NOTA DE PRENSA DO BNG

O BNG acada o apoio unánime da Alianza Libre Europea para que Galiza sexa incluida no Corredor Atlántico

Ana Pontón denunciou que a exclusión de Galiza supón un grave prexuízo para o desenvolvemento económico e un aumento da posición periférica

O BNG acada o apoio unánime da Alianza Libre Europea para que Galiza sexa incluida no Corredor Atlántico
Ana Pontón, na asamblea da ALE
Ana Pontón, na asamblea da ALE

Bruxelas, 14 de abril de 2018.- O Bloque Nacionalista Galego acadou o respaldo unánime de todos os partidos participantes na asemblea da Alianza Libre Europea para que Galiza forme parte do corredor atlántico das redes transeuropeas de transporte e así llo esixirá á Unión Europea e ao Estado español. Decidiuno así a asemblea despois de que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, defendese a importancia estratéxica de que os portos galegos teñan conexión cos portos máis importantes de Europa.

Na súa intervención, Ana Pontón destacou que a exclusión de Galiza desta rede, “un disparate”, prodúcese despois de que o propio goberno español se comprometerá “xustamente a facer o contrario” e considerou que esta discriminación é “un hándicap moi importante para o desenvolvemento da nosa economía e para a súa modernización”.

En consecuencia, nun primeiro punto da declaración aprobada hoxe, a ALE denuncia a exclusión de Galiza como nación atlántica en virtude dunha “decisión política tomada polo goberno español que implica o incremento da posición periférica de Galiza e que discrimina as nosas infraestruturas en relación co resto de Europa”.

Para o BNG, Galiza é un país rico que padece a discriminación dun modelo centralista “que nos condena a non poder desenvolver os nosos sectores produtivos e a ter paro, precariedade e emigración”. Ademais, a exclusión de Galiza é un disparate porque o corredor atlántico de mercadorías vai pasar por Madrid, que está a 600 km da costa atlántica e Galiza, que é unha nación atlántica vao quedar excluída. “É como se o corredor Mediterráneo de mercadorías pasara por Madrid e non por Barcelona”.

Rectificación “canto antes”

“Cremos que é importante superar esta situación, porque pola nosa economía e pola nosa posición xeográfica o transporte de mercadorías é un elemento que inflúe na competitividade dos nosos portos, que necesitan estar conectados cos portos máis importantes da Unión Europea para ser competitivos e poder crear riqueza no noso país”, subliñou Ana Pontón.

Nesta liña, a ALE esíxelle tanto á Unión Europea como ao Estado español que rectifiquen esta decisión “canto antes”, posto que Galiza é unha “nación atlántica natural”. Para acadalo trasládalle esta demanda ás institucións europeas e á Conferencia de Rexións Periféricas e Marítimas, ao Arco Atlántico e á Comisión de Transporte do Parlamento Europeo.

Segundo destacou Ana Pontón tras a aprobación da resolución, “para Galiza é un gran paso acadar este apoio da ALE e sumar voces de representantes de 46 nacións sen Estado de toda Europa”. Ao seu xuízo, esta decisión amosa asemade “a esperanza de mellorar a situación mediante un nacionalismo emancipador e que constrúe”, fronte ao modelo neoliberal imperante.

Comentarios
O BNG acada o apoio unánime da Alianza Libre Europea para que Galiza sexa incluida no Corredor Atlántico