Marea Atlántica | nota de prensa

María García: “A partir do 1 de xullo poderemos ir de festa, pero non ter cita médica presencial no centro de saúde”

Desde o centro de saúde de Novo Mesoiro, reclamamos máis recursos para unha Atención Primaria desbordada. Hai enfermidades que quedan sen detectar, poñendo en risco a saúde da poboación

María García: “A partir do 1 de xullo poderemos ir de festa, pero non ter cita médica presencial no centro de saúde”
SERGAS Os Mallos (1)
SERGAS Os Mallos (1)

No último ano, pese á pandemia, non houbo máis investimento, nin reforzo de persoal. Feijóo non ten plans para volver á atención presencial. Só quen pode pagar unha consulta privada ten garantido o dereito á saúde

A voceira da Marea Atlántica, María García, e a concelleira Silvia Cameán, estiveron hoxe no centro de saúde de Novo Mesoiro, un dos afectados polos recortes en verán coma Os Rosais, Labañou, Os Mallos, Elviña… para denunciar a situación da Atención Primaria na Coruña e no conxunto de Galicia, afectando gravemente ao dereito á saúde da poboación.

“A Atención Primaria xa viña tocada polos recortes da crise de 2008 e no último ano, a pesar da pandemia, non houbo máis investimento non aumentou o número de profesionais e o regreso da atención presencial está a ser desesperantemente lento. A partir de mañá poderemos ir de festa outra vez, pero non ter unha cita médica presencial cando a necesitamos”, denunciou García. A situación, como é sabido, empeora no verán, xa que os recortes de Feijóo deixan aos centros de saúde sen persoal abondo para cubrir as vacacións, deteriorando o servizo.

A nosa portavoz reclamou o reforzo urxente dos centros de saúde públicos con máis profesionais, mellores condicións laborais e máis recursos: ”As consultas de Atención Primaria están desbordadas e masificadas, con profesionais moitas veces en precario, que saltan dun centro de saúde a outro sen chegar a coñecer ás súas pacientes. A cidadanía está a ver lesionado o seu dereito á saúde, a non ser que teña cartos para pagarse unha consulta privada”.

“Se non actuamos xa, imos saír da pandemia cunha Atención Primaria enferma de gravidade, menos accesible e con máis derivacións ás urxencias dos PAC e os hospitais, servizos que tamén están ao límite”, advertiu María García. Onte mesmo a Comisión de Centro do Chuac denunciaba que máis de 50 persoas agardaban nos corredores de urxencias sen camas para asignarlles.

Os resultados, como sinalou Silvia Cameán, están á vista: “listas de agarda cada día máis longas e tempos de atención cada día máis curtos, todo o mundo sabe xa que para que che collan nun centro de saúde tes que armarte de paciencia, e pegarte ao teléfono”. Debido a este colapso nos centros de saúde, hai enfermidades que non se están a detectar a tempo, porque son moi difíciles de identificar sen atención presencial. Segundo a Asociación Española contra o Cancro, os diagnósticos oncolóxicos baixaron un 21% durante o confinamento, tanto pola falta de programas de detección precoz como pola ausencia de atención primaria.

Tamén o Consello de Bioética de Galicia alertou a comezos de ano da situación crítica dos centros de saúde. Nun dos seus informes, denuncia problema como “a presión asistencial intensa e mantida no tempo. A limitación do acceso ás consultas presenciais A modificación das pautas da práctica clínica habitual a través de protocolos que fican obsoletos nun breve prazo de tempo. O incremento das labores burocráticas dos/as profesionais. A variabilidade dos procesos asistenciais nas diferentes áreas sanitarias O descontento percibido da poboación respecto á atención e en relación coa falla de información”.

Nesta situación de pandemia, a saúde mental da poboación tamén se está a ver deteriorada, sen poder recibir un primeiro diagnóstico que derive o seu caso á atención especializada.

Fronte a esta situación, o único plan de Feijóo é deixalo todo en mans do persoal sanitario, con un plus no soldo a quen poida ir recuperando as consultas presenciais. Xéranse desigualdades mentres o goberno galego falta as súas responsabilidades de xestión. Para Silvia Cameán,. “xa sabíamos que a Atención Primaria é esencial para salvar vidas. A pandemia confirmóunolo. Por iso non se explica a desidia da Xunta á hora de reforzala”.

Por todo o exposto, pedímoslle á Xunta de Galicia que reforce a atención primaria de forma urxente, protexendo a saúde da poboación. E tamén a Inés Rey que tome partido e se sume a estás reclamacións, que cando vaia sacar unha foto con Feijóo, lembre a sanidade pública. Desde o Consello Local de Saúde, entidades coma SOS Sanidade pública xa reclamaron un posicionamento en defensa da atención primaria. Porque nos vai a vida en conservala.

María García: “A partir do 1 de xullo poderemos ir de festa, pero non ter cita médica presencial no centro de saúde”