Proxecto do Co-Lab

ParticipAgra, a iniciativa "que pretende atopar espazos de convivencia na Agra do Orzán"

O equipo promotor presentará á veciñanza a proposta os días 20 e 21 de outubro no Mercadillo Urbano da Praza das Conchiñas

ParticipAgra, a iniciativa "que pretende atopar espazos de convivencia na Agra do Orzán"
ParticipAgra
ParticipAgra

Concello da Coruña | 19/10/2017

A Concellería de Participación e Innovación Democrática impulsa esta semana a posta en marcha de participAGRA, un novo proxecto de innovación social que se desenvolverá no último trimestre do ano no marco do Laboratorio Cidadán da Coruña, o Co-Lab. Esta iniciativa, segundo expón a edil Claudia Delso, ten como finalidade "atopar espazos de convivencia e de lecer, dotando de vida aos esquecidos patios interiores das mazás". Para dar a coñecer as súas propostas, o equipo de participAGRA desenvolverá diversas accións informativas esta fin de semana na Praza das Conchiñas. A través dunha mesa no Mercadillo Urbano impulsado pola Concellería de Emprego e Economía Social, o proxecto achegará os seus eixos, obxectivos e propostas aos veciños e ás veciñas da Agra do Orzán, "fomentando así a participación e a implicación do barrio neste proxecto de transformación social", sinala Delso. "Os proxectos do Co-Lab buscan contar coa colaboración e participación do maior número de persoas dos diferentes barrios da cidade, polo que levan a cabo accións informativas que favorezan a relación coa veciñanza", lembra a concelleira.

Na información que participAGRA entregará tanto o días 20 como o día 21, en horario de 12.00 a 20.00 horas, durante a celebración do mercadillo, atópanse as datas máis importantes para seguir de preto o proxecto, entre as que estará a súa presentación oficial, que terá lugar o día 2 de novembro ás 19.00 horas no Centro Ágora. Ademais de achegar a información, o equipo promotor levará a cabo diversas dinámicas para as cativas e cativos do barrio que se acheguen ao posto da iniciativa.

Para máis información sobre este proxecto de innovación social así como do Co-Lab, pódese visitar a páxina web municipal colab.coruna.gal.

Proxecto participAGRA (261 KB)

ParticipAgra, a iniciativa "que pretende atopar espazos de convivencia na Agra do Orzán"