Defende Meirás | nota de prensa

"Viño novo en ánfora vella", o símbolo da continuidade franquista que permanece no Pazo

BENS EN PERIGO:

  • Unha ánfora do século III a. n. e.
  • Cinco cadeiras, de estilo neogótico con tapicerías bordadas por Emilia Pardo Bazán e outras mulleres da familia.

BENS RETIRADOS

  • Cornamentas de elefante agasallo do Gobernador de Guinea nos anos corenta.
"Viño novo en ánfora vella", o símbolo da continuidade franquista que permanece no Pazo
Cadeiras neoclásicas. FOTO Iniciativa Defende Meirás
Cadeiras neoclásicas. FOTO Iniciativa Defende Meirás

Sada, 19 de maio de 2021.- A Iniciativa Defende Meirás inicia unha serie de publicacións para que a veciñanza de Sada e a cidadanía galega coñeza parte dos bens incluídos no catálogo do Pazo de Meirás que a familia Franco pretende retirar (ou xa retirou nalgún caso) amparándose en controvertidas decisións da Xustiza española e de fondas reminiscencias franquistas, que malia a ser recorridas polo Estado e, singularmente, polo Concello de Sada, a única Administración galega en manter unha firme vixilancia e oposición a un novo espolio, contribúen a impunidade do franquismo e poderían abrir as portas do Pazo para unha última acción de rapina dos herdeiros do ditador.

Ánfora

O 8 de decembro de 1974 o Estado franquista celebrou un acto na residencia oficial (de inverno) da Xefatura do Estado: o Palacio de El Pardo. O motivo, unha homenaxe ao ditador e recoñecemento ao que sería o sucesor de Franco e que encarnaba un "símbolo de continuidad y de futuro" en palabras do ministro del Movimiento, Utrera Molina (pai do hoxe avogado dos Franco que defende sacar esta ánfora -entre outros bens- do Pazo de Meirás como propiedade particular dos netos do ditador). O acto tiña como protagonista á xuventude que a través da Delegación Nacional de Juventud realizou unha demostración de lealdade a Franco e ao seu sucesor. No programa estaba a entrega dunha ánfora púnica "rescatada en el estrecho por submarinistas ceutíes encuadrados en la OJE". "Esta vasija cuya antigüedad data del siglo III antes de Jesucristo lleva la inscricipción 'vino nuevo en ánfora vieja".

Cadeiras neogóticas

Orixinalmente as cadeiras estaban situadas no despacho da planta baixa da Torre de Levante. A peza de maiores proporcións, con brazos e co retrato de Catalina de Alexandría, formaba parte do escritorio de Emilia Pardo Bazán. As cinco cadeiras foron cambiadas de sala na etapa franquista, e son bens móbeis do Pazo de Meirás que a familia Franco reclama para si. Estas pezas atopábanse nas Torres de Meirás en 1938, cando o Pazo foi adquirido pola Junta Pro Pazo del Caudillo en escritura pública o 5 de agosto dese ano. Esta escritura é a única válida segundo as dúas últimas sentenzas a respecto da titularidade do Pazo de Meirás; e nela establecese que estas cadeiras estaban incluídas na compra do Pazo de Meirás, como o resto dos bens móbeis do Pazo.

Cornamentas de elefante traídas da Guinea

En abril de 1940 o Pazo de Meirás estaba en pleno proceso de transformación: ampliación da finca, modificacións na decoración nos xardíns e no interior das Torres, reestruturación de estancias e elementos móbeis. Algúns destes elementos foron conducidos a Meirás coa participación e xestión de diferentes departamentos e institucións públicas, que demostran o carácter público destes bens. Foi o caso de dúas cornamentas de elefante, un agasallo do Gobernador da Guinea española que chegaron por esas datas ao Pazo e que o público podía visitar ata non hai moito no 'hall' principal do acceso ás Torres. As cornamentas chegaron desde a antiga Guinea española á Sede do Goberno Civil da Coruña a finais de abril. Viñan de parte do gobernador Juan Fontán Lobé. Co fin de que estas pezas -"dos colmillos de elefante de metro y medio de longitud"- fosen colocadas no interior do Pazo. E alí permaneceron desde 1940 até o ano 2020. Ou cando menos, moi pouco tempo antes de que Consuelo Castro, Avogada Xeral do Estado, tomase posesión do espazo en nome da Administración Xeral do Estado o pasado 10 de decembro. Pouco antes, a familia Franco tiña entregado as chaves no Xulgado nº 1 de Primeira Instancia da Coruña. Antes retiraron os colmillos xunto con outros elementos que ían retirar en camións de mudanza. O resto da historia xa é coñecida. E agora corremos o risco que máis de bens corran a mesma sorte que os colmillos.

Comentarios
"Viño novo en ánfora vella", o símbolo da continuidade franquista que permanece no Pazo