BNG | nota de prensa
O BNG denuncia a falta de planificación en transporte público por parte da Xunta de Galiza
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2024 - O BNG concentrouse ás portas da Estación Intermodal de Santiago de Compostela para denunciar o caos no transporte público, que atribúen á falta de planificación da Xunta de Galiza en materia de mobilidade.
O portavoz de Transporte do BNG, Paulo Ríos, lembrou a situación vivida o pasado venres, cando "había 200 persoas protestando sen poder moverse nos autobuses ou trens, buscando billetes onde non os había e esperando uns reforzos nos autobuses da Xunta de Galiza que nunca chegaron". Esta é unha escena que se repite día a día en moitas localidades de Galiza, onde moitas persoas quedan tiradas nas paradas por falta de autobuses, xerando serios problemas para desprazarse ao traballo ou aos centros educativos.
Ríos destacou que hai moitas liñas de transporte con horarios incompatíbeis coas necesidades da poboación local, facendo que sexa imposíbel utilizar o transporte público. "Non só se incumpren sistematicamente os horarios, senón que tampouco hai prazas suficientes, todo pola falta total de planificación por parte da Xunta de Galiza", sinalou o deputado.
A esta situación súmanse os problemas que se están a dar nas liñas ferroviarias. Ríos criticou que, despois do "gran aumento" no número de viaxeiros grazas ás bonificacións dos traxectos, o goberno do Estado "non está atendendo os problemas que se están ocasionando nas liñas ferroviarias por culpa dos atrasos e avarías", que afectan a centos de galegos e galegas.
Desde o BNG, o deputado nacionalista instou á Xunta de Galiza a endurecer as sancións contra as empresas concesionarias que non cumpran coas súas obrigas e a garantir un servizo de transporte adecuado para a cidadanía. "Denunciaremos todas as veces que sexa necesario", afirmou Ríos, lembrando que o transporte público é un dereito de todos os cidadáns e cidadás. Ademais, criticou que o goberno do PP prioriza os intereses das concesionarias por riba dos da cidadanía.