1926-2020

Faleceu Elvira Varela Bao, testemuña da represión franquista

Faleceu Elvira Varela Bao, testemuña da represión franquista
Elvira Varela Bao. @DeputaciónACoruña
Elvira Varela Bao. @DeputaciónACoruña

Faleceu Elvira Varela Bao, nada na Coruña en 1926 e filla da mestra Elvira Bao e do capitán da mariña Bernardino Varela, membros das Irmandades da Fala da Coruña. Nomeada Republicana de Honra 2013 pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Varela Bao lembrou nunha entrevista naqueles días: “O mérito é deles, que sofreron as inxustizas. Eu só son a súa filla”. Participou activamente na recuperación da memoria nacionalista e republicana. 

"Elvira Varela Bao foi durante toda a súa vida transmisora apaixonada da memoria das Irmandades. No seu caso foi unha das persoas que máis contribuíu a que se coñecese a historia real de Elvira Bao e de tantas mestras represaliadas despois do 36. Hai uns anos decidimos que levase o nome de Elvira Bao a residencia de estudantes da Universidade da Coruña, cedida pola Deputación da Coruña nun edificio da súa propiedade", comentou esta mañá no seu Facebook, Goretti Sanmartín, ex-vicepresidenta da Deputación.

Desde o departamento de Cultura da propia Deputación lembraban este mércores a súa colaboración na recuperación da memoria e subliñaban que "o legado dos seus pais era o seu altar, o seu tesouro, dun tempo, como ela dicía, na que os galeguistas chamábanse de "irmáns". 

"Vaise unha persoa auténtica, unha voz imprescindíbel e inesgotábel da memoria resistente. Unha muller que transmitiu con paixón e verdade o tempo que viviu, a luz das Irmandades, a esperanza da República e o trebón fascista que tronzou os soños do galeguismo", anotou o deputado nacionalista Luís Bará.

Comentarios
Faleceu Elvira Varela Bao, testemuña da represión franquista