Eleccións Galicia 2020

Ana Miranda esixe que o FEMP inclúa as reclamacións das mulleres do sector pesqueiro

A portavoz do BNG en Europa participou na presentación das candidatas da comarca de Muros-Noia as eleccións galegas

Ana Miranda esixe que o FEMP inclúa as reclamacións das mulleres do sector pesqueiro
Miranda candidatas Muros-Noia
Miranda candidatas Muros-Noia

Bruxelas, 15 de xuño de 2020.- A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, defendeu que as mulleres do sector pesqueiro teñan acceso directo aos fondos europeos marítimo pesqueiros de forma que se dea resposta as súas necesidades e superar as desigualdades existentes. Nunha visita que realizou ás naves de redeiras de Porto do Son e Portosín, expresou o seu compromiso a “seguir traballando sen descanso polo recoñecemento das mulleres do mar, en particular as redeiras, porque sen elas non hai pesca”.

“A falta de recoñecemento das enfermidades profesionais, a falta de mulleres nos lugares de toma de decisión e as malas condicións nas infraestruturas nas que traballan son algúns dos temas que denunciamos en Bruxelas”, lembrou Miranda en referencia ás xornadas da Rede Europea de Mulleres da Pesca e a Acuicultura, celebrada en Bruxelas o pasado mes de febreiro e nas participou unha representación de mulleres do sector pesqueiro galego.

Ana Miranda destacou que no seu traballo en Europa o BNG seguirá loitando para que estas traballadoras imprescindibles para o presente e o futuro da pesca “desempeñen o seu labor nunhas condicións dignas”, subliñou ao tempo que indicou que grazas ao traballo continuado do Bloque en Europa, a Rede Europea de Mulleres da Pesca e a Acuicultura conta xa con tres representantes galegas.

Proxecto de país

A portavoz do Bloque en Europa realizou estas visitas ás naves de redeiras no marco da presentación da candidata e candidato da comarca de Muros-Noia ás eleccións do vindeiro 12 de xullo, Patricia Torrado e Anxo Núñez, que tivo lugar en Porto do Son. Iniciou a súa intervención lembrando as vítimas do COVID19 e as súas familias, así como a concelleira Anxela Franco, falecida hai un ano. “Patricia Anxo darán continuidade ao traballo realizado por Anxela na defensa dos intereses de Galiza e poñendo en marcha un gran programa político liderado por Ana Pontón”, destacou.

“É imprescindible un cambio político en Galiza que permita a súa reconstrución centrada na autonomía financeira, o autogoberno, a aposta polos sectores produtivos, a defensa dos servizos públicos e a igualdade real”, considerou Ana Miranda, para quen o goberno de Feijóo son “anos perdidos para Galiza, cunha terrible falta de ideas sobre como impulsar o emprego e a economía galegas”,

Para a portavoz do BNG en Europa “é hora dun tempo novo”, que poña en valor as potencialides de Galiza e que crea en si mesma e na súa capacidade de decidir. “Alí onde está o BNG nótanse os resultados”, concluíu.

Ana Miranda esixe que o FEMP inclúa as reclamacións das mulleres do sector pesqueiro