ÁREA DE ASUNTOS ESQUECIDOS (2) | A PROMESA DO PARQUE

A Marea e o BNG toman distancia do PSOE, mais non rompen co goberno

Avia Veira e Xiao Varela responden a EntreNós sobre o desacordo a respecto do parque no Agra e os efectos políticos de dúas visións sobre o urbanismo que entran en conflito.
A Marea e o BNG toman distancia do PSOE, mais non rompen co goberno
Avia Veira e Xiao Varela, con María García, representantes do BNG e da Marea Atlántica. @BNG @MareaAtlántica
Avia Veira e Xiao Varela, con María García, representantes do BNG e da Marea Atlántica. @BNG @MareaAtlántica

Avia Veira, portavoz do BNG en materia de urbanismo no Concello da Coruña, e Xiao Varela, ex concelleiro de Rexeneración Urbana no goberno da Marea Atlántica, completan un cuestionario de cinco preguntas que lles remitiu Entre Nós para valorar a saúde do acordo entre a oposición de esquerdas e o goberno de Inés Rey tras as diferencias que paralizaron unha solución para o futuro parque no barrio do Agra. Veira e Varela completaron todo o cuestionario. Aquí están as súas respostas:

Cuestión 1. Rexorden diferencias entre vostedes e o goberno municipal de Inés Rey en cuestións de urbanismo (futuro dos terreos da Maestranza, ampliación do CHUAC, parque no Agra…). Considera que as diferencia son, en cada caso, particulares, que cada caso ten a súa problemática concreta, ou pensa que as diferencias obedecen a unha cuestión de fondo, de visións diferentes a respecto cara onde ten que dirixirse o urbanismo nesta cidade?

Xiao Varela (Marea Atlántica): 

Desde logo que cada caso ten a súa problemática concreta, pero si que estamos a percibir un cambio de enfoque nas políticas urbanísticas que, tendo en conta a herdanza dos gobernos socialistas, é preocupante. Nestes primeiros meses, o executivo local está a vivir de inaugurar proxectos que quedaron listos no mandato anterior, como o derrubo do viaduto da Rolda de Nelle. Pero estamos a ver que as súas primeiras decisións son levar un proxecto do parque da Agra sen diálogo nin consenso, consentir a venda dos terreos da Maestranza para edificar vivendas e crear unha Mesa polo Desenvolvemento Urbano Sostible na que as promotoras e construtoras marcan pautas urbanísticas para a cidade. 

No urbanismo e a vivenda atópanse, tamén, varios dos incumprimentos máis preocupantes do noso pacto do PSOE” (Xiao Varela)

No urbanismo e a vivenda atópanse, tamén, varios dos incumprimentos máis preocupantes do noso pacto do PSOE para o comezo do mandato. Trátase de crear unha Mesa de Diálogo coa veciñanza de Elviña para procurar unha solución ao Ofimático, impulsar un banco municipal de vivendas en aluguer para todo tipo de colectivos con dificultades de acceso, ou comezar a construción de vivendas de protección oficial en San Agustín, Panadeiras e o Ofimático, por exemplo. Cuestións nas que non houbo ningún avance. 

Avia Veira (BNG): 

Está claro que o histórico da relación do Partido Socialista co BNG en materia de urbanismo foi de confrontación directa de modelo de cidade. Nós consideramos que o urbanismo ten que estar ao servizo da xente, do benestar social e da sustentabilidade. Nós non defendemos os desenvolvementos urbanísticos que se fan sen ter en conta as repercusións ambientais, os servizos públicos cos que poidan contar, a mobilidade en transporte público mais tamén a pé etc. Agora ben, no mandato actual o Partido Socialista asinou un acordo connosco e nós vixiaremos o seu cumprimento que en materia urbanística recolle a necesidade de que o barrio da Agra do Orzán teña un parque á medida das súas necesidades e no caso da desafectación das veciñas e veciños de Elviña do desenvolvemento do Ofimático.

