Comunicado

A Marea Atlántica transmite a súa solidariedade con Barcelona fronte á barbarie e o terror

Animamos á cidadanía a participar no minuto de silencio convocado por toda a Corporación da Coruña, ás 12.00 na Praza de María Pita

A Marea Atlántica transmite a súa solidariedade con Barcelona fronte á barbarie e o terror

Desde a Marea Atlántica queremos expresar a nosa solidariedade con Barcelona nestas horas escuras, nas que un atentado terrorista golpeou nas ramblas. Tamén as nosas condolencias ás vítimas, as súas familias e ás persoas achegadas. Desde A Coruña, cidade irmá, todo o apoio fronte a quen sementa medo e sangue inocente. E a nosa condena ante semellante acto de barbarie.

Cando fala a violencia, a única resposta é manternos firmes na defensa dos valores que nos dan forza como sociedade. Fronte á intolerancia, respecto e diversidade. Fronte ao odio, convivencia. Fronte ao terror, valentía e coñecemento. Fronte á represión, liberdade. Fronte á xenofobia, irmandade. Porque se o medo fai que deixemos atrás os nosos principios éticos, o medo xa gañou a batalla.

Sumámonos tamén ao minuto de silencio convocado para mañá por toda a Corporación Municipal da Coruña, ás 12.00 na praza de María Pita.

Como dixo hoxe o alcalde, Xulio Ferreiro, tras coñecerse o atentado: “Hoxe a dor da xente de Barcelona é a dor de todas nós. A forza da cidadanía fronte á barbarie tamén é común”. E como dixo Ada Colau: “Barcelona ciutat de pau. El terror no aconseguirà que deixem de ser qui som: ciutat oberta al món, valenta i solidària”.

A Marea Atlántica transmite a súa solidariedade con Barcelona fronte á barbarie e o terror