"In the same boat" documental sobre a renda básica universal

“É ridículo que os políticos sigan prometendo o pleno emprego”

Rudy Gnutti (Brescia, 1963), músico e cineasta que vive en Barcelona desde hai trinta anos, leva dous meses presentando In the same boat, un documental de divulgación sobre a proposta da renda básica universal. 

“É ridículo que os políticos sigan prometendo o pleno emprego”
Rudy G5
Rudy Gnutti

In the same boat está realizado a base de entrevistas a economistas e intelectuais de renome. Compositor para cine e teatro, hai uns anos empezou a facer documentais para televisión. O primeiro sobre o traballo dos poetas, o segundo sobre o oficio de artista e o terceiro en torno ao traballo das mulleres. A entrevista ten lugar nun hotel próximo aos Multicines Norte en Vigo este venres, o día da estrea na única sala en Galiza que pasará o filme. 

- Por que lle interesa tanto o mundo do traballo?

- Non sei se sabe que en Italia antes do teu nome poñen a túa profesión: enxeñeiro tal, profesor tal… Sempre me cuestionei en que momento o meu traballo empezara a definirme. Os artistas pasan un tempo até que o traballo lles dá para vivir e se converte nun emprego. Esas eran as preguntas. Pero recentemente, cando lin a Guy Aznar ou a Erik Brynjolfsson, a miña preocupación virou cara como construír unha sociedade na que non vai a haber emprego.

- Coa crise os documentais sobre a economía puxéronse de moda, cal deles foi o teu referente?

- Teño visto moitos e moi bos, pero recoñezo que me inspirei na estrutura de A pelota vasca de Medem. Interesoume o estilo.  

- Como conseguiches o apoio dos produtores?

- En todos os meus traballos anteriores o que fixen foi buscar primeiro a un personaxe relevante, o máis importante se podo, no tema que quero tratar. Neste caso foi Zygmunt Bauman. Entrevisteino a finais do 2014. As viaxes foron autofinanciadas, cun equipo moi pequeno. Tiña unha listaxe de persoeiros para entrevistar. Algúns caéronse, caso de Stiglitz, pero polo camiño descubrín outros ben interesantes como Tony Atkinson, que tamén faleceu estes días. As televisións no quixeron entrar na produción, así que pensei en Pere Portabella. Contestoume nunha semana, fíxome prometer que o remataría e comentoume que o que máis lle interesaba, ademais da idea, era que a fronte do proxecto estivera un músico.

- Fai dez ou quince anos a renda básica estaba na axenda dos partidos, pasou un tempo esquecida e hoxe volve a entrar no debate. Por que pasou isto?

- Persoalmente estaba convencido de que pasaría. Teño falado moito con Daniel Raventós e coincidimos en que se hai anos era posible falar da proposta como un asunto de xustiza, hoxe en día ademais é necesaria. Cando a clase media empeza a desaparecer e se rompe a relación entre o produtor e o consumidor, tal e como di o capitalista de Amazon que aparece na película, temos un problema. Agora a renda básica xa non é só unha idea de esquerdas, aparece tamén en Silicon Valley, onde ven clarísimo que a tecnoloxía destrúe emprego e non haberá para todos.  

- Por que non aparece ninguén falando contra a proposta?

- Nalgún momento pensei nunha estrutura entre posturas a favor e posturas en contra. Dalgún xeito aparecen diferentes visións sobre determinados temas. Por exemplo, cando se fala da globalización. Pero renunciei a facelo así porque alargaría moito cada cuestión. No tema do fin do traballo segue habendo xente que pensa que as máquinas crearán máis traballo. Isto non o creo.

- A visión desde a política sobre o mundo do traballo parece atender pouco a realidades que se subliñan na película, como esta do fin do traballo.

