“A rede visible” viaxa ao rural á localidade de Rois

O 29 de decembro, a I Mostra de Fotografía “A rede visible” trasládase da capital galega ao rural, á localidade de Rois, onde poderá visitarse ata o 11 de xaneiro de 2021, fronte ao Concello.

“A rede visible” viaxa ao rural á localidade de Rois
A rede visible
A rede visible

Esta iniciativa da asociación pola visibilización LBT “Les Coruña”, saca, por primeira vez, á rúa as imaxes de dezaoito mulleres, da actualidade galega, que poñen rostro e historia a esta realidade, a través das fotografías de Susana Milnes Aler.

Tras percorrer, con gran éxito e afluencia de público, Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela, a exposición de fotografía “A rede visible” viaxa ao interior e sitúase fronte ao Concello de Rois, onde se poderá visitar ata o 11 de xaneiro, que partirá a Arteixo.

A I Mostra “A rede visible”, nace con vocación de continuidade. Poderá verse en rúas, paseos e prazas de todos os concellos que a soliciten. Trátase de incluír a realidade de todas as mulleres galegas. Por iso, figuras extraordinarias da cultura, o deporte, a educación, a política, o mundo empresarial, a gastronomía ou a artesanía de Galicia protagonizan, esta primeira vez, as imaxes desta mostra itinerante.

Son mulleres diversas, que empeñan papeis fundamentais, e que apostan pola visibilidade LBT como Elena Ferro, Marta Álvarez, Lucía Trenor, Artemisa Semedo, Cristy Tojo, Marta Fernández, Andrea Nunes, Rocío Fraga, Maria Falcón, Cristina Yagüe, Páris Xácia e Patricia López- Carcedo.

Ademais, a mostra poderá adquirirse, en forma de calendario, a través da web (lescoruña.es) ou solicitarse por redes sociais en Instagram (@ lescoruña) ou en Facebook. Os fondos que se obteñan, destinaranse ao apoio a proxectos de visibilización LBT e das persoas que, por esta causa, sufran algún tipo de discriminación ou exclusión social.

A exposición contará, tamén, con actividades de participación cidadá, entre elas un PHOTOCALL, no que visitantes, partidos, sindicatos ou asociacións poderán facerse selfies e colgar a súa imaxe en redes sociais, co obxectivo de buscar apoios e ampliar a rede de visibilidade LBT.

PERCORRIDO DE “A REDE VISIBLE”

O 29 de decembro a Mostra recollerase do Paseo dos Leóns de Santiago de Compostela, para situarse fronte ao Concello de Rois. Tras pasar pola Praza de Armas de Ferrol e a Praza de Pontevedra de Coruña poderase ver nesta localidade de Rois ata o 11 de xaneiro do 2021. Despois, trasladarase a Arteixo, á Avenida do Balneario ata o 22 de xaneiro.

A partir desa data “A rede visible” estará dispoñible nos concellos que o soliciten.

A FOTÓGRAFA

A creadora destas imaxes, a fotógrafa Susana Milnes Aler asegura que “é a primeira vez que se realiza unha mostra deste tipo, con mulleres de aquí. Trátase de contar e normalizar as diferentes realidades que conviven en Galicia”. Milnes estudou políticas e produción de cinema en Nova York. Viviu en Francia, Inglaterra e Centroamérica, onde foi testemuña do furacán Mitch. Entón, participou nos labores de apoio e reconstrución da realidade das mulleres de Honduras. O seu traballo caracterízase polo respecto á multiculturalidad e os dereitos básicos das minorías. Na actualidade, é Delegada de Igualdade de Les Coruña.

LES CORUÑA

A asociación de mulleres pola igualdade e a visibilidade lésbica, bisexual e transexual Les Coruña nace da necesidade de crear espazos propios na cidade, para poder interactuar e relacionarse sen presións.

