Ecoloxistas en acción

Toda a poboación galega respirou aire contaminado en 2018

Informe de Ecoloxistas en Acción sobre a calidade do aire no Estado español durante 2018

Toda a poboación galega respirou aire contaminado en 2018
Informe Ecologistas en acción
Informe de Ecologistas en acción

A Coruña, 25 de xuño de 2019. Os 2,7 millóns de habitantes de Galicia estiveron expostos en 2018 a uns niveis de contaminación do aire que superan as recomendacións da Organización Mundial da Saúde. Ademais, un terzo do territorio de Galicia soportou unha contaminación do aire que prexudica a vexetación. O informe sobre a calidade do aire no Estado español elaborado por Ecoloxistas en Acción inclúe a análise dos datos recollidos en 54 estacións oficiais de medición instaladas en Galicia.

Estas son as conclusións máis destacábeis do informe “La calidad del aire en el Estado español durante 2018” no tocante a Galicia:

  • - O informe de Ecoloxistas en Acción toma como referencia os valores máximos de contaminación recomendados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e o obxectivo a longo prazo para protexer a vexetación establecido pola Unión Europea. De acordo con estes niveis, o aire contaminado afectou en 2018 atotalidade da poboación e un terzo do territorio do país.
  • - Se se toman como referencia os estándares da normativa legal, máis laxos que as recomendacións da OMS, non habería poboación que respira aire contaminado por riba dos límites legais, aínda que estes  superáronse na estación do porto da Coruña, en relación ao contaminante dióxido de nitróxeno (NO2).
  • - As partículas (PM10e PM2,5) continúan a presentar unha especial incidencia nas áreas metropolitanas da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago e Vigo, onde se superaron os valores medios anuais e/ou diarios recomendados pola OMS para ambos os dous contaminantes. 
  • -Durante 2018 volveuse superar a concentración media diaria de dióxido de xofre (SO2) recomendada pola OMS nas zonas máis influenciadas polas emisións deste contaminante debidas á área industrial e portuaria de Arteixo-A Coruña, a Cementos Cosmos (Oural, Sarria) e a Alcoa San Cibrao.
  • -O ozono troposférico ou malo tamén afectou a poboación galega, aínda que o clima de Galicia é menos favorábel á formación deste contaminante que o da maior parte do resto da Península Ibérica. Durante 2018 a poboación das áreas metropolitanas da Coruña, Ferrol, Santiago e Vigo, así como as zonas Sur e Norte en que se divide Galicia a efectos da avaliación deste contaminante, estiveron expostas a concentracións de ozono perigosas para a saúde segundo a OMS.
  • -Na Coruña  foi atinxido por segundo ano consecutivo o obxectivo legal anual establecido para o benzo(a)pireno, un hidrocarburo aromático policíclico (HAP). Na estación de Riazor rexistrouse o segundo valor máis alto de todo o Estado español para este contaminante canceríxeno. Semella probábel que este valor tan alto se relacione coas importantes emisións de HAPs totais de Alcoa A Coruña e Showa Denko Carbon.
  • - A contaminación do aire debería abordarse como un problema de primeira orde. Deberíase procurar unha calidade do aire, cando menos, acorde cos estándares recomendados pola OMS, máis estritos que os legais vixentes hoxe.  Cada ano rexístranse até 30.000 mortes prematuras en España por afeccións derivadas da polución do aire, segundo a Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA). 
  • - A única forma de conseguirmos unha boa calidade do aire nas cidades é diminuír o tráfico motorizado, potenciando o transporte público, a bicicleta e o tránsito peonil. Para mellorarmos a calidade do aire tamén cómpre, entre outras cousas, promover o aforro enerxético, pechar as centrais de carbón (a de Meirama farao en 2020, pero non hai calendario de peche para a das Pontes), adoptar as mellores técnicas industriais dispoñíbeis epenalizar o combustíbel e vehículos diésel. As medidas necesarias para reducir a contaminación do aire contribúen tamén á mitigación da crise climática. 

Descargar informe "La calidad del aire en el Estado español durante 2018"

Toda a poboación galega respirou aire contaminado en 2018