Acampa pola paz e o dereito a refuxio

O feito de ser muller como motivo de solicitude de refuxio e mais a morte de refuxiados no Mediterráneo, temas que tratará hoxe Acampa 2019

O xornalista Javier Gallego “Crudo” presentará ás 13 horas o Cómic “Coma si nunca hubieran sido”, un poema ilustrado sobre a traxedia das persoas que morren de maneira anónima no mar tentando chegar a Europa

Dúas destacadas activistas protagonizarán o encontro da tarde. Maya Al- Rahabi, cofundadora dá ONG Syrian Women’ s Political Movement e a kenyana Asha Ismail, fundadora da asociación Save a Girl Save a Generation. O acto, sobre muller e refuxio, será presentado pola xornalista Isabel Bravo

Durante o día, ademais das visitas guiadas ao campo simbólico de persoas refuxiadas, haberá outras moitas propostas como un obradoiro sobre o papel da imaxe na xenofobia, xogos de escape (Escape Room), un obradoiro de danza malinké e outro de máscaras Monimbó

O feito de ser muller como motivo de solicitude de refuxio e mais a morte de refuxiados no Mediterráneo, temas que tratará hoxe Acampa 2019
Acampa inauguración
Acampa inauguración

A Coruña, 21 de xuño de 2019.- A kenyana Asha Ismail, fundadora de Save a girl, save a generation, unha activista que leva máis de 20 anos loitando contra a mutilación xenital feminina, os matrimonios forzados e pola educación para as nenas, e mais Maya Al-Rahabi, médica, escritora e activista siria, promotora e voz do movemento político feminista de mulleres do seu país, son dúas das convidadas da segunda xornada de Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio que se desenvolve desde onte nos Xardíns de Méndez Núñez. Tamén mañá venres o xornalista Javier Gallego “Crudo” presentará, ás 13 horas, o cómic Como si nunca hubieran sido, un poema ilustrado polo lapis de Juan Gallego que aborda o drama das persoas refuxiadas que morren, de maneira anónima, no Mediterráneo.

Maya Al-Rahabi e Asha Ismail compartirán mesa no encontro Razóns para solicitar refuxio? Ser Muller, unha proposta que afondará no feito de que en moitas partes do mundo as mulleres se ven obrigadas a fuxir e solicitar refuxio por situacións e realidades coma o matrimonio forzado e a mutilación xenital, unha tortura á que aínda hoxe en día se somete a máis de 200 millóns de mulleres en trinta países. Ismail percorreu Kenya, Somalia e Tanzania, onde realizou labores de sensibilización e educación para a erradicación destas prácticas ás que ela mesma sobreviviu.

Al-Rahabi falará das consecuencias para as mulleres sirias do conflito bélico que asola o seu país desde hai oito anos. Ambas se viron obrigadas a solicitar refuxio en Europa e hoxe loitan incansablemente pola causa das mulleres dos seus pobos. O encontro será presentado pola xornalista Isabel Bravo, de Radio Coruña Cadena SER.

Como si nunca hubieran sido é un cómic de denuncia sobre a traxedia das persoas que morren no mar tentando chegar a Europa. Os autores, Javier Gallego “Crudo” e o seu irmán, Juan Gallego, entoan unha pregaria “polos cadáveres dos nenos, as mulleres e os homes que as augas arrastran á ribeira, polos pantasmas que ninguén viu partir, polos mortos que se perden para sempre na profundidade do mar Mediterráneo”.

Obradoiro sobre empoderamento feminino

O programa da segunda xornada de Acampa inclúe un obradoiro sobre empoderamento feminino, autoestima e liderado. Organizado por Comisións Obreiras será impartido por Mabel Pérez Simal, experta en Igualdade de Xénero, Técnicas de Comunicación e Relacións Laborais. Terá lugar na sala de conferencias do Kiosco Alfonso, entre as 17 e as 19 horas. Esixe inscrición previa.

Haberá, por outra banda, visitas guiadas ás exposicións fotográficas BoKo Haram, unha guerra contra elas (ás 12 horas) e Siria non é país para mulleres (16.30 h). As visitas levaranas a cabo as propias autoras das fotos, Judith Prat e Natalia Sancha (Kiosco Alfonso). As dúas autoras e mais as fotoxornalistas tamén convidadas Anna Surinyach e Lorena Ros analizarán unha instantánea e narrarán as circunstancias nas que, esa imaxe en particular, foi tomada. Será na proposta Unha foto, unha historia (16 horas, no toldo central).

O programa da xornada inclúe outras moitas achegas. Por exemplo o obradoiro E ti que pensas de min? organizado por SOS Racismo, que aborda o grande impacto das imaxes na sociedade actual e a súa importancia na creación de conceptos sobre as persoas migrantes, refuxiadas e racializadas. Con este obradoiro preténdese ampliar a mirada desde a reflexión sobre o feito de que as imaxes fabricadas “constrúen muros de mentira e de xenofobia”. Será a partir das 11 horas na sala de conferencias do Kiosco Alfonso.

Xogos, danza e máscaras Monimbó

Ecos do Sur organiza (11.30 horas) un Xogo de Escape (Escape Room), unha actividade grupal que formula un misterio por resolver. Os participantes deben pasar por diversas etapas en que han ir atopando obxectos e pistas que lles axuden a superar a proba. Esixe inscrición previa.

Outras propostas: taller de danza malinké (16.30 h) impartido por Tania Veiga, que nos achega a unha cultura case descoñecida desde o respecto e a admiración. Tamén un obradoiro de máscaras Monimbó (19 horas) apto para nenos organizado por Solidariedade Galega e Solidariedade Internacional de Galicia, onde se achegará aos asistentes ás máscaras nicaraguanas con rostro de muller de Monimbó.

Como cada día, haberá igualmente visitas guiadas polo campo simbólico de persoas refuxiadas  da man de Amnistía Internacional Galicia. Serán ás 11.30 h e ás 19 horas.

A xornada rematará ás 22.30 h coa proxección do documental Sonita, de Rokhsareh Ghaemmaghami (2015). Conta a historia real dunha moza afgá de 18 anos que entra en Irán sen documentos e busca a vida nos suburbios de  Teherán mentres loita para facer realidade o seu soño: converterse en cantante de rap. A paixón pola música choca cos plans da súa nai, que quere casala a cambio de diñeiro e que mesmo xa puxo prezo á noiva, 9.000 dólares.

O feito de ser muller como motivo de solicitude de refuxio e mais a morte de refuxiados no Mediterráneo, temas que tratará hoxe Acampa 2019