BNG | nota de prensa

O BNG denuncia a deriva antidemocrática de Turquía coa ilegalización do Partido Democrático do Pobo-HDP

A Executiva Nacional do BNG denuncia a represión e as constantes vulneracións dos dereitos por parte do goberno de Erdogan

O BNG denuncia a deriva antidemocrática de Turquía coa ilegalización do Partido Democrático do Pobo-HDP
Ana Miranda xuízo HDP
Ana Miranda xuízo HDP

Compostela, 22 de xuño de 2021.- O BNG critica a ilegalización do Partido Democrático do Pobo-HDP tras a decisión tomada onte polo Tribunal Constitucional turco, brazo executor do Goberno de Turquía. Segundo defende a Executiva Nacional do Bloque, a ilegalización do HDP supón unha grave deriva antidemocrática en Turquía e da onda represiva encabezada polo ditador Erdogan. Esta ilegalización non só afecta ao futuro deste partido democrático curdo, senón tamén á democracia en Turquía, como ratificou no seu informe o propio Consello de Europa, que critica contundentemente a Turquía na represión política así como tamén ao Estado español.

A Executiva Nacional do BNG traslada ao HDP a solidariedade da forza nacionalista galega fronte a represión á que Turquía somete ao Partido Democrático do Pobo–HDP, un partido irmán do BNG, tal e como llo traslada a súa portavoz en Europa, Ana Miranda, aos diferentes responsables internacionais deste partido curdo cos que mantén unha longa relación tanto polas accións desenvolvidas no Parlamento Europeo como pola súa participación nos congresos do HDP.

O Bloque considera que o Tribunal Constitucional turco actúa como o brazo represor de Erdogan e do partido AKP, que levan dende as pasadas eleccións atacando por distintos medios ao HDP con asasinatos, represión, encarceramento de representantes políticos, control das comunicacións, ataques á sede así como o ataque da semana pasada no que mataron a unha traballadora do HDP. “Denunciamos que atacan a un partido coma nós, é como se quixeran ilegalizar ao BNG, cando o HDP é o terceiro partido turco en voto”, afirma a Coordinadora de Relacións Internacionais do BNG.

Longa traxectoria de relacións

De feito, o BNG e o HDP manteñen desde hai anos unha longa traxectoria de relacións a través da portavoz do BNG en Europa, que xa no 2016 participou na delegación de observadores internacionais no referéndum que tivo lugar en Turquía, así como na Asemblea parlamentar conxunta Unión Europea – Turquía, que tivo lugar en decembro de 2018.

O Bloque tamén participou en 2019 na Delegación do Parlamento Europeo de observación no xuízo sobre o encarceramento do líder Curdo do HDP turco, Selahattin Demirtas, no Tribunal de Dereitos Humanos de Estrasburgo, así como no congreso anual do Partido Democrático do Pobo – HDP, celebrado en Ankara en 2020. Xa este ano 2021, no mes de marzo, Miranda participou como observadora no denominado xuízo “Kobanî Case”, contra 108 representantes do HDP, incluídos os seus copresidentes Selahattin Demirtaş e Figen Yüksekdağ, e parlamentares e representantes municipais.

Comentarios
O BNG denuncia a deriva antidemocrática de Turquía coa ilegalización do Partido Democrático do Pobo-HDP