Defende Meirás | nota de prensa

As memorias celebran a mobilización máis masiva en quince anos diante das portas do Pazo de Meirás pechadas polo Estado

Un milleiro de persoas acompañan ao movemento memorialista galego nunha marcha para reclamar maior protección institucional e xurídica para o patrimonio ligado ao Pazo diante do último intento de rapina dos Franco.
As memorias celebran a mobilización máis masiva en quince anos diante das portas do Pazo de Meirás pechadas polo Estado
Meirás 19 de xuño O Pazo é do pobo e da memoria (3)
Meirás 19 de xuño O Pazo é do pobo e da memoria (3)

"Estamos aquí porque a batalla por Meirás non rematou”, dixo Carlos Babío, despois de que as Tanxugueiras entusiasmaran o público asistente coa súa evocación das vítimas e do sufrimento dos escuros anos da barbarie fascista.

A manifestación improvisada celebrouse, sen incidentes e con escasa presenza das forzas de seguridade, polos arredores do Pazo.

A Coruña, 19 de xuño de 2021.- Un milleiro de persoas acompañaron o movemento memorialista galego na manifestación deste sábado en Meirás, que topou as portas do Pazo pechadas polo Goberno do Estado quen impediu unha xornada festiva nos xardíns das Torres, un espazo recuperado co esforzo de ducias de activistas durante máis de corenta anos, un espazo público e de memoria democrática prohibido hoxe ás vítimas da barbarie fascista, representadas nunhas imaxes en carteis colocadas ás portas de Meirás nos prolegómenos da marcha.

“Desde a última marcha a Meirás mudou algo moi significativo. O Pazo agora é patrimonio do Estado. O que non mudou é o lado do muro no que temos que manifestarnos. Seguimos sen poder entrar no Pazo de Meirás. O Estado español non permitiu. Nunha democracia normal, hoxe as portas de Meirás estarían abertas. Mais están pechadas”, dixo Carlos Babío, portavoz da #IniciativaDEFENDEMeirás, plataforma da manifestación que apoiaron 68 organizacións memorialistas de todo o país, partidos, sindicatos, asociacións veciñais e culturais.

O escenario, previsto para ser instalado nos xardíns do Pazo, situouse finalmente na explanada principal, a carón das portas que o Goberno central se negou a abrir sen xustificar a súa negativa en argumento ningún. Pouco despois das doce, arrancou a marcha cunha pancarta co lema O Pazo para o pobo e a memoria, seguida doutra levada por persoas represaliadas durante os estertores do franquismo na Transición e que recollía a lista das case seiscentas persoas asasinadas polo terror fascista a partir del 1936.

“Por aquelas e aqueles que viron as súas casas e terras furtadas para maior gloria do ditador e do seu réxime. Por aquelas e aqueles que, en tempos de miseria, tiveron que dar o que non tiñan para obsequiar a quen lles negaba a liberdade. Por aquelas e aqueles que padeceron persecución por seren veciñas e veciños do ditador. Por aquelas e aqueles que nos anos da II República soñaron cun Meirás e cunha Galiza na que vivir unha vida xusta e traballaron con entusiasmo pola conquista desa idea. E remataron nunha cuneta, no cárcere, nos montes, no exilio. Ou simplemente obrigadas e obrigados a recibir a Franco ao berro de Arriba España e co brazo en alto, ou colgando a bandeira bicolor no balcón da súa casa baixo coacción. Aclamando pola forza a quen lles furtara o futuro. Por todas e todos, reivindicamos un pazo de Meirás en posesión do pobo”, explicou Manuel Pérez Lorenzo, outro dos portavoces da plataforma impulsada pola IGM (Iniciativa Galega pola Memoria), durante a lectura do manifesto.

Meirás 19 de xuño O Pazo é do pobo e da memoria

Na marcha, de apenas tres quilómetros por estradas dos arredores do Pazo, tomou parte o alcalde de Sada, Benito Portela, que colaborou na organización do acto, xunto a líder e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón e outros cargos nacionalistas, militantes e simpatizantes de Anova, con Antón Sánchez á cabeza, de Podemos, con Antón Gómez-Reino, Esquerda Unida e de Sadamaioría e da Marea Atlántica. Partidos, sindicatos e asociacións arrouparon aos representantes do movemento memorialista da Coruña, con Fernando Souto, presidente da CRMH, e as ex presidentas Beatriz Gómez e Manuel Monge, con outros destacados activistas da loita por Meirás, como Plácido Lizancos. Tamén estiveron presentes colectivos memorialistas do resto de Galiza.

“Estamos aquí porque a batalla por Meirás non rematou”, dixo Carlos Babío na lectura do manifesto, despois das intervención dos actores Isabel Risco e Fernando Morán, que ofreceron unha parodia da familia Franco, e de tres pezas das Tanxugueiras que entusiasmaron aos asistentes. “De agora en adiante, Meirás debe servir para honrar a memoria das vítimas. Sen menoscabo doutras funcións e valores que o conxunto atesoura, o pazo de Meirás ten que ser no futuro fundamentalmente un espazo referente de memoria democrática, pois foi epicentro do poder do franquismo durante 36 veráns e é resultado dun espolio continuado. Por iso foi reivindicado como patrimonio público, non por ningunha outra razón”, concluíu Babío, quen subliñou que o obxectivo do acto non era outro que impedir a rapina dos Franco e volveu reclamar que o Estado e a Xunta de Galiza se impliquen en protexer os bens todos que forman parte dun conxunto declarado Ben de Interese Cultural.

O berro de ‘Franquismo Nunca Máis’ e co agradecemento da #IniciativaDefendeMeirás a todas as asociacións que colaboraron na mobilización, ao Concello de Sada pola súa decisiva contribución para poder celebrar un acto salvando todos os obstáculos que puxo a Administración central, a Luis Davila, autor do cartel, as artistas que se comprometeron na festa, Isabel Risco, as Tanxugueiras (Aida, Olaia e Sabela) e Fernando Morán e todas as persoas que colaboraron achegando o seu apoio, rematou a maior mobilización das memorias do país desde hai quince anos.   

As memorias celebran a mobilización máis masiva en quince anos diante das portas do Pazo de Meirás pechadas polo Estado