Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica reclama un Plan de Saúde Mental no Concello e un reforzo da atención psicolóxica na sanidade pública galega

No vindeiro Pleno, defenderán unha iniciativa para reclamar máis recursos na protección da saúde mental, tras o tremendo impacto vital e emocional que está a ter a covid.
A Marea Atlántica reclama un Plan de Saúde Mental no Concello e un reforzo da atención psicolóxica na sanidade pública galega

O INE amosa que en 2020 había 2,1 millóns de persoas con cadros depresivos no Estado, a maioría mulleres

A Coruña, 2 de febreiro de 2022.- O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou unha moción que será debatida no Pleno de mañá, na que reclama un Plan de Saúde Mental no Concello da Coruña e un reforzo da psicoloxía clínica dentro do Sergas, tanto en servizos especializados coma en centros de saúde. Solicitamos, ademais, que se reforce a unidade de saúde mental infanto-xuvenil da Coruña, e a creación dunha unidade hospitalaria de rehabilitación psicosocial no CHUAC para que as persoas que a precisen non teñan que desprazarse a Santiago, fóra da contorna que lles é familiar. 

O enorme impacto da pandemia de covid nas nosas vidas fixo que a saúde mental entrase no debate público, levantando un tabú, pero non fixo que aumentasen os recursos para afrontar este problema que bate máis entre as mulleres (a violencia machista é un factor decisivo) e as persoas sen recursos (pois os recursos públicos non chegan, e os privados teñen unha importante barreira económica). 

Por iso cremos que a Xunta debería reforzar a área de psicoloxía clínica, tanto en persoal coma en servizos, para reducir as listas de agarda de ata seis meses. Así o reclaman entidades como a Asociación de Psicoloxía Clínica do SERGAS (APCS) ou o Movemento Galego da Saúde Mental. Do mesmo xeito, o Concello da Coruña debería implicarse cun Plan de Saúde Mental, desenvolvido en colaboración coas entidades do terceiro sector no Consello Local de Saúde. 

80.000 persoas con discapacidade por enfermidade mental

A situación é grave. En Galicia hai máis de 80.000 persoas con certificado de discapacidade por enfermidade mental, segundo o censo 2020 da Consellería de Política Social. No conxunto de España, o INE sinala que durante o ano 2020 había 2,1 millóns de persoas con cadros depresivos —o que representa o  5,25% da poboación maior de 15 anos e o 7,1% se analizamos só a poboación feminina—. Ese mesmo ano, producíronse  3.941 defuncións por suicidio ou lesións autoinflixidas, as maiores cifras nas últimas catro décadas. Tamén se está a reducir a media de idade á que se desenvolven as patoloxías de saúde mental, e as persoas máis novas precisan unha atención rápida antes de que a doenza se cronifique. 

Tras dous anos de convivencia coa morte, con restricións no contacto físico e na mobilidade, illamento social e cultural, crise económica  e deterioro das condicións laborais, as consecuencias na saúde mental da poboación son evidentes. Aumentan a depresión e a ansiedade, o estrés, o insomnio a soidade non desexada e mesmo o suicidio. As administracións públicas, tamén os concellos, teñen que dar unha resposta.

Comentarios
A Marea Atlántica reclama un Plan de Saúde Mental no Concello e un reforzo da atención psicolóxica na sanidade pública galega