Fondos europeos

Ana Miranda alerta do risco para Galiza da condicionalidade dos fondos europeos

O BNG considera que “non podemos consentir que os fondos da UE sexan concedidos a cambio de reformas prexudiciais para os galegos e as galegas”

Ana Miranda alerta do risco para Galiza da condicionalidade dos fondos europeos
Ana Miranda Parlamento Europeo 2
Ana Miranda Parlamento Europeo 2

Bruxelas, 1 de maio de 2021. A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, advirte do risco da denominada “condicionalidade” dos fondos europeos, é dicir, que a súa concesión se realice a cambio de executar reformas que impliquen recortes ao aplicar a imposición das regras do Semestre Europeo e as Recomendacións específicas por Estado Membro. “Non podemos consentir que os fondos da UE sexan concedidos a cambio de levar a cambio reformas que unha vez máis prexudiquen aos galegos e galegas”, sinala Ana Miranda tras a presentación onte a última hora os plans de reforma que esixe Bruxelas.

Neste sentido, a portavoz nacionalista na Eurocámara considera que os fondos procedentes da UE “non son un agasallo para Galiza, nin nunca o foron. Máis aínda tendo en conta o papel activo da UE como responsábel directa do desmantelamento da capacidade produtiva de numerosos sectores básicos da nosa economía”. A respecto engade que, aproximadamente, a metade dos fondos “Next Generation” consisten en préstamos, o cal ao seu xuízo ten “implicacións no control externo dunha economía xa previamente hipotecada”.

O BNG vén denunciando historicamente as políticas de recortes da UE e, da mesma forma, a forza nacionalista critica este réxime de condicionalidade macroeconómica. “Rexeitamos que o Goberno do Estado aproveite esa situación para acometer unha vez máis posibles recortes nos investimentos públicos, nas pensións, nos salarios, no mercado laboral, e servizos públicos en xeral, que suporían un prexuízo absoluto para as clases populares de Galiza e que incidirían na actual crise económica que atravesan moitas familias”, subliña Ana Miranda.

Falta de transparencia

Por outro lado, a portavoz do BNG en Bruxelas critica a total falta de transparencia non só do goberno estatal por presentar o seu plan para os fondos europeos de recuperación a última hora de onte, despois de ter anunciado a súa presentación hai semanas, senón sobre todo censura a falta de transparencia do goberno galego a respecto da suposta candidatura galega para os fondos europeos de reconstrución “Next Generation”. “Lemos en diversos medios que esta candidatura estará integrada por un total de 354 proxectos -cun investimento total de 19.698 millóns de euros-, dos que 247 proxectos corresponden ao sector público e 107 aos sectores industriais e económicos, pero que o presidente galego non deu conta en sede parlamentar da relación destes proxectos e o seu contido. É escandaloso”, considera ao respecto.

“Pero non só atopamos escandalosa a falta de transparencia. Tamén o é a creación dun ente público-privado integrado pola Xunta, Abanca, Reganosa e Sogama para xestionar estes proxectos. Ademais da clara falta de eficacia do PP na xestión dos fondos do anterior marco financeiro plurianual, atopamos rapidez á hora de estender a súa política de amiguetes. Lamentable”, conclúe Miranda.

Ana Miranda alerta do risco para Galiza da condicionalidade dos fondos europeos