BNG | nota de prensa

A proposta do BNG a Comisión Europea investigará a precariedade laboral no Servizo de Axuda no Fogar

Ana Miranda: “Queremos que se poña fin ao sistemático incumprimento da normativa europea nas condicións de traballo da atención domiciliaria”

A proposta do BNG a Comisión Europea investigará a precariedade laboral no Servizo de Axuda no Fogar
Ana Miranda SAF Galiza
Ana Miranda SAF Galiza

Bruxelas, 20 de xullo de 2021.- Nun novo “espaldarazo” á liña de traballo que leva a cabo o BNG en Europa, a Comisión de Peticións da Eurocámara vén de admitir a trámite a denuncia presentada no mes de marzo sobre a precariedade laboral do Servizo de Axuda no Fogar-SAF. Esta é a decisión tomada “xa que o asunto entra dentro dos ámbitos de actuación da Unión Europea”, segundo especifica o documento recibido polo SAF, que asemade anuncia que a Comisión Europea levará a cabo unha investigación preliminar sobre este asunto”.

“Na nosa loita contra a precariedade laboral consideramos unha boa nova que o Parlamento Europeo e a Comisión Europea tomen en consideración a denuncia sobre a precariedade laboral que permite o Goberno galego no servizo de atención domiciliaria de persoas en situación de dependencia”, subliña Ana Miranda, quen expresa ademais os seus parabéns ás traballadoras e representantes da Plataforma SAF GALIZA, pola loita na defensa da protección da saúde das traballadoras deste sector tan invisibilizado. Precisamente esta situación xa foi denunciada polo BNG nos tres Parlamentos nos que ten representación así como polas traballadoras na Valedora do Pobo..

“A atención domiciliaria é un servizo indispensable para moitas persoas, -dada a situación de dependencia na que se atopa unha boa parte da poboación galega nas vilas do rural e nas cidades-, máis as traballadoras, que nun 97% son mulleres, teñen que ter garantidos os seus dereitos e contar coas medidas de protección necesarias que foron insuficientes nos momentos máis duros da pandemia”, explica Ana Miranda. Denuncia que se ben o SAF foi declarado esencial, foi considerado de baixo risco na primeira vaga da pandemia, de forma que a exposición aos contaxios foi tremendamente alta.

Incumprimentos sobre as condicións laborais

A portavoz do BNG en Europa salienta que o documento presentado ante a Comisión de Peticións está “documentado de forma exhaustiva”, ao detallar o sistemático incumprimento da normativa europea por parte do Goberno do PP. Neste sentido, sinala que existe un claro incumprimento do Pilar Europeo de Dereitos Sociais, no seu capítulo “Condicións de traballo xustas”; así como da Resolución do Parlamento Europeo, de 4 de xullo de 2017, sobre as condicións laborais e o emprego precario; a Resolución do PE, de 31 de maio de 2018, sobre a resposta ás peticións sobre a loita contra a precariedade e o uso abusivo dos contratos de traballo de duración determinada; e a Resolución do PE, de 10 de febreiro de 2021, sobre la redución das desigualdades, con especial atención á pobreza dos traballadores.

“As traballadoras do SAF non son invisíbeis aínda que o Goberno non as protexera, por iso desde o BNG esiximos que se tomen medidas contra a precariedade e a falla de boas condicións laborais, de seguridade e de hixiene que padecen moitas destas traballadoras de asistencia a domicilio”, conclúe Ana Miranda.

A proposta do BNG a Comisión Europea investigará a precariedade laboral no Servizo de Axuda no Fogar