Entrevista a Leire Uriarte Zabala

“En Mondragón quizá fallou a transmisión de valores que agora estamos a recuperar”

Leire Uriarte Zabala, profesora da Facultade de Humanidades e Ciencias da Educación da Universidade de Mondragón

“En Mondragón quizá fallou a transmisión de valores que agora estamos a recuperar”
leire uriarte 1
Leire Uriarte | Fotografía Erik Dobaño

Erik Dobaño | A Coruña

En outubro de 2013, Fagor presentou concurso de acredores e cesou a súa actividade. A insignia da cooperativa Mondragón cedeu no medio da crise económica despois de anos loitando pola súa salvación. “Aquilo foi unha conmoción, é certo”, recoñece Leire Uriarte, a quen o Instituto Lanki de estudos cooperativos encargou un informe, xunto a Igor Ortega, sobre as preguntas que deixou abertas a caída de Fagor. O estudo realizado en base a entrevistas con cooperativistas advertía que “en moitos dos casos, enténdese que o modelo actualmente non ten respostas” para retos como “conxugar o dimensionamiento coa implicación e o compromiso dos socios”.

- Que aprenderon coa crise de Fagor?, que pegada deixou aquilo nun xigante como Mondragón?

- O primeiro que teño que dicir é que Fagor foi unha cooperativa que axudara sempre moito ás demais. Nós, desde antes da crise de 2008, xa estabamos nun proceso de reflexión. Porque entendiamos que o mundo cambiara profundamente, que a sociedade volveuse máis individualista e os mercados, máis competitivos e feroces. O de Fagor foi traumático, sobre todo no val de Mondragón onde todo o mundo ten un familiar ou coñece a alguén vinculado directamente á corporación. Pensábase que Fagor era tan grande que non podía caer. Aquilo supuxo un punto de inflexión como se di no informe, porque soubemos que non había que durmirse e que debiamos coidar o que era Mondragón. Empezamos a cuestionarnos desde o modelo de gobernanza das cooperativas ata a súa dimensión. Máis que a pór límites a isto ou aquilo, aprendemos que nunca se debe apartar a vista dos valores. Algúns cooperativistas foron conscientes de que se relaxou o interese polos asuntos de xestión, que xa que había unha dirección, delegábase a responsabilidade. Eran traballadores e propietarios pero non se preocupaban das decisións. Agora imos recuperándonos daquilo sabendo que o cooperativismo debe asumir novos desafíos.

- Cales son eses desafíos?

- Pois ir construíndo o cooperativismo para este tempo que nos toca vivir. Houbo unha primeira etapa do cooperativismo da necesidade, na posguerra; logo veu o cooperativismo do benestar, ata os anos dous mil; e hoxe estamos nunha terceira etapa, con novos retos, entre eles os que expoñen esa sociedade individualista e os límites físicos do planeta, o cambio climático. Preguntámonos, por exemplo, que resposta pode dar unha estrutura como a de Mondragón, nacida en plena época industrial, ao reto do cambio climático.

- Novos valores?

- É verdade que os nosos valores foron establecidos nos anos cincuenta e sesenta, hai máis de medio século, e que entón non había nin a preocupación social polo cambio climático nin a urxencia de actuar. Con todo, opino que non son necesarios outros valores para ofrecer a nosa resposta a estes desafíos. A resposta pode engarzarse desde valores como o da solidariedade ou o da colaboración.

- Vostede coopera desde a educación, que foi o berce no que se criou Mondragón, considera que nalgún momento a corporación esqueceuse deste alicerce?

- Poida que iso sucedese, quizá fallou a transmisión de valores que agora estamos a recuperar. Na idea orixinal de Mondragón a pata da educación era moi importante. Todo empezou coa creación dunha escola que pretendía sementar futuro no val. E xa lle digo que desde principios dos anos dous mil estamos nun proceso de reflexión sistemática. A Universidade da que formo parte, o Instituto Lanki, son iso. Estamos aí para formar e investigar. Queremos facer unha lectura crítica da realidade actual para xerar conciencia, pero tamén para producir accións, non quedarnos só na reflexión.

- Conciencia e acción para a transformación do modelo económico e social, ou perdeuse ese horizonte ideolóxico? 

- Non creo que se perdera, pero é certo que o vemos hoxe máis lonxe que cando empezou Mondragón ou que hai algunhas décadas. Este era un impulso máis claro nos inicios do cooperativismo moderno. Agora estamos nun mundo máis complexo. Creo que o que podemos facer é tentar enlazar o aspecto social co solidario, propor unha economía máis social e máis solidaria.

- Con que queda do seminario organizado por Ugacota na Coruña? 

- Pois levo a sensación de que teño que prestar máis atención ao que está a pasar aquí en Galiza, o que está a pasar no terreo do cooperativismo. Debo recoñecer que miro moito cara a Catalunya. Pero vexo que aquí hai moita xente nova, moitas ideas e grandes posibilidades no que se refire ao monte. Estou impresionada co asunto das comunidades de montes e a potencialidade que hai neles. Non tiña nin idea de que a cuarta parte do monte fose de propiedade comunal.  

“En Mondragón quizá fallou a transmisión de valores que agora estamos a recuperar”