Residencias de maiores

Ana Miranda avanza que o BNG denunciará en Bruxelas a situación das residencias de maiores

O Bloque organizará encontros con representantes das residencias e das institucións comunitarias

Ana Miranda avanza que o BNG denunciará en Bruxelas a situación das residencias de maiores
Ana Miranda Comisión Peti 2
Ana Miranda

Bruxelas, 19 de outubro de 2020.- A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, vén de anunciar a presentación dunha denuncia na Comisión de Peticións da Eurocámara sobre a situación das residencias de maiores, terriblemente afectadas durante a estes meses de pandemia do coronavirus. Desta forma, no momento en que a evolución da crise sanitaria o permita, o Bloque organizará encontros nas institucións europeas para que poidan participar os representantes deste colectivo, entre os que destaca a vicepresidenta da Comisión de Peticións Tatjana Zdanoka.

Desde o inicio da pandemia, as residencias de persoas maiores convertéronse nun dos principais focos de extensión de coronavirus, con persoal sobrepasado e sen recursos para desenvolver a atención médica necesaria nos centros. Así, máis de 20.000 falecidos polo Covid-19 no Estado español corresponden a persoas que residían en residencias para maiores, o que supón preto do 62% das mortes notificadas oficialmente polo Ministerio de Sanidad. E en Galiza, son xa 355 persoas as falecidas nas residencias (155 en centros de maiores e 200 en hospitais e residencias integradas) do total de 812 persoas mortas.

“Atopámonos cuns datos desoladores e que resultan máis dolorosos se cabe porque somos conscientes de que moitas mortes poderían terse evitado con maior prevención e melloras nos centros”, salienta Ana Miranda, quen afirma que diante desta situación é preciso empregar os mecanismos de que dispón o Parlamento Europeo para dar a coñecer e denunciar as carencias asistenciais dos centros, que en Galiza dependen exclusivamente da Xunta.

Infracción de normativa comunitaria

Así, a portavoz do Bloque en Europa avanza que unha das primeiras reunións que se celebrarán será coa vicepresidenta da Comisión de Peticións, Tatjana Zdanoka, co obxectivo de analizar polo miúdo as infraccións da normativa comunitaria. Precisamente, en decembro do ano pasado, Zdanoka recibiu á delegación das Enfermeiras Eventuais en Loita, quen presentaron unha denuncia contra o SERGAS pola sucesión de contratos eventuais que fai a administración pública galega en fraude de lei contra a normativa europea.

Ao respecto, Ana Miranda lembra que non se respectou normativa comunitaria, nomeadamente o artigo 25 da Carta dos Dereitos Fundamentais que recoñece respecta os dereitos das persoas maiores, que son máis susceptibles de depender dos demais para a axuda e os coidados, que precisan desenvolver unha vida digna e independente e participar da vida social e cultural, entre outra normativa vulnerada.

Ana Miranda avanza que o BNG denunciará en Bruxelas a situación das residencias de maiores