BNG | nota de prensa

BNG urxe o MITECO a estabelecer as compensacións ao sector marisqueiro da Ría do Burgo

Néstor Rego sinala que a responsabilidade é directamente do executivo estatal por posuír as competencias do dominio marítimo-terrestre e ser a administración que executa a obra de dragaxe que non permitirá a actividade durante anos.
BNG urxe o MITECO a estabelecer as compensacións ao sector marisqueiro da Ría do Burgo
Néstor Rego 02
Néstor Rego 02

Madrid, 22 de xullo de 2021. O deputado do BNG, Néstor Rego, rexistra novamente iniciativas para que o Goberno do Estado e, en concreto, o MITECO cumpra co deber de compensar economicamente as mariscadoras e mariscadores da Ría do Burgo mentres dure o dragado ambiental da Ría que impide que sigan desenvolvendo a súa actividade. Así mesmo, a formación reclama que o Ministerio comunique á Confraría da Coruña toda a información relativa ao estado actual e a evolución dos traballos.

As obras de limpeza do fondo da Ría é unha acción moi esperada que se comeza a materializar coa adxudicación das obras para a UTE integrada por Acciona Construción. Con todo, o comezo dos traballos xera tamén preocupación para o sector marisqueiro, pois existe aínda moita incerteza sobre como se paliarán e compensarán as consecuencias negativas que as obras terán para a actividade marisqueira que se verá interrompida por ser incompatíbel coas obras.

“As obras terán unha duración aproximada de 26 meses, tempo en que as mariscadoras e mariscadores, agrupado na Confraría, non poderán realizar a súa actividade económica” apunta do deputado do BNG. Por este motivo, resulta “imprescindíbel coñecer con antelación a data de inicio dos traballos, cando se paralizarán os plans de xestión en vigor e, sobre todo, que administración se fará cargo das compensacións económicas”.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico a pesar de ser a Administración da que dependen as obras, até o momento negou toda responsabilidade para a asunción das compensacións descargando esa obriga e alegando que o marisqueo é competencia directa de Xunta de Galiza. Este argumento foi refutado polo informe feito público recentemente elaborado por Luis Míguez Macho, catedrático de Dereito Administrativo da USC, a petición da Consellaría do Mar. Neste relatorio baseándose na Lei Costas, nas competencias administrativas e na xurisprudencia, conclúe, tal e como viñan defendendo a Confraría, a Xunta e como xa reclamara o BNG, que as obras son competencia da Administración Xeral do Estado e que son esas obras as que teñen como consecuencia a indispoñibilidade do dominio público marítimo-terrestre, tamén para o marisqueo. En consecuencia, é o Ministerio quen debe artellar as compensacións económicas aos mariscadores e mariscadoras. 

“A posición mantida polo MITECO non se axusta á legalidade vixente. O proxecto de dragaxe ambiental é unha actuación que debe cualificarse como obra de interese xeral de competencia da Administración xeral do Estado” enfatiza o deputado nacionalista. Así, as competencias da Xunta de Galiza sobre a zona de dominio público marítimo en materia de marisqueo e acuicultura, non poderían nunca impedir ou obstaculizar a execución desas obras.

Dado que a execución do proxecto de dragaxe ambiental da Ría  do Burgo é incompatíbel coa continuidade da actividade marisqueira na zona afectada polas obras mentres estas desenvólvanse, a Xunta de Galiza verase obrigada a suspender esa actividade. “É dicir, a execución do devandito proxecto determina a indispoñibilidade do dominio público marítimo-terrestre para calquera actividade que resulte incompatible coas obras e, esa indispoñibilidade é consecuencia da decisión adoptada polo Ministerio de exercer as súas competencias sobre o litoral para a execución dunha obra pública de interese xeral, a dragaxe da ría” reivindica Rego. “En definitiva, o MITECO debe actuar de forma áxil e transparente para cumprir co seu deber e estabelecer as compensacións aos mariscadores e mariscadoras e que estean dispoñíbeis no momento en que dean comezo as obras de dragaxe” conclúe o deputado do BNG.

Comentarios
BNG urxe o MITECO a estabelecer as compensacións ao sector marisqueiro da Ría do Burgo