada na Coruña en 2016, con ramificacións en Madrid, Brasil e xestándose en Portugal, é un movemento sen fins de lucro; unha rede transversal da que forman parte máis de sesenta colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, oenegués e organizacións de defensa dos Dereitos  Humanos, partidos políticos e organizacións sindicais, ademais de institucións e empresas con responsabilidade social da cidade e do resto do país. O seu obxectivo é a reflexión e a acción colectiva. Só unha sociedade formada e informada ten conciencia crítica, aseguran os seus promotores. Cada encontro internacional organizado pola rede ten o mesmo fin, conformar unha voz colectiva contra o abuso e a favor da Paz e o Dereito a Refuxio.  

 

Comentarios
A exposición Espolio, protagonista do IV Encontro Internacional de Acampa pola Paz, documentará na rúa o roubo de recursos, terras e futuro a moitas comunidades