Cuestión 2. No caso do parque no Agra, considera que o goberno municipal debe situar no mesmo plano unha demanda veciñal de máis de corenta anos que os intereses privados que preitean para edificar novas vivendas nunha cidade con 20.000 vivendas baleiras?

Avia Veira (BNG): 

Como temos dito xa publicamente e mesmo no pleno en que se levou a modificación do PXOM, para nós que se elimine toda a edificabilidade e polo tanto que todo o actual parque da Agra sexa unha zona verde é unha necesidade social e ambiental. Dicímolo desde o BNG, tamén o di a Asociación de Veciñas e Veciños da Agra do Orzán, sostéñeno os urbanistas e responde tamén ao que a Axenda Urbana 2030 sinala.

O goberno municipal non só ten que entender as reivindicacións da veciñanza senón que ten que atendelas” (Avia Veira)

Polo tanto, o goberno municipal non só ten que entender as reivindicacións da veciñanza senón que ten que atendelas: piden nin máis nin menos que é ter a máxima zona verde posíbel dentro do marasmo de cemento que as propias Administracións públicas propiciaron que fose a Agra do Orzán.

Xiao Varela (Marea Atlántica): 

Consideramos que gobernar é chegar a consensos e escoitar á veciñanza, algo que o goberno do PSOE non está a facer. Nin na Agra nin noutros casos recentes, como no anuncio da mellora do hospital ou os accesos á Cidade das TIC. Cómpre poñer os intereses veciñais por diante, trasladarlles as posibilidades de actuación e escoitar, dialogar e dialogar ata chegar a un punto de entendemento, sen soberbia nin autoritarismo. Iso foi o que fixemos no mandato anterior coa veciñanza do Camiño do Pinar, que ía perder as súas vivendas no desenvolvemento do polígono do Observatorio, ata que atendemos as súas demandas e atopamos un xeito que garantía a súa conservación. Esta liña debe continuar.

Cuestión 3.  Que dereitos pensa que están en colisión neste caso e cales cree que debería primar a acción pública desde o Concello? Que dereitos cre que se están a primar coa solución que propón o Concello?

Xiao Varela (Marea Atlántica): 

É un enfrontamento entre o dereito á cidade e o dereito a enriquecerse dunha empresa inmobiliaria. E, por suposto, nós cremos que en todos os casos debe primar o primeiro sobre o segundo, especialmente nun barrio coma o da Agra, con grave carencia de zonas verdes, e nunha cidade como a da Coruña, con 18.000 vivendas baleiras e espazo de sobra para promocións urbanísticas en lugares como o Ofimático. O goberno do PSOE non parece ter tan clara esta diferenza, polo que os convidamos a reflexionar. 

Avia Veira (BNG): 

Están en colisión o dereito á cidade, ao espazo público, o dereito a ter unha zona verde accesíbel á que chegar axiña desde a casa ou a escola (lembremos que hoxe en día hai cero metros cadrados de zona verde no barrio da Agra) de 29.000 habitantes e os dereitos de edificabilidade duns poucos propietarios. Para nós está claro que hai que priorizar o interese da veciñanza fronte aos dereitos de edificabilidade. O goberno municipal non o entende así desde o momento en que trae esta proposta a pleno, manifesta previamente nos medios de comunicación que non hai alternativa posíbel, e posteriormente mantense en que a edificación cero é imposíbel.

Varela e Veira coinciden, no caso do parque o dereito á cidade entra en colisión cos dereitos particulares (“co dereito a enriquecerse dunha empresa inmobiliaria”, di Varela; “cos dereitos de edificabilidade duns poucos”, expresa Veira)”

Parque do Observatorio desde a rúa BarcelonaCuestión 4. O seu partido defendeu sempre un desenvolvemento urbanístico que puxese freo á especulación inmobiliaria -algo que parece volve estar detrás da presión para edificar no Agra- e dese voz á veciñanza na planificación urbanística. Coñecida a liña política do departamento de Villoslada, considera que o seu partido debe continuar dando apoio ao goberno municipal socialista? Pode seguir acordando outras políticas mentres no urbanismo se impón a visión do PSOE?

