Política europea

Ana Miranda: “A imposición de Bruxelas do diario electrónico para a pesca artesanal é un gran agravio para Galiza”

O BNG critica a obriga de videovixilancia nos barcos e que a frota artesanal non sexa excluída do diario electrónico

Ana Miranda: “A imposición de Bruxelas do diario electrónico para a pesca artesanal é un gran agravio para Galiza”
Ana Miranda 3
Ana Miranda

Bruxelas, 11 de marzo de 2021. A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, considera que a aprobación hoxe, no Pleno do Parlamento Europeo, da reforma do Regulamento de Control da Pesca “deixa un amargo sabor da distancia da Comisión Europea co sector pesqueiro”. No caso da frota artesanal, a aprobación da esixencia do diario electrónico a bordo, “é algo moi gravoso para a frota artesanal galega, porque ou pescan ou anotan”, sinalou Miranda, polo que defende que a Xunta garanta que queden excluídos deste requisito.

O BNG defendeu, a través da Alianza Libre Europea (ALE), que a presentación dos datos de capturas en formato impreso debería seguir sendo posible, como alternativa, para os buques pesqueiros de eslora total inferior a 12 metros. Para os nacionalistas, o caderno diario de pesca electrónico e a transmisión desta información “non deben supor unha carga desproporcionada para os barcos e súa capacidade de faenar”, polo que critica que a frota artesanal non sexa totalmente excluída da obriga do regulamento electrónico.

Neste sentido, Miranda lamenta que non fose aceptada a emenda 11 ao Regulamento, en cuxo texto se pedía que “a presentación dos datos de capturas en formato impreso debe seguir sendo posible, como alternativa, para os buques pesqueiros de eslora total inferior a 10 metros”. “Estamos moi preocupados polas condicións de traballo da pesca artesanal galega e seguiremos defendendo este sector”, subliña.

Instalación de cámaras

Asemade o Bloque critica duramente a aprobación da instalación de cámaras nas embarcacións para controlar a obriga do desembarque das capturas, e ao respecto Ana Miranda lembra que desde hai anos o Bloque manifestou a súa oposición á videovixilancia, considerándoa “unha medida excesivamente invasiva”.

“Parece que en Europa están máis preocupados en lexislar que en saber como son as condicións de traballo dun sector tan duro como o pesqueiro”, apunta a portavoz do BNG en Europa, quen destaca a complexidade de estabelecer este dispositivo nas embarcacións pequenas da frota pesqueira galega, que só na pesca artesanal está integrada por 4.000 embarcacións. Ana Miranda considera que, se ben é necesaria unha normativa común a todos os Estados Membros no control da pesca, así como unha pesca sustentable e transparente na súa trazabilidade, “no BNG non estamos a favor da imposición de máis trámites administrativos aos mariñeiros nin de medidas que fagan o seu traballo máis complicado”, concluíu.


 

Comentarios
Ana Miranda: “A imposición de Bruxelas do diario electrónico para a pesca artesanal é un gran agravio para Galiza”