Seminario sobre as posibilidades de emprego na economía solidaria

Dez cousas que tes que saber si buscas emprego na economía social galega

A economía social na Galiza vai dar un paso adiante o próximo día 1 coa estrea de EspazoCoop, a plataforma que xuntará a 181 cooperativas do país. Nestas semanas abundan os encontros dun sector disposto a saír da burbulla. Onte na Coruña celebrouse un seminario sobre as posibilidades de emprego na economía solidaria. Este é un resumo do que alí se falou en dez reflexións compartidas polos conferenciantes. 

Dez cousas que tes que saber si buscas emprego na economía social galega
mesa no seminario de economia social
Mesa no Seminario de Economia Social | Fotografía Erik Dobaño

Por Erik Dobaño

1. Oportunidades na Rede. Hai quen crea plataformas que xeran postos de traballo, son os súper emprendedores. Pero a taxa de éxito é baixa, advirte Albert Cañigueral (do blog consumo colaborativo1). Logo está a xente que recolle ideas triunfadoras e as importa. E son emprendedores. Están tamén os franquiciados, que atopan un emprego integrándose en redes. E finalmente os micro emprendedores, que venden tempo e determinadas habilidades e corren un risco serio de precarización. Non terán salario; dependen de estabilizar os ingresos. “A metade dos autónomos dixitais non sobreviven máis alá dun ano”, sinala Cañigueral, e resume: “por iso é máis fácil atopar un cliente que un emprendedor”.

2. A economía social saca a cabeza. Dentro ou fóra de Internet, a economía social resistiu mellor a crise: perdeu un 6,5% menos de emprego. “Non somos un actor pequeno. Estamos na axenda ao máis alto nivel”, dixo Carmen Comos, presidenta da patronal do sector (Confederación Empresarial Española de la Economía Social2), que espera que os teñan en conta no próximo diálogo social porque representan a máis de 40.000 empresas.

3. Quérese unha ferramenta de transformación social. O asunto dos valores centrou a discusión durante a xornada porque os expertos incidiron moito en que só as empresas que poñen as persoas por diante dos beneficios poden inxerirse na economía social. “Temos unha visión distinta ao modelo imperante, somos unha ferramenta de transformación social”, dixo Asier Epelde, da Rede Economía Alternativa e Solidaria3. “Uber non é economía social”, apuntou Carlos Trías, membro do Comité Económico e Social europeo4 que traballa ante as institucións comunitarias na promoción da economía social. “A economía social consiste en irradiar valor social entre pares, con relacións simétricas”. 

4. Remunérase o traballo, non o capital. Asier Epelde explicou que as empresas da súa rede teñen como principio fuxir do lucro. “Non se reparten beneficios. O se destinan a fortalecer a estrutura ou ben a crear traballo dentro ou fóra da empresa”. O capital non é unha inversión, non se remunera, só o traballo. E con equidade, outro dos principios. Incluso Epelde manifestouse partidario de salarios variables en función das dificultades de cada quen en determinado momento. 

5. As administracións poderían botar unha man. Foi Carlos Trías quen puxo sobre a mesa a cuestión. Xa hai lexislación comunitaria que permitiría ás administracións públicas establecer indicadores de transparencia, impacto ecolóxico e compromiso social das empresas para utilizalos como baremos na contratación pública. España non traspuxo esta normativa, pero Bruxelas permite que as administracións locais se acollan a ela. No País Vasco e Navarra xa o están facendo. 

6. A axuda mutua. Leire Uriarte, profesora na Universidade de Mondragón5 –tres facultades, cinco mil alumnos-, sinalou que unha das claves que permitiu crecer a Mondragón e sobrevivir á caída de Fagor no 2013 foi o principio de intercooperación, que crea sinerxías e contribúe ao mantemento de emprego a través da solidariedade. Fagor quebrou e esgotou todas as caixas de resistencia da maior cooperativa do Estado. Pero dous anos despois, o 53% dos empregados teñen traballo dentro da corporación, o 42% xa conseguiu unha solución definitiva a través da xubilación, e fáltalles atopar unha saída para o 5% restante.

7. Hai máis aforro para apoiar proxectos que proxectos en marcha. “Non somos un banco, non temos clientes”, arrancou Raimón Gassiot, de Coop576, “ofrecemos servizos financeiros aos nosos socios, que ademais poden determinar os criterios e os servizos porque participan da cooperativa”. A banca ética foi unha illa sen tacha fronte aos escándalos bancarios que se destaparon coa crise. A banca ética protéxese das regulacións laxas coa súa propia regulación (tipos de interese incluídos) e distribúe os riscos entre moitos. “Avalamos proxectos con amplo apoio social, como sucedeu con Numax. Tiñan 180 persoas apoiando a iniciativa. Así, mesmo é máis fácil para nós recuperar os cartos si a cousa non funciona, pero con tanto apoio detrás, sabemos que funcionará”. Está pasando que os recursos seguen fluíndo cara a banca ética e Gassiot recoñece que reciben máis aforro do que lle poden dar saída.

8. O monte galego é petróleo. “En Kuwait teñen petróleo, nos temos o monte. Pero eles extraen petróleo e nos queimámolo monte”. Pablo Álvarez é un emprendedor que leva trazas de súper. Fundou Nosa Enerxía7 despois de coñecer a seu socio a través das redes sociais. Nosa Enerxía, apenas douscentos e pico cooperativistas polo de agora, rebaixa os custes no inverno cando aumenta a demanda. A súa achega social consiste ademais na compra de enerxía limpa. Pero quere ir máis lonxe. Ten proxectos para a autosuficiencia enerxética cando o poboamento é disperso e tamén plans para o aproveitamento do monte.

Nosa Enerxía, un exemplo de economía social nun sector estratéxico, é consciente de ser un anano entre os xigantes do oligopolio. Busca alianzas na banca ética, axuda mutua.     

9. O monte non é de ninguén. Polo dereito xermánico a propiedade dos montes é compartida no país, sobre todo no sur, porque as desamortizacións mudaron a estrutura no norte, explica Alexandre Cendón, que leva nove anos á fronte do Monte Veciñal de Santiago de Covelo (Pontevedra). Hai unhas dúas mil comunidades de man común no país. Pero xeran pouco emprego. O monte desvalorízase, perde a conexión coa agricultura e a xente do rural emigra. Pero Pablo Álvarez pensa que os veciñais inda serían útiles “só con que se sumaran o 10% deles e puxeran algo de cuartos para diversificar o aproveitamento”. Habería emprego no monte e sería necesariamente cooperativo. Só hai que vivir alí.

10. Outra enerxía (sen petróleo) para outro país. Nosa Enerxía pénsase tamén coma ferramenta de transformación social, por iso seus primeiros principios son democracia (os socios teñen voz e voto) e soberanía enerxética “para controlar o tipo de enerxía que queremos consumir”. “Grazas a capacidade tecnolóxica de hoxe, o monopolio da enerxía xa pode ir rematando. Camiñaremos cara outro modelo. E se hai que pechar a refinaría de Repsol, recolocaranse eses traballadores nas renovables”, conclúe Pablo Álvarez desafiando ao presente.

Dez cousas que tes que saber si buscas emprego na economía social galega