ACAMPA POLA PAZ E O DEREITO A REFUXIO

Sete exposicións fotográficas mostrarán en Acampa 2019 a realidade de millóns de refuxiadas en distintas partes do mundo

As imaxes que se verán tanto na rúa como nas principais salas de exposicións da cidade documentan realidades como a do poder do juju (vudú) sobre as mulleres vítimas de trata en Europa; a pegada da guerra nas mulleres sirias; a das nais emigrantes que teñen que abandonar os fillos ou ben os perden; a do pobo rohingyá, a da  violencia extrema en México ou os secuestros e asasinatos de nenas e mulleres por Boko Haram, en Nixeria

Sete exposicións fotográficas mostrarán en Acampa 2019 a realidade de millóns de refuxiadas en distintas partes do mundo
ACAMPA-2019_19 Surinyach, Anna: "Ellas Tambien"_Febrero2018, Bangladesh
ACAMPA-2019_19 Surinyach, Anna: "Ellas Tambien"_Febrero2018, Bangladesh

A Coruña,  18 de xuño de 2019.- “Elas son as que máis sofren, as que máis loitan, pero a miúdo as súas historias son invisibles”. A frase é da fotoxornalista Anna Surinyach, cuxo traballo se poderá ver na terceira edición de Acampa pola paz e o Dereito a Refuxio a próxima semana na Coruña e que, nesta ocasión, poñerá o acento en mostrar en toda a súa crueza o particular drama que sofren as mulleres e as nenas desprazadas. A súa será unha das sete exposicións fotográficas que amosarán a realidade que viven millóns de persoas, fundamentalmente mulleres, en distintas partes do mundo: a do poder do juju (vudú) para escravizar a mozas africanas; os cambios que experimentaron as mulleres sirias debido á guerra; a da separación de nais e fillos pola emigración; a do pobo rohingyá no seu desterro, a da violencia extrema en México ou a dos secuestros de nenas e mulleres polo grupo Boko Haram, en Nixeria. As mostras permanecerán na Coruña ata o 25 de xulio.

A exposición de Surinyach Elas, tamén (Sala de exposicións Salvador de Madariaga), documenta á perfección como as mulleres son as máis vulnerables entre os máis vulnerables e, para exemplo, o sucedido nunha barcaza á deriva no Mediterráneo, na que se escoitaban voces femininas, pero só se avistaban homes. “Tras preguntar por elas se apartan e vemos, debaixo deles, 60 mulleres coa cabeza gacha. Algunhas con nenos, outras embarazadas. Viaxan esmagadas e no peor lugar da barcaza, á beira do motor”.

A fotoxornalista Lorena Ros asina a mostra Escravas dunha débeda (Kiosco Alfonso), que aborda o poder absoluto do juju (vudú) sobre centos de mozas africanas, ilegais e traficadas en Europa, que antes de partir son sometidas a unha cerimonia desa práctica tradicional en países como Nixeria. O rito subxúgaas psicolóxicamente aos seus traficantes e madamas. “Tal é o poder do juju que as mozas senten terror ante a idea de non chegar a cumprir o pacto que xuraron durante a cerimonia”.

A mostra da fotoxornalista aragonesa Judith PratBoko Haram, una guerra contra elas (Kiosco Alfonso), acercará á cidadanía a terrorífica realidade que viven as mulleres en Nixeria, un país sumido nun conflito devastador no que xoga un papel protagonista Boko Haram, cuxos secuestros de nenas conmocionaron o mundo enteiro. Aínda que xa practicamente non se fala do tema, calcúlase que nos últimos tres anos 10.000 mulleres foron secuestradas polo grupo terrorista. “Este traballo fotográfico fala de mulleres que se rebelan contra o papel de vítimas, mulleres sobreviventes que loitan por saír adiante e son clave para superar o conflito e facer posible que a sociedade evolucione”.

Siria non é país para mulleres (Kiosco Alfonso) é o título da mostra que asina a xornalista e fotógrafa, especializada no mundo árabe, Natalia Sancha e que reflicte os cambios que experimentaron moitas mulleres sirias durante estes oito anos de guerra civil. Son imaxes tomadas en Siria, Líbano, Grecia ou Turquía que narran como o conflito bélico mudou os roles tradicionais de moitas mulleres, que pasaron a converterse en cabezas de familia ou que, en caso das viúvas ou as estudantes, tiveron que organizarse para facer fronte á escaseza ou sumarse ás filas do exército regular.

Nais refuxiadas en Europa (Sala de exposicións Salvador de Madariaga), do fotoxornalista Santi Palacios, recolle a testemuña de cinco mulleres que escriben unha carta ao seu fillo ou filla na que explican as razóns que as levaron a abandonar a súa terra, como foi o camiño de saída e como é a vida no país de acollida. “Hai cartas a fillos/as que quedaron no seu país natal, a fillos/as que morreron no conflito que provocou o desprazamento e outras a fillos/as demasiado pequenos para entender o que sucede e mesmo a aqueles que aínda non naceron, pero están en camiño”.

A situación de máis dun millón de persoas refuxiadas rohingyás, en Bangladesh, unha gran parte delas mulleres e nenos, tamén estará presente en Acampa 2019 a través da exposición fotográfica Rohingyás, fuxindo do xenocidio, que asina Olmo Calvo (no Obelisco, ao aire libre). “A pesar da dimensión da traxedia, ocorreu ante a mirada pasiva da comunidade internacional”, lembra o fotoxornalista. E aí segue, ante os ollos do mundo, o que o Alto Comisionado da ONU definiu como unha “limpeza étnica de manual”. Olmo Calvo tamén expón Náufragas, unha colección de imaxes sobre as mulleres nas tres rutas migratorias por mar, entre Turquía e Grecia, de Libia a Italia e de Marrocos a España.

A fotoxornalista mexicana Mónica González traerá a Coruña un proxecto documental no que recompila testemuñas e historias terribles de familiares de persoas desaparecidas ou asasinadas en todo o territorio mexicano, cuxa base son postais, “algo que enviamos a alguén que está lonxe de nós para describirlle a beleza do lugar, o recordo dunha viaxe, pero que aquí son, para o remitente, a historia dunha violencia irremediable”. Baixo o título Xeografía da dor (Kiosco Alfonso), esta proposta evidencia a violencia en México desde dentro e convida ao espectador a entender a situación nese país e o trauma da desaparición forzosa.

La tercera edición de Acampa  por la paz y el Derecho a Refugio, que se celebrará en A Coruña a partir del jueves, tendrá a las mujeres y a las niñas desplazadas como hilo conductor

Comentarios
Sete exposicións fotográficas mostrarán en Acampa 2019 a realidade de millóns de refuxiadas en distintas partes do mundo