ASEMBLEA GALEGA DE ÁREAS SANITARIAS

Continúan as mobilizacións en atención primaria: Concentracións diante dos centros de saúde os xoves e manifestación en Santiago o próximo sábado 26 de outubro,

Rematou o verán, con todas as dificultades de atención que se deron sobre todo nos centros de saúde pequenos e a sobrecarga dos centros de urxencias, pero non rematou a sobrecarga na atención primaria.

Continúan as mobilizacións en atención primaria: Concentracións diante dos centros de saúde os xoves e manifestación en Santiago o próximo sábado 26 de outubro,
Cartaz manifestación pola Atención Primaria
Cartaz manifestación pola Atención Primaria

Continuamos con listas de espera nos centros de saúde, retraso na atención en consulta e con exceso de pacientes por día. A sobrecarga non é só médica xa que afecta a todas as categorías dos centros e, sen dúbida, repercute tamén nos Puntos de Atención Continuada (PAC), lugar refuxio para pacientes con problemas de accesibilidade á atención ordinaria.

A Consellería de Sanidade anunciou que vai haber un cambio na estrutura do Sergas, incorporando a figura da dirección de atención primaria á estrutura das xerencias de área sanitaria e que vai contar con financiamento específico, respondendo deste modo ás reivindicacións das Asembleas de Áreas Sanitarias.

Co anuncio da Consellería non cambia nada xa que esta dirección é simplemente un cambio de nome, cambiando o nome actual de ‘subdirección de procesos asistenciais sen ingreso’ polo de ‘dirección de atención primaria’, estrutura baleira de contido e responsabilidades. Na Área da Coruña ocupa a maior parte do seu tempo en cubrir as ausencias de profesionais, sen realizar, practicamente, traballo de planificación, de programación de actividades e de introdución de melloras asistenciais, salvo que se executen as instrucións directas das estruturas centrais do Sergas.

A pesar da falta de profesionais continuamos con falta de estabilidade, cun contrato de continuidade rexeitado polos profesionais máis novos, e aínda segue vixente a taxa de reposición, polo que faltan moitas prazas vacantes por saír a OPE.

As reivindicacións das Asembleas de Áreas Sanitarias, entre elas a da Coruña, son as seguintes:

  1. Xerencia de Atención Primaria. Recuperar a estrutura de xestión de atención primaria en 3 meses.
  2. Tempo para Atención ao Paciente: Limitación de 30 citas por día.
  3. Estabilidade e non Precariedade: Oferta e convocatoria de “todas” as vacantes de “todas” as categorías mediante OPE.
  4. Cobertura do 100% das ausencias de “todas” as categorías.
  5. Orzamento específico e propio de atención primaria ata acadar o 25%, a razón dun incremento mínimo anual de 3 puntos porcentuais.
  6. Atención homoxénea en todas as Áreas Sanitarias:
  • - Garantir a derivación de presenza física a todos os servizos hospitalarios.
  • - Teleconsulta en todos os servizos hospitalarios e resposta en menos de 7 días.
  • - Acceso a todas as probas diagnósticas.

 

A Asemblea Galega de Áreas Sanitarias convoca para esta semana:

  • - Concentración durante 5 minutos diante dos centros de saúde o próximo xoves 24 de outubro, como vén sendo habitual desde o inicio de outubro.
  • - Manifestación en Santiago o próximo sábado 26 de outubro, aberta a toda a atención primaria e á cidadanía para a defensa da atención primaria, para a posta en valor e dignidade da atención nos centros sanitarios máis cercanos á poboación, os centros de saúde.

A manifestación sairá ás 12 da mañá da Alameda de Santiago (Porta Faxeira) e rematará na Praza de Praterías.

Comentarios
Continúan as mobilizacións en atención primaria: Concentracións diante dos centros de saúde os xoves e manifestación en Santiago o próximo sábado 26 de outubro,