Coordinadora Galega por un reparto Xusto dos Fondos Europeos

A Xunta nega á cidadanía a información sobre os proxectos que optarán aos fondos europeos de recuperación e as empresas aos que favorecen

A Coordinadora por un reparto Xusto dos Fondos Europeos denuncia a opacidade do goberno galego no reparto e xestión duns cartos que son de toda a cidadanía. As galegas e os galegos descoñecen totalmente para que vai ser empregado o seu diñeiro nin a quen vai ser entregado.

A Xunta nega á cidadanía a información sobre os proxectos que optarán aos fondos europeos de recuperación e as empresas aos que favorecen
Fondos europeos
Reparto Xusto dos Fondos Europeos
  • Feijoó anunciou a existencia de 354 proxectos, mais nega reiteradamente o dereito á información sobre os mesmos á cidadanía e aos outros grupos parlamentarios.
  • A Coordinadora pregúntase que hai realmente detrás de tal ocultación e esixe saber con detalle cales son os proxectos e a que empresas se están a dar

Galiza, 28 de marzo de 2020-. O pasado xoves o Consello da Xunta aprobou a proposta do goberno galego de proxectos para optar aos Fondos Europeos de Reconstrución Next Generation, que a nivel comunitario pretenden mobilizar até 750.000 millóns de euros para dar unha resposta á crise xerada pola COVID-19. O presidente Alberto Núñez Feijoó anunciou até 354 proxectos por un montante cercano aos 20.000 millóns de euros, mais sen dar absolutamente ningún detalle nin información sobre cales son os proxectos, que empresas hai detrás, que mecanismo se utilizou para escollelos e como se van repartir. A Coordinadora Galega por un Reparto Xusto considera intolerábel esta falta de transparencia e participación pública nun proceso do que vai depender o futuro do país.

“É alarmante esta opacidade, porque pode servir para que se rescate só ás grandes corporacións cos cartos de todos e de todas, esquecendo as necesidades básicas de quen realmente sufriu a crise. Esta antidemocrática forma de proceder do goberno galego o único que fai é xerar sospeitas. Preguntámonos se, como aconteceu na crise de 2008, a súa intención é rescatar só ás empresas e deixar á cidadanía ao pairo”, declarou Isabel Vilalba, secretaria xeral do Sindicato Labrego Galego e portavoz da Coordinadora.

A Coordinadora advirte ademais que o programa Next Generation EU está composto por fondos públicos que no futuro teremos que pagar entre todos e todas, polo que é lóxico que o seu uso se someta á participación pública. Só unha parte destes fondos europeos son a fondo perdido, o resto debe ser devolto polo estado beneficiado. Ademais, os fondos cúbrense mediante a emisión de débeda europea, polo que os estados e a súa cidadanía convertiranse en deudores do importe dos mesmos. Asemade, están condicionados á realización de reformas nos eidos laboral e de pensións, e polo tanto teñen que estar suxeitos ao debate e á opinión da cidadanía. 

Malia isto, a Coordinadora sallienta que os fondos, ben empregados, poden ser unha grande oportunidade para comezar a impulsar un cambio sistémico no que imperen a xustiza social e ambiental, mais este manexo antidemocrático parece responder á defensa de intereses privados da élite económica e non ao interese xeral.

“Esiximos á Xunta de Galicia transparencia, participación pública e un reparto xusto dos fondos. Sen transparencia non hai democracia. Se pagamos todas, decidimos todas”, conclúe Isabel Vilalba.

A Coordinadora Galega por un Reparto Xusto dos Fondos Europeos está formada por: A Estruga, Amigos da Terra, Asociación Cultural O Iribio, Asociación Monte Galego, Asociacion Petón do Lobo, Auga limpa Xa!, Comando Ghichas, Ecoloxistas en Acción, FEG, Plataforma Salvemos Catasos, FRUGA, Fundación Montescola, Greenpeace, Instituto Galgo das Terras Comunitarias, Organización Galega de Comunidades de Montes, Opositores Porto-Cabral, Plataforma Salvemos Catasos, Plataforma veciñal mina Touro O Pino non, Rede Galega por un rural vivo, Salvemos a Comarca de Ordes, Sindicato Labrego Galego - Comisións Labregas, Stop Desaucios e Verdegaia

A Xunta nega á cidadanía a información sobre os proxectos que optarán aos fondos europeos de recuperación e as empresas aos que favorecen