RACISMO E XENOFOBIA

Santiago e Coruña combaten os discursos do odio

A Rede de Refuxiadas organiza unhas xornadas sobre xornalismo e inmigración baixo o nome Combater os discursos do odio

Os xornalistas Txema Santana e Houssien El Ouariachi El Gharib son os relatores destas xornadas

O día 12 ás 11:00 Isabel Rey e Txema Santana presentan o acto de Compostela na Libraría Couceiro.

Santiago e Coruña combaten os discursos do odio
Combater os discursos do odio
Combater os discursos do odio

Santiago de Compostela | 8.11.2019. - Santiago de Compostela e A Coruña combaten o 11 e 12 de novembro os discursos do odio. Coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, a Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas organiza unhas xornadas sobre xornalismo e inmigración baixo o nome de Combater os discursos de odio coa presenza dos xornalistas Txema Santana e Houssien El Ouariachi El Gharib. Fondamente preocupadas polas mensaxes e linguaxe que transmiten odio nos temas relacionados coas migracións e o refuxio, a través dos medios de comunicación e das redes sociais, ofrecemos este espazo de denuncia e propostas  sobre o tema.

O luns 11 de novembro terá lugar un acto na cidade herculina no local de Forum Propolis co director do programa Radio Refugio que se emite na Radio Pública de Canarias, Txema Santana, onde falará do seu traballo en diferentes medios de comunicación como Cadena SER e El País, da súa ampla experiencia en coberturas informativas relacionadas coas migracións e os Dereitos Humanos tanto en América Latina como en Canarias, así como dos seus proxectos actuais en CEAR Canarias, como Radio Refugio.

Xa o martes, Santana intervirá xunto a Isabel Rey, da Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, nunha rolda de prensa ás 11:00 na Libraría Couceiro para presentar a conversa organizada ás 19:30 na Facultade de Filosofía. Alí o xornalista e tradutor Houssien El Ouariachi El Gharib conversará con Txema Santana nun acto presentado e moderado pola responsable de comunicación de ECOS DO SUR, Natalia Monje.

As xornadas contarán tamén coa emisión dun programa especial de Radio Refugio desde a Facultade de Ciencias da Comunicación o martes de 16:00 a 17:00 que se poderá escoitar como podcast posteriormente na web da Radio Pública de Canarias. O alumnado de Xornalismo está convidado a participar.

  • LUNS 11 DE NOVEMBRO: A CORUÑA ,  ás 20:00 h. Local da Asociación Forum Propolis (Rúa Barcelona n.º 115)  Intervén Txema Santana,  coa presentación de  Natalia Monje (Responsable de Comunicación da  ONG Ecos do  Sur).
  •  MARTES 12 DE NOVEMBRO: SANTIAGO DE COMPOSTELA 19:30h. Facultade de Filosofía. Interveñen: Txema SantanaHoussien El Ouariachi El Gharib, xornalista e tradutor. Presidente de ONDA (Organización Nacional para o Diálogo e a Participación) e membro fundador do Colectivo Noviolencia.

Dinamiza: Natalia Monje. Responsable de comunicación de Ecos  do Sur.

Txema Santana,  xornalista canario, exerceu a súa profesión en Centroamérica e tamén en Ecuador. Despois dun tempo regresou a  Canarias onde mantivo unha intensa relación laboral con África Occidental. Traballou para diferentes medios estatais, como El País, a Cadea Ser, ou El Diario.es. Dende 2017 é Secretario Xeral da Unión de Profesionais da Comunicación de Canarias. Na actualidade desenvolve Radio Refugio, froito dun acordo con CEAR Canarias, que pretende, segundo o propio xornalista, facer unha homenaxe á Canarias da Acollida ás persoas forzadas a saír dos seus lugares, por procesos bélicos ou totalitarios ou simplemente por motivos políticos.

Houssien El Ouariachi El Gharib. Naceu en Marrocos, preto de Melilla, e decidiu estudar Filoloxía Hispánica e HIstoria. Aos 24 anos trasladouse a Granada. Soña con construir unha sociedade diversa e solidaria. Na actualidade participa na   Asociación ONDA, que promove  a diversidade das nosas sociedades modernas e  esixe facer do diálogo a principal vía para o entendemento e da participación de [email protected] un imperativo para que sexan xustas e solidarias. Membro fundador do Colectivo Noviolencia. É un recoñecido especialista e militante na loita contra o racismo e a islamofobia.

Natalia Monje, xornalista  e responsable de Comunicación da  ONG Ecos, do Sur, onde fundou no 2016 a liña de traballo CibeRespect, que aposta pola innovación narrativa e o ciberactivismo para loitar contra os discursos de odio e a desinformación nas redes sociais.

Comentarios
Santiago e Coruña combaten os discursos do odio