- Pero é que de verdade queremos crear máis traballo? Si está moi ben que traballemos menos. Esta é unha das ideas que suxiren Brynjolfsson e Andrew McAfee desde o MIT. É ridículo que os políticos sigan prometendo pleno emprego. Atenda ao que di Bauman: temos que desligar a supervivencia do traballo. Isto que significa, que si non é a través do traballo, haberá que distribuír o diñeiro doutra forma. Co avance da tecnoloxía, solucións como o traballado garantido ou o reparto do tempo do traballo pode que non cheguen. Tampouco me interesa moito o debate do financiamento, será cuestión de organizalo.

- Raventós advirte contra o interese da dereita na renda básica, mesmo a Basic Income Earth Network mudou a definición da proposta para precisala.

- Eu non vexo o perigo que sinalan en canto que a dereita aproveite a introdución dunha renda básica para desmantelar servizos públicos esenciais como a sanidade ou a educación. Nun xantar despois do simposio de novembro en Bilbao, non só Dani, senón tamén xente como Lluis Torrens ou os sindicalistas vascos que levan anos traballando a propostas mostrábanse moi desconfiados. A min paréceme que si hai unha caixa común, decidirase que parte reservar para sanidade, educación e demais. Xa veremos que parte destes servizos públicos se precisan. 

- A película descorre a partir da metáfora do barco. Pensas que todos imos no mesmo barco?

- Permíteme unha anécdota. Quixen titular o documental Y la nave va, como o filme de Fellini. Desistín, claro. Estamos nun mesmo barco, si. Exprésao moi ben o home de Amazon. Hoxe en día nin a eles lles funciona. Si desaparecen os consumidores, si estoupa unha guerra mundial, ninguén se vai salvar. Por iso miran con interese a renda básica. 

- Están comprendendo que lles interesa repartir a riqueza?

- A empresas como Amazon o que lles interesa é poder vender os seus produtos. O empresario quere o éxito. Pero evidentemente non se pode esperar que veñan e digan: ‘si, toma os cartos’. É necesaria unha acción política para promover un cambio fiscal enorme.

- Utilizas no documental conversas de cidadáns anónimos en diferentes países do mundo. Todos reflicten realidades moi semellantes sobre o emprego e a posibilidade da renda básica. Que lección tiras de aí?

- Esa foi unha idea de Francisco Mir. Imos ver que di a xente sobre isto, porque os intelectuais poden dicir cousas moi sensatas, pero ao fin a xente fai o que lle peta. Farase o que a maioría da xente queira facer. Dubidei moito sobre que usar para acabar o documental. Tiña varios finais moi potentes. Un deles é cando unha muller di: ‘Faremos cousas, faremos cousas bonitas’. Isto é o cambio cultural que nun momento reclama Mujica. Creo que ese cambio producirase sen necesidade de ter que instruír aos novos. Os meus fillos nin coñecen as marcas dos coches, por que? Porque xa non lles interesan.

- Pode aspirarse cunha renda básica a iso que alguén apunta na película coma unha aproximación á felicidade?

- Non sabemos o que pasará. Nunha conversa con Bauman que non aparece na película, díxome: a felicidade non consiste en non ter problemas, consiste en ter a capacidade para solucionar os problemas. Moitos anos antes, Keynes sinalaba esa incerteza e dicía que o único experimento que temos para saber como se vive sen traballar son as mulleres dos millonarios. Os millonarios traballaban, elas abúrrense.  

- Que esperas deses experimentos en Finlandia ou Holanda?

- Paréceme ben que se fagan, pero son períodos curtos e non se poderá ver iso que podería ser un tema para o próximo documental, que facer nunha vida sen preocupacións materiais. En fin, dubido que a renda básica poida experimentarse. Simplemente chegará.

- Cando?

- Confío en que as novas xeracións teñan a mente máis aberta. Mire, a medida que imos presentando a película en distintas cidades, baixa a media de idade dos asistentes. Que notamos nos debates? Que a xente maior, da nosa xeración, pensa en termos de emprego, de organizacións obreiras fortes, de recuperar o traballo. Os máis mozos, quizá porque non tiveron esa experiencia no mundo do traballo, miran con outros ollos.


 

“É ridículo que os políticos sigan prometendo o pleno emprego”