ACAMPA POLA PAZ E O DEREITO A REFUXIO

A violencia sexual como arma de guerra será o tema do derradeiro encontro de Acampa 2019, que pecha hoxe sábado

participarán Jineth Bedoya, xornalista e conferenciante de temas de conflito armado; Caddy Adzuba,a congoñela Premio Príncipe de Asturias da Concordia 2014, e a fotógrafa e xornalista Natalia Sancha, especializada no mundo árabe

A violencia sexual como arma de guerra será o tema do derradeiro encontro de Acampa 2019, que pecha hoxe sábado
PRESENTACIÓN Bolingo o bosque do amor
PRESENTACIÓN Bolingo o bosque do amor

A Coruña, 22 de xuño de 2019.- A violencia sexual utilizada como arma de guerra será hoxe, sábado, o tema do último encontro de Acampa pola paz e o dereito a Refuxio. Participarán Jineth Bedoya, xornalista e conferenciante internacional de temas de conflito armado; a xornalista, avogada e activista congolesa, Premio Principe de Asturias 2014, Caddy Adzuba; e a fotógrafa e xornalista Natalia Sancha, experta no mundo árabe. Será a partir das 20 horas, no toldo central. Pola mañá, ás 11 horas, o Kiosco Alfonso reunirá a todas as organizacións da rede Acampa, para decidir, entre outros temas, o eixe central da edición de 2020.

O programa desta terceira e derradeira xornada inclúe tamén visitas guiadas ao campo simbólico de persoas refuxiadas (11.30 h e 19 horas) e ás exposicións fotográficas de Anna Surinyach (11.30 h) e Lorena Ros (12.30 h), que conducirán os propios fotógrafos. Un obradoiro de cociña con receitas Refugeat; outro sobre iniciación á lingua árabe e mais as proxeccións da curta documental Bolingo, el bosque del amor e a película Rafea y el sol, completan as actividades do día.

Violencia sexual como arma de guerra, o corpo da muller convertido en campo de batalla é o título do encontro que protagonizarán Bedoya, Adzuba y Sancha. Caddy Adzuba leva toda a súa vida denunciando as atrocidades no seu país, a República Democrática do Congo, sobre todo contra as mulleres e os nenos. Tamén axuda ás mulleres vítimas de violencia sexual a volver a poñer en pé as súas vidas. Unha loita con recoñecemento internacional, pero tamén con perigo. Está ameazada de morte.

A xornalista, escritora e activista colombiana Jineth Bedoya é a iniciadora da campaña No es hora de callar, que denuncia a violencia sexual e de xénero e reclama ás superviventes que alcen a súa voz. O seu traballo mereceu varios recoñecementos internacionais, coma o Premio Mundial al Coraje Periodístico ou mesmo ser elixida unha das cen xornalistas máis influíntes do mundo en temas de conflito armado. En 2016 foi postulada ao Premio Nobel de la Paz polo seu traballo en defensa dos dereitos das mulleres.

Natalia Sancha é xornalista e fotógrafa independente, especializada no mundo árabe e é colaboradora de El País para Siria e Líbano. Desde o inicio da guerra siria, en marzo de 2011, viaxa periodicamente a ese país, onde cubriu tanto as cambiantes frontes bélicas como a loita internacional contra o ISIS. Sancha centrou as súas reportaxes na realidade que asola aqueles civís desprovistos de medios para fuxiren das zonas de combate, así como no impacto do conflito sobre as mulleres sirias.

O obradoiro de cociña terá lugar no campo a partir das 13.30 horas. Consistirá en prepararmos unha receita no contexto dun campo de persoas refuxiadas. Correrá a cargo de Laura Alfaya, autora de Refugeat, un libro de cociña que recolle as receitas que elaboran acotío as familias residentes nun campo de refuxiados. Cada receita vai acompañada da historia da persoa que a invitou a cear ese día.

Ás 11.30 h e ás 19 horas, na tenda de Ecos do Sur, haberá de novo Xogo de Escape e, a partir das 16.30 h, un obradoiro de lingua árabe organizado polo Departamento de Árabe da EOI da Coruña (sala de conferencias do Kiosco Alfonso).

Pola tarde, ás 17 horas, Alejandro G. Salgado presentará a curta documental da súa autoría Bolingo, el bosque del amor. Ao seu remate haberá un coloquio con director. Bolingo conta a historia de varias mulleres subsaharianas que abandonan o seu fogar na busca do soño europeo e emprenden unha viaxe na que son agredidas e violadas, de tal xeito que algunhas quedan embarazadas. Á fin da viaxe se ven obrigadas a vivir nun campamento situado preto da fronteira de Melilla, en Marrocos.

O acto de clausura de Acampa pola Paz e o Dereitoa Refuxio será as 21.30 horas. Contará coa actriz galega Isabel Naveira. Acampa pechará ás 22 horas, tras a proxección da película Rafea y el sol, un filme que conta a historia dunha muller beduína que vive coas súas catro fillas nun dos poboados máis pobres do deserto de Xordania, na fronteira con Iraq. A Rafea ofréceselle a oportunidade de viaxar á India para asistir ao programa do Barefoot College, onde mulleres analfabetas de todo o mundo se forman durante seis meses para seren enxeñeiras solares. Se o consegue, poderá electrificar o seu poboado, aprender a outros enxeñeiros e mesmo manter as súas fillas.

Comentarios
A violencia sexual como arma de guerra será o tema do derradeiro encontro de Acampa 2019, que pecha hoxe sábado