movemento xuvenil independentista

O movemento xuvenil independentista convoca unha manifestación xuvenil unitaria este 24 de xullo

A mocidade organizada de Briga, Erguer. Estudantes da Galiza, Galiza Nova, Isca! e MPI   fai un chamamento á mocidade galega a sumarse á mobilización.
O movemento xuvenil independentista convoca unha manifestación xuvenil unitaria este 24 de xullo
mani xuvenil 2
mani xuvenil 2

Na mañá do 29 de xuño, as organizacións xuvenís e estudantís do soberanismo galego veñen de presentar en rolda de prensa a convocatoria da manifestación xuvenil unitaria co motivo do Día da Patria sob a lenda “A república galega é o futuro”.

Diferentes representantes de cada organización participaron na rolda de prensa realizada esta mañá en Praterías.  Na súa intervención destacaron que esta convocatoria nace da necesidade de dar resposta aos diferentes ataques que está a sufrir a clase traballadora galega e máis marcadamente a mocidade. Destacan entre outros, a precariedade laboral, a emigración,  imposibilidade de acceder a unha vivenda digna, o desmantelamento do ensino público galego.

Ademais, destacaron que “as mozas independentistas saímos á rúa a loitar por unha República Galega feminista e denunciamos os ataques aos nosos dereitos reprodutivos, sexuais e de identidade de xénero”.  Afirmaron tamén que como internacionalistas, denuncian aqueles ataques á soberanía dos pobos.

Cartaz mani xuvenil

Fronte a todo isto, destacan a necesidade de “sumar forzas para reclamar a necesidade de construír un futuro digno” na Galiza. Isto, segundo consideran, pasa unicamente pola construción dunha República Galega fronte “a un Estado Español antidemocrático e ao modelo de económico capitalista”

A mobilización convocada terá lugar o 24 de xullo ás 20h desde a Alameda de Compostela e percorrerá as rúas da capital. As convocantes fixeron un chamamento á mocidade galega a sumarse a esta mobilización, así como a todas aquelas entidades que queiran sumarse á mesma.

O movemento xuvenil independentista convoca unha manifestación xuvenil unitaria este 24 de xullo