Acampa pola paz e o dereito a refuxio

A fórmula de Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio sorprende noForo Social Américas de las Migraciones

O relatorio no que traballou a Rede Internacional Acampa reflexionou sobre a migración como un dereito humano e a necesidade de articular políticas públicas e de protección social para as persoas refuxiadas, migrantes e apátridas. 
A fórmula de Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio sorprende noForo Social Américas de las Migraciones
Campamento simulado Acampa
Campamento simulado Acampa

A Coruña, 28 de outubro de 2020.- A fórmula coa que se xestou a Rede Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio (nada no ano 2016 na Coruña) e o seu tránsito nestes catro anos de vida ata a realidade internacional que é hoxe, sorprendeu no Foro Social Américas de las Migraciones celebrado a pasada semana en Montevideo, Uruguai. As representantes de Acampa no encontro mundial, a coordinadora da rede Acampa en Brasil, Célia Regina Rossi, e a sua compañeira no equipo xestor Carmem Blanco, participaron nun dos relatorios deste foro, o dedicado á migración como un dereito humano e a necesidade de articular políticas públicas e de protección social para as persoas refuxiadas, migrantes e apátridas.  A coordinadora uruguaia do Foro eloxiou o traballo que está a manter a rede na defensa dos Dereitos Humanos e destacou a fórmula de actuación desta iniciativa, que suma no seu seo a unha chea de organizacións, partidos políticos, entidades, sindicatos e particulares baixo ese paraugas común, a comprensión dos fluxos migratorios e dos movementos na busca de refuxio e a esixencia do cumprimento e ampliación das normas internacionais de asilo.  

Neste encontro internacional, as representantes de Acampa presentaron o papel da rede e os seus obxectivos así como a súa forma de traballar, sumando sinerxias das organizacións, colectivos e particulares que integran a súa estrutura. Ao tempo, aproveitaron  o marco do Foro Social para convidar a todos os países a sumarse a Acampa pola Paz o o Dereito a Refuxio tal e como fixo Brasil no seu momento, e tecer así unha rede xigante tanto en Latinoamérica coma no resto do mundo a prol dos Dereitos Humanos.  

Neste Foro Social Américas de las Migraciones suscribiuse un documento a revisar no seguinte encontro que terá lugar o ano que vén no continente africano, na cidade de Tunes. Nel se comprometeron a levar adiante una campaña pública baixo o lema “América Latina no es xenófoba, América Latina es racista”, partindo das voces dos migrantes e refuxiados racializados, que incida en cómo é a vida e cómo son vulnerados os dereitos polo racismo estructural da sociedade. Ao tempo, reclamar a portabilidade dos dereitos dos migrantes e refuxiados en base aos tratados internacionais, rexionais, e nacionais. Tamén o compromiso a xerar accións con impacto nas políticas públicas cun enfoque intersectorial para dar protección a todos os grupos de migrantes e refuxiados vulnerables (persoas racializadas, pobos tradicionais, mulleres e cativos, personas LGTBTQI, discapacitados e persoas portadoras de enfermidades) antes, durante e despois da migración.   

O FSAM forma parte do Foro Social Mundial das Migracións (FSMM), un movemento plural e diversificado, non gobernamental, que se define como espazo, “un proceso, non un evento”, para compartir experiencias, estudos, denuncias, accións políticas e propostas sobre as migracións ao longo do mundo. A súa finalidade é estender a todos os países e a toda a sociedade a preocupación polas migracións e a necesidade de construír un gran movemento mundial de defensa dos dereitos das persoas migrantes. O primeiro FSMM celebrouse en Brasil (2005) e nel acuñouse  a coñecida expresión “outro mundo é posible!”. Desde entón realizouse en diferentes países do mundo, entre eles España (2006/2008). 

Espolio 

Algúns dos temas que se trataron no Foro de Montevideo tamén foron temática central nos encontros internacionais organizados por Acampa nos últimos anos na cidade da Coruña. En cada edición, Acampa pola paz e o Dereito a Refuxio pon o foco nalgún aspecto concreto que está detrás dos desprazamentos forzosos das persoas. En 2017, a primeira edición, foi a crise dos refuxiados de guerra, achegándonos ao drama sirio; en 2018 centrouse nas migracións derivadas do cambio climático, e en 2019 apuntou ao drama específico das mulleres refuxiadas. Este ano 2020, o tema central das actividades da rede é o espolio económico como causa de moitos deses desprazamentos forzosos. 

Por mor da pandemia do coroavirus, Acampa viuse obrigada a pospoñer o seu evento máis importante, o encontro internacional anual, previsto para o pasado mes de xuño no centro da cidade coruñesa. A pesar da situación actual e, en estreita colaboración con Acampa Brasil, celebráronse os meses de xullo e agosto senllos encontros en liña na que expertos en materia de espolio contaron a dura realidade que están a vivir as comunidades indíxenas daquel país, cercados ou expulsados dos seus territorios por empresas, multinacionais e gobernos que están a esquilmar a Amazonía e outras áreas de biodiversidade imprescindibles, atendendo aos intereses económicos das grandes madeireiras, explotacións gandeiras e industrias de extraccións mineiras. 

A Rede Acampa é un movemento sen fins de lucro que naceu en Galicia no ano 2016 co obxectivo de defender os Dereitos Humanos, o Dereito Internacional Humanitario e o Dereito a Refuxio. É unha rede transversal da que forman parte máis de sesenta colectivos sociais, culturais, educativos, veciñais, políticos e sindicais, ademais de institucións e empresas con responsabilidade social da cidade e do resto do país. Unha gran maioría desas organizacións son ONG que traballan in situ coas persoas refuxiadas en todo o mundo, desde Open Arms, Save The Children ou Médicos Sen Fronteiras, ata Amnistía Internacional, Oxfam Intermon ou Greenpeace. Con vocación universal e en só catro anos, o movemento conseguiu replicarse en distintos puntos: Brasil, Madrid…e actualmente está en proceso de construcción en Lisboa. 

Comentarios
A fórmula de Acampa pola Paz e o Dereito a Refuxio sorprende noForo Social Américas de las Migraciones