A Coruña pecha parques infantís e a terminal de autobuses

O Goberno local volveuse reunir hoxe para adoptar unha serie de medidas novas que complementan ás xa vixentes co fin de mellorar esta contención na cidade.
 
A Coruña pecha parques infantís e a terminal de autobuses
Parque nas Roseiras, pechado desde este venres. @Concello
Parque nas Roseiras, pechado desde este venres. @Concello

O concello aclarou que as actividades extraescolares están canceladas desde este venres. No ámbito educativo e social, os comedores sociais de San Pedro de Visma e de Monte Alto serán clausurados aínda que se prestará servizo á poboación servíndolles a comida no recinto para que a leven aos seus domicilios. Para o alumnado con bolsas comedor, os comedores dos colexios públicos tamén darán o servizo de recollida de alimentos nas conserxerías destes centros que estarán coordinados coas empresas que prestan este tipo de servizos. O servizo que se prestará para o Talón Restaurante Municipal funcionará do mesmo xeito xa que terán que recoller os seus alimentos e consumilos nos seus fogares.

O centro de orientación familiar suspende a súa actividade agás para asistencias urxentes como interrupcións voluntarias do embarazo ou consultas de alta urxencia. No CIM as consultas realizaranse pola vía telefónica e realizarase unha cobertura especial en caso de que algunha usuaria teña que ser acompañada.

O servizo de axuda a domicilio pecha as súas oficinas (OMADAP), pero mantense o servizo telefónico. En canto ao servizo de rúa para asistir ás persoas sen teito, entregaránselles medidas de autoprotección como as que se porán en marcha nos comedores sociais.

Entre as novas medidas, o Concello anunciou o peche inmediato dos parques infantís e o peche da terminal e as oficinas da estación de autobuses. Tamén, a suspensión da X Carreira Popular Torre de Hércules. 

Plan nos mercados e desinfección do transporte

Por outra banda, os mercados municipais adoptarán medidas para evitar a propagación do Covid-19 como a restrición do número de usuarios, existencia de equipos de protección, limpeza profiláctica e manter unha distancia prudente evitando o contacto directo entre os/as praceiros/as e a clientela. Este plan de protección xa foi enviado aos mercados coruñeses. No eixo do transporte público, estase realizado a desinfección diaria dos autobuses e a empresa concesionaria activará medidas para limitar o número de pasaxeiros e a distancia dentro dos vehículos públicos. A recomendación do concello para os comercios, grandes superficies comerciais e locais de hostalaría e restauración privados é que sigan as instrucións do Goberno do Estado e da Consellería de Sanidade para evitar as aglomeracións de persoas e a propagación do virus.

Comentarios
A Coruña pecha parques infantís e a terminal de autobuses