BNG | nota de prensa

O BNG impulsa unha batería de iniciativas na defensa da pesca galega

Ana Miranda propón o mantemento de encontros periódicos co sector pesqueiro para facer un seguimento directo da súa evolución

Néstor Rego defende a necesidade de reformar os criterios de reparto das cotas pesqueiras 

Rosana: “O Bloque presentou varias propostas para que a administración galega elabore plans de continxencia para as frotas máis afectadas”

O BNG impulsa unha batería de iniciativas na defensa da pesca galega
BNG encontro pesca lonxa A Coruña
BNG encontro pesca lonxa A Coruña

A Coruña, 14 de xaneiro de 2021.- O BNG expresou o seu compromiso na defensa do sector pesqueiro galego mediante a posta en marcha dunha batería de iniciativas nas distintas administracións que freen a perda da súa capacidade económica como consecuencia non só da pandemia, senón tamén pola incertidume causada polo acordo do Brexit. “A redución dun 25% dos dereitos de pesca da UE supón un duro golpe para o sector pesqueiro galego, que os gobernos galego e estatal non souberon evitar”, manifestaron Ana Miranda, Néstor Rego e Rosana Pérez tras o encontro que mantiveron co Consello Administrador da Lonxa da Coruña, no que tamén participaron Mercedes Queixas, Carmela González e Daniel Castro.

O sector pesqueiro galego corre o risco de perder 4.300 toneladas de especies como gallo, pescada e rape, fundamentalmente, nos próximos cinco anos e neste sentido, a delegación do BNG defendeu que é preciso reformar os criterios de reparto de cotas pesqueiras na Unión Europea e buscar fórmulas para que Galiza non saia prexudicada, así como a revisión do principio de estabilidade relativa, xa que non permite un reparto equitativo e axustado ás capacidades produtivas de cada país e supón a asignación de cotas insuficientes para a frota galega.

No obxectivo de coñecer de primeira man a evolución do sector pesqueiro que afronta esta situación de incertidume con preocupación, Ana Miranda expresou o compromiso do BNG a manter encontros periódicos co sector e en concreto co Consello de Administración da Lonxa coruñesa e así dar traslado ás súas demandas nas distintas administracións. A portavoz do Bloque en Europa recalcou que a pesca non pode ser moeda de cambio nas negociacións e que foron varias as iniciativas presentadas reclamando información sobre as consecuencias do Brexit para os sectores económicos galegos. 

Zona altamente dependente

Precisamente na reunión os representantes do Consello, ademais de manifestar a súa preocupación pola incertidume que provoca o acordo co Reino Unido, defenderon a posta en marcha de axudas por parte de Portos do Estado para compensar as perdas do sector. Neste sentido, Néstor Rego comprometeuse a recoller e presentar iniciativas que recollan estas demandas e defendeu a redistribución das cotas “que leve a unha mellor xustiza no reparto”, coa declaración de Galiza como zona altamente dependente da pesca. 

Segundo o deputado nacionalista Galiza precisa ter voz propia nas negociacións pesqueiras que se desenvolvan a nivel internacional. “É fundamental que Galiza teña capacidade para negociar directamente as cuestións de especial relevancia para a súa economía, como é o caso dos acordos en materia de pesca, e evitar así que estas se volvan a considerar prescindíbeis en aras de intereses políticos ou económicos alleos”, manifestou ao respecto.

A deputada Rosana Pérez, portavoz do BNG na Comisión de Pesca no Parlamento Galego, asemade expresou o seu compromiso de trasladar á Cámara galega as propostas manifestadas na reunión e criticou o papel desenvolvido pola Conselleira de Pesca, ao non ser capaz de defender os intereses de Galiza nas negociacións relacionadas co Brexit. “O goberno galego non é quen de defender os intereses do sector pesqueiro galego”, sinalou a deputada do Bloque, quen recordou que no Parlamento Galego foron presentadas diversas iniciativas relacionadas para que a administración galega elabore plans de continxencia para as frotas máis afectadas. 

“Intentamos que o goberno galego se implique co sector pesqueiro con toda a contundencia alí onde ten que esixir”, salientou ao respecto, ao tempo que criticou que haxa grupo políticos que na Cámara galega votan a favor de determinadas propostas que posteriormente rexeitan en Madrid, prexudicando a sectores concretos, como o caso da transferencia do IEO. 

O BNG impulsa unha batería de iniciativas na defensa da pesca galega