Persoas refuxiadas

Mulleres e, por riba, desprazadas

Cada minuto que pasa, 16 mulleres vense obrigadas a fuxir dos seus fogares, sexa a consecuencia dun conflito ou por calquera clase de persecución. Unha muller cada dous segundos.

Mulleres e, por riba, desprazadas
2127448705_b26f5e7ebf
Mulleres desprazadas

A Axencia da ONU para os Refuxiados advirte que, hoxe por hoxe, no planeta hai un total de 68,5 millóns de persoas desprazadas á forza, das que un 30% (25,4 millóns) son persoas refuxiadas. A metade pertence ao sexo feminino: uns 34 millóns. Adultas, mozas e nenas. ACNUR senténciao sen ambaxes: son as máis vulnerables da poboación migrante, e sono polo mero feito de seren mulleres. Sofren máis abusos e maior violencia sexual, teñen menos oportunidades e por riba, apenas acadan visibilidade. Exemplifican, en resumo, o drama que se agocha tras o drama: a traxedia de seren persoas sen dereito a refuxio e tamén mulleres.

A terceira edición da Acampa pola paz e o dereito a refuxio terá as Refuxiadas como lema e fío condutor. Os Xardíns de Méndez Núñez serán un ano máis o escenario onde a Rede Acampa buscará sensibilizar á cidadanía fronte a un drama global que, ano tras ano, non fai senón empeorar: as migracións forzosas, internas ou non. Só que o movemento Acampa porá esta vez o acento en visibilizar en toda a súa crueza o particular calvario que sofren as mulleres migrantes, uns 34 millóns en 2017, segundo as cifras que baralla ACNUR. Refuxiadas, 13 millóns. Mulleres, rapazas e nenas desprazadas polo mundo que se ven castigadas dobremente polo mero feito de pertenceren ao sexo feminino. Non só perden o seu fogar e se ven obrigadas a fuxir da casa ou do país sen que ningún Estado lles conceda o dereito a refuxio, é que polo camiño son abusadas, violadas e/ou escravizadas, cando non asasinadas.

As estatísticas son teimudas. Dos 68,5 millóns de persoas desprazadas que contabilizou en 2017 a Axencia para os Refuxiados, xusto a metade eran mulleres. Así que, segundo a ACNUR, no planeta existen a día de hoxe máis de 20 millóns de mulleres desprazadas internas, 13 millóns de refuxiadas e 1,6 millóns de solicitantes de asilo. E iso, por non mencionarmos os 5 millóns máis de apátridas: mulleres ás que se lles nega unha nacionalidade e polo tanto o acceso a dereitos tan básicos coma a educación, a saúde, o emprego ou a liberdade de movemento.

“En moitas sociedades –denuncia ACNUR- as mulleres e as nenas afrontan discriminación e violencia todos os días só polo seu xénero. Unha tarefa cotiá coma levar a auga ou ir ao baño pode poñelas en risco de violación ou abuso. Durante o desprazamento –subliña- ese problema aumenta. As mulleres e as nenas –lembra- representan o 50% da poboación refuxiada, desprazada internamente ou apátrida, e estarán máis vulnerábeis. Sobre todo as mulleres non acompañadas, as embarazadas, as xefas de fogar, as discapacitadas ou as adultas de maior idade”.

A Rede Acampa montará nesta terceira edición (xuño 2019) un novo campo de persoas refuxiadas, pero reproducido especificamente para amosar as dificultades que han enfrontar acotío as mulleres desprazadas para levar a cabo labores –disque- tan sinxelos coma coidaren a súa hixiene, cociñar, aleitar ou mudar de cueiro ao bebé.

Mulleres e, por riba, desprazadas