A CRMH elixe Republicano de Honra 2020 o militar que asinou o manifesto antifranquista

Marco Antonio Santos, natural de Redondela, foi expulsado do Exército español a finais do ano pasado, despois de asinar en 2018 un manifesto de militares no que se sinalaba a Franco "por haber encabezado un golpe de estado sangriento y genocida contra la legal y legítima II República Española".
A CRMH elixe Republicano de Honra 2020 o militar que asinou o manifesto antifranquista
Marco Santos. Imaxe: militaresantifascistas.org
Marco Santos. Imaxe: militaresantifascistas.org

A asemblea da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMH) decidiu este xoves distinguir a Marco Antonio Santos, ex militar, natural de Redondela (Pontevedra) como Republicano de Horna 2020, sucedendo así na honra a Celsa Díaz, José Miñones, Francisco Pillado, Camilo De Dios e Nicanor Acosta, que foron os últimos distinguidos.

Marco Antonio Santos foi o único militar en activo que asinou o manifesto elaborado como resposta ao comunicado franquista suscrito por centenares de oficiais. Este cabo do Exército de terra, que levaba 19 anos na disciplina castrense, é natural de Redondela e foi expulsado do Exército a finais de 2019 como responsable dunha falta moi grave de "realización de actos irrespetuosos ou a emisión pública de expresións ou manifestacións contrarias ao ordenamento constitucional, á coroa e ás institucións e órganos constitucionalmente reconocidos", segundo o expediente sancionador.

«O cabo Santos ingresou no Exército no ano 89 e, tras participar en varias misións internacionais en Kosovo e, pouco a pouco, foise dando de conta de que “as cousas non son como os xefes queren” e foi cambiando a súa visión dunha institución profundamente conservadora e con moitos tintes franquistas. “A gota que colmou o vaso foi cando o pasado ano –2018– máis de mil militares asinaron un manifesto a favor “do dictador, xenocida, asasino e fascista Francisco Franco”. A partir de entón, o cabo Santos tivo claro que tiña que facer algo para mudar esa faciana fascistoide que aínda conserva o estamento militar español». Así comeza a reportaxe que lle dedicou o Xornal de Vigo en decembro pasado e que pode lerse completo aquí.

Como cada ano, a CRMH celebrará os actos de entrega da distinción e a cea republicana en datas próximas ao 14 de abril.

Comentarios
A CRMH elixe Republicano de Honra 2020 o militar que asinou o manifesto antifranquista