Persoas refuxiadas

O novo vídeo de Refugees Welcome anima á empatía na “nova normalidade”, e a xerar novas convivencias

RW fai un chamamento para converter en acción solidaria real o anhelo de colaboración xurdida do confinamento

O novo vídeo de Refugees Welcome anima á empatía na “nova normalidade”, e a xerar novas convivencias
RW
Asamblea Nacional Refugees Welcome España, 2019. © RW

A Coruña, 2 de xuño de 2020

Refugees Welcome España acaba de lanzar un vídeo no que anima a toda a cidadanía a tomar parte da Cultura de Benvida, rexistrando a súa casa como posible fogar para unha convivencia con persoas refuxiadas. Trátase de acompañar ás persoas que se viron obrigadas a abandonar os seus países para que empecen un novo proxecto de vida no noso país: xérase así unha inclusión real deste colectivo, e ao tempo enriquécese a sociedade de recepción.

Cunha linguaxe clara e directa, pero fuxindo de sensacionalismos, o vídeo recorda e profunda nas sensacións vividas durante as distintas fases de confinamento derivadas da pandemia por coronavirus, co fogar como epicentro, e apela á empatía con aqueles colectivos en situación de vulnerabilidade. A locución, en castelán, está subtitulada neste idioma e tamén en inglés, catalán e galego.


RW é unha organización internacional creada en 2014, sen ánimo de lucro e presente en 16 países. En España existen grupos territoriais en Madrid, Catalunya, Illes Balears e Galicia. O seu proxecto baséase en buscar alternativas de aloxamento para persoas refuxiadas, promovendo a convivencia entre persoas locais e demandantes de asilo, en condicións de horizontalidade, complementariedade e respecto mutuo. Cada convivencia ten ademais o apoio dunha persoa voluntaria (vínculo local) que se encarga de facilitar a relación entre as dúas partes. Ata o momento, Refugees Welcome logrou máis de 1.600 convivencias, 86 delas en territorio español.

Respecto e horizontalidade

RW promove un cambio cultural e un novo modelo de Benvida. Cremos que a hospitalidade horizontal é o mellor xeito de facilitar a inclusión das persoas desprazadas no noso país, e que axuda máis que calquera outra medida a superar as vulnerabilidades. Ademais, xera espazos seguros que favorecen a expresión do potencial persoal, a participación activa na comunidade e o benestar común, e fortalece e enriquece a sociedade de recepción. Cremos, tal e como reflicte o vídeo, que a solidariedade é unha copia de chaves, ensinanzas en conversas de sofá, novos sabores na mesa, prexuízos que se desvanecen con vivencias.

Como colaborar

Se os nosos balcóns serviron para aplaudirmos durante a pandemia, as habitacións da nosa casa ben poden servir agora para encher o oco xerado pola inacción institucional á hora de lograr a inclusión real das persoas desprazadas. Neste sentido, RW recorda que calquera nova oferta de vivenda para convivencia será benvida, especialmente nas grandes cidades, nas que as persoas desprazadas teñen dificultades engadidas para atopar fogar.

Quen queira participar nesta nova vaga de responsabilidade que Refugees Welcome promove poden obter máis información, e rexistraren os seus fogares, na web https://www.refugees-welcome.es Nesa páxina atoparán tamén información de como formar parte do voluntariado da organización, ou realizar unha achega, puntual ou regular.

Miles de expedientes no limbo

Segundo o balance anual da Comisión de Axuda ao refuxiado (CEAR), ao longo de 2019 en España presentáronse 118.264 solicitudes de asilo, máis do dobre respecto de 2018. E mentres noutros países como Portugal optábase -con indubidable éxito e respaldo social- pola inclusión efectiva das persoas desprazadas a través dun proceso de regularización masivo, ou en Italia se anunciaba permiso de residencia e traballo para 600.000 migrantes, en España só recibía algún tipo de protección o 5% das e dos solicitantes de asilo, é dicir, 1 de cada 20, de acordo coa axencia de estatística europea Eurostat.

Á acumulación de solicitudes pendentes haberá que engadir as peticións non resoltas nestes meses de parón. Aínda que o Ministerio de Interior afirma que unha vez retomada a normalidade reactivarase o proceso, o certo é que España se enfronta, tamén neste campo, a unha situación novidosa e máis urxente que nunca.

Novo grupo territorial en Galicia

Ao longo da pandemia, diversos grupos de voluntariado de RW fóronse organizando en liña en diversos territorios. Froito dese traballo, comeza arestora a andar o Grupo Territorial de Refugees Welcome en Galicia, creado por un grupo de 7 persoas residentes na Coruña e Ferrol, pero con expectativas de actuación en toda a Comunidade. A súa intención é fomentar a Cultura de Benvida e comezar en breve con convivencias en fogares galegos.

O novo vídeo de Refugees Welcome anima á empatía na “nova normalidade”, e a xerar novas convivencias