BNG | NOTA DE PRENSA

O BNG denuncia a "flagrante vulneración" dos dereitos laborais das traballadoras da sanidade pública

O SERGAS incumpre o pacto de contratación
O BNG denuncia a "flagrante vulneración" dos dereitos laborais das traballadoras da sanidade pública
Reunión de Mercedes Queixas con traballadoras da Sanidade
Reunión de Mercedes Queixas con traballadoras da Sanidade

A Coruña, a 8 de xuño de 2020. A candidata número 3 do BNG ao Parlamento da Galiza Mercedes Queixas mantivo esta mañá un encontro, na sede comarcal da formación nacionalista, con traballadoras da sanidade pública afectadas polo incumprimento do pacto de contratación ao que se comprometeu o SERGAS para facer fronte á pandemia da Covid-19.

"Fixéronnos chegar a súa fonda preocupación e inquietude", resume a reunión Mercedes Queixas, quen estivo acompañada pola concelleira nacionalista Avia Veira. "É evidente a vulneración dos dereitos laborais destas traballadoras", afirma. "Este colectivo estivo a traballar en primeira liña durante toda a pandemia e fíxoo con todas as incertezas, tamén con todas as inseguridades", engadiu.

Trátase dun persoal, enfatiza, que leva xa "demasiados anos" sometidos a condicións precarias, encadeando contratos temporais que tornan imposíbel calquera intento de planificar a vida profesional e persoal "e moito menos de conciliar unha coa outra".

"O SERGAS acaba de incumprir o pacto de contratación comprometido e acordado. Esta non é a maneira de devolver ao persoal sanitario todo o que recibimos deles. Solidarizámonos desde logo desde o BNG con estas traballadoras", afirma Mercedes Queixas, para quen "se algo nos ensina esta crise da Covid-19 é que precisamos de investir máis na sanidade pública e precisamos de coidar moito máis as sanitarias e os sanitarios porque coidalas a elas e a eles é tanto como coidar a nosa propia saúde".

Comentarios
O BNG denuncia a "flagrante vulneración" dos dereitos laborais das traballadoras da sanidade pública