Avia Veira (BNG): 

Nós só temos compromisos co PSOE naquelas cuestións que están recollidas no acordo de mandato: bolsa de vivendas en aluguer, bolsa de baixos comerciais, transporte público, mercados municipais, melloras nos Servizos Sociais municipais, ordenanza do galego traspaso de bens e terreos do Estado; todo o que está no acordo de mandato foron propostas do BNG programáticas que o PSOE subscribiu. Nós temos as mans libres para votar de xeito coherente co que nos levamos defendido durante os anos de representación institucional do BNG na cidade da Coruña: a planificación urbanística de acordo cos intereses xerais da veciñanza.

Xiao Varela (Marea Atlántica): 

O PSOE goberna en minoría, é o goberno menos representativo das últimas décadas. Como vimos no pasado Pleno, non ten os votos suficientes para impoñer a súa visión. O peso da Marea Atlántica é decisivo no Pleno e farémolo valer para impedir que regrese o urbanismo inhumano dos tempos do ‘vazquismo’. 

Cremos firmemente que o entendemento, sen cheques en branco, de xeito crítico, é beneficioso para a cidadanía e seguiremos. Para iso está a política” (Xiao Varela)

Porén, o diálogo sempre foi e seguirá a ser a nosa principal ferramenta política. Sen diálogo non sería posible sacar adiante medidas como a gratuidade das escolas infantís municipais, o impulso á Área Metropolitana ou a creación dun operador enerxético público na Coruña. Cremos firmemente que o entendemento, sen cheques en branco, de xeito crítico, é beneficioso para a cidadanía e seguiremos. Para iso está a política.


 
Cuestión 5.  Segundo o expresado estes días polo seu partido, unha solución aceptábel para o parque da Agra pasaría por eliminar calquera nova edificación e compensar por iso aos propietarios. Cal sería a mellor forma de pago: en cartos ou con dereitos de edificación noutras zonas da cidade?

Xiao Varela (Marea Atlántica): 

O goberno municipal ten a responsabilidade de gobernar. No pasado mandato non lle preguntamos ao PSOE cal tiña que ser a vía para resolver a súa desfeita do Conde de Fenosa. Existen diferentes vías legais, pero calquera delas pasa, de novo, polo entendemento e o diálogo. Escoller as mellores e trazar a folla de ruta correspóndelle a quen está no goberno, que faría ben en exercer a súa responsabilidade en lugar de procurar escusas. 

Avia Veira (BNG):

Existen, cando menos que nós coñezamos, esas dúas posibilidades. Unha é a transferencia de edificabilidade, ou sexa negociar a edificación noutras zonas da cidade. Nós vémoslle un problema a isto: esa transferencia posibelmente habería que facela a outros polígonos que están recollidos no PXOM pero que están aínda sen desenvolver, como o de Visma, o do Portiño, Ofimático etc. Cremos que non é xusto pedir que se transfira edificabilidade a polígonos que xa per se son escandalosos para as contornas en que están.

Cremos que non é xusto pedir que se transfira edificabilidade a polígonos que xa ‘per se’ son escandalosos para as contornas en que están” (Avia Veira)

 
Por iso, nós centramos a nosa intervención no Pleno na outra alternativa que é compensar a quen ten dereitos de edificabilidade conforme o xeito que marque a lei. Consideramos ademais que o Concello ten capacidade económica para o facer e que o interese xeral de dotar un barrio coa densidade de poboación e a falta de zonas verdes que ten a Agra está máis que xustificado.
 

Comentarios
A Marea e o BNG toman distancia do PSOE, mais non rompen co goberno