Constrúen unha comunidade plurilingüe, forte e aberta, que acolle e organiza diferentes actividades. Defenden un transfeminismo plural e político, que permita consolidar unha sociedade acolledora e diversa.

“A REDE VISIBILE” 2020

As mulleres que participan na exposición:

-Cristy Tojo Velasco é venezolana e reside en Santiago de Compostela. Rexenta o seu propio ximnasio, o Avalon Kai. Acumula varias medallas e títulos como deportista. Foi Medalla de Ouro nos campionatos de España e Europa senior de Parakárate na modalidade de diversidade visual.

- Lucía Trenor López, é de Oviedo, creceu en Ribadeo e hoxe é coruñesa de adopción. Ocupou varios cargos dentro de Comisións Obreiras e, actualmente, é a Secretaria Xeral da Federación de Servizos de CCOO de Galicia.

- Marta Fernández Herraiz, é compostelá e vive en Coruña. É licenciada en Dereito e en Administración e dirección de empresas, e MBA polo Instituto de Empresa. Fundadora de LesWorking e co-directora xeral de REDI. Ademais, é co-secretaria da Eurocentralasian Lesbian* Community e Embaixadora de It Gets Better España.

- Andrea Nunes Brións, é de Marín, actualmente vive en Santiago. É profesora na Universidade de Ca' Foscari en Venecia (Italia). Viviu en Changchun, Nanjing, Suzhou ou Venezia.

- Elena Ferro Lamela, é natural de Merza, Vila de Cruces. Actualmente vive entre Merza e Coruña. É Zoqueira por tradición e excelencia. Directora xeral de EFERRO. Elena tivo que multiplicar esforzos como muller para conseguir o seu obxectivo como empresaria. Conseguiu dignificar “vos zocos” galegos e poñelos en valor, no mercado, gañándose o respecto do gremio e do público, ata alcanzar recoñecemento internacional. Ten varios premios, entre os que destaca o Premio Nacional de Artesanía 2019.

- Rocío Fraga Sáenz, é de Coruña. Socióloga vocacional e activista feminista. Exerceu como Concelleira de Igualdade e Diversidade do Concello da Coruña, do ano 2015 ao 2019.

- Artemisa Semedo, naceu en Cabo Verde e a súa familia instalouse en Burela, cando ela tiña 5 anos. Actualmente reside en Madrid, desarollando o seu lado máis artístico. Defínese como poeta e performer, e fai teatro comunitario, aínda que o que máis lle gusta é recitar e escribir.

- María Falcón e Cristina Yagüe, son de Cambados e Madrid respectivamente, ambas as veciñas de Vilagarcía de Arousa. Xuntas rexentan a Adega Don Olegario. Xuntas crean Anónimas Viticultoras, que nace co compromiso de poñer en valor a figura da muller no mundo do viño e render homenaxe a todas as mulleres traballadoras que foron invisibilizadas.

- Páris Xácia Ceive naceu en Oklahoma City e actualmente vive na Ribeira Sacra. Construíu ¨Sete Outeiros¨, un espazo aberto e gratuíto na natureza, que ela mesma xestiona. Considerado un espazo sacro para a comunidade, afirma que non o conseguiu soa, senón grazas ao apoio, axuda e participación da mesma comunidade.

- Patricia López-Carcedo é de Vigo, aínda que hoxe reside en Nigrán. É voluntaria de Protección Civil e Tripulante de Pasaxeiros de Cabina. Actualmente estuda Técnica en Emerxencias Sanitarias.

- Marta Álvarez Quintero naceu en Vigo. Estudou empresariais, pero acabou en Monterroso, Lugo, onde rexenta a súa explotación leiteira ¨Granxa Maruxa¨. Ademais, forma parte do equipo que organiza o Festival Agrocuir de Ulloa, que nace co obxectivo de reivindicar a diversidade sexual e de xénero no rural.

Comentarios
“A rede visible” viaxa ao rural á localidade